Kevin Naya (Culleredo, 1995) é un dos estandartes do Queixas, un equipo que calcou os dous últimos anos do Sporting Coruñés, con ascensos consecutivos en Terceira e Segunda Futgal. Agora teñen por diante o reto de competir en Primeira, categoría na que entende será fundamental o nivel que exhiban como locais. Unha nova experiencia para un xogador que incluso alcanzou a Preferente da man do Betanzos. Tras iso, voltou ao seu equipo para xogar na última división.
Toda a tempada foi moi boa, pero na segunda volta só cederon dez puntos. Cal foi a clave deste rendemento?
Houbo lesións, pero moita xente que en principio ía xogar menos deu un paso adiante. Puxéronse axiña ao nivel dos demais e fallamos menos que o resto de equipos.
Levan dous ascensos en dous anos. Que lle di isto?
Evidentemente tes que marcar máis goles que os demais, pero é moi importante facer un bo grupo. Moita xente do ano anterior seguiu e houbo fichaxes que aportaron moito. Cando vai un tramo de Liga ves polo que podes loitar, pero éramos conscientes dende o inicio de que había bo equipo.
Como visualizas ao Queixas en Primeira?
Unha das vantaxes que temos é o noso campo —A Revolta—, que é de dimensións reducidas (95 x 45 metros). Eu son dos que penso que, facéndoo ben no teu campo, non chegas ao playoff, pero dáche para salvarte. Dependerá da continuidade da xente e de que veña algún xogador máis.
Leva no equipo dende 2015, pero na tempada 2022-23 estivo no Betanzos. Que recordos garda desa etapa?
Ata que me lesionei —non volveu xogar trala xornada 9—, foi unha bonita experiencia, aínda que non xogara tanto como me gustaría. Era un equipo con miras de ascender a Terceira Federación, como así foi finalmente, e notábase que todo está moi estruturado.
Imaxino que logo non dubidou en volver ao Queixas.
Eu fun probar a Betanzos, pero sabía que moi ben tería que ir para ser cousa de moitos anos. Tiña o ‘gusaniño’ de xogar máis arriba, porque xa me chamara algún equipo antes, pero cos fillos tamén se complica andar por aí. Está claro que se aquí estivera mal non tería voltado. Gústame a xente e a directiva, que leva tempo facendo moi ben as cousas.
Que significa o clube para alguén que leva tanto tempo nas súas filas?
Quedan poucos dos xogadores que había cando empecei, pero considero que é a miña casa. Ás veces marcho enfadado, porque non son conformista, pero é o bonito tamén. Sempre miramos cara arriba. Iso é o primeiro cando fas o que che gusta.
“Este es el cuarto año que voy a retirarme”, dixo o teu compañeiro Minguilla nunha entrevista con este xornal. Vai en serio desta vez?
El di que para, pero é unha persoa á que lle gusta competir e que físicamente está ben, polo que supoño que continuará. Dentro dun mes e medio ou dous saberémolo.
¿Que xogador da Liga na que ascenderon non pode faltar nesta sección?
Gustoume moito Daniel Ridpath, do Sada, un extremo rápido e con moito potencial. E logo tamén diría a Varito, do Imperator, que ademais foi un dos máximos goleadores.