Marcos Aboal Vázquez (A Coruña, 1970) é Pulpiño Viascón, fillo do rock bravú e integrante dos míticos Diplomáticos de Monte Alto. Batería, acordeonista ou descubridor de instrumentos coma o serruncho, viaxou por media Europa para desenvolver a súa faceta de pallaso e para levar a música popular galega ata os confíns do continente. Tamén colabora con artistas como Manu Chao ou Susana Seivane e, de volta ás súas orixes, pódeselle ver en festas, pasarúas ou teatros aos mandos da Organeta ou a Trikimachín. Pulpiño é un home orquestra ou, como el mesmo faise chamar, un One Man Band. Nada que ver cos One Club Man do fútbol máis romántico, aínda que o coruñés identifícase coa filosofía do Athletic Club.
Cal era a súa relación co deporte cando era neno?
O meu papá levábame a ver o Chaston, que foi campión de España, e ao Liceo, que o gañou. Do fútbol sala acórdome moito de Denís, un brasileiro que ficharan porque era dos mellores do mundo e nada máis empezar os partidos xa tiraba desde o centro do campo. Era un crack, un espectáculo, e acabou de porteiro na Chaston (risas). Do Liceo gustábame moito Areces e hai pouco puxéronse en contacto comigo desde o club para ver se podían utilizar a canción Na Coruña de rachí, de O Jarbanzo Negro, deilles permiso e todos contentos.
Practicaba algún deporte?
Era moi malo xogando ao fútbol, pero tiña un don co pimpón. Fun subcampión galego infantil, xa ves ti, subcampión (risas). Acórdome de xogar moito co meu irmán, que si foi campión, cunhas cintas de casete para separar a pista na mesa do comedor. Logo iamos xogar os torneos á Solana. Pasabámonos o día xogando, pero o meu sempre foi tocar a batería, que de verdade é como facer deporte porque se súa moito.
Por xeración tocoulle vivir a explosión do SúperDépor.
A era do SúperDépor coincidiu cos anos de Diplomáticos de Monte Alto. Adicámoslle unha canción a Arsenio Iglesias e chegámolo a coñecer, era moi simpático e próximo. Pero a verdade é que nunca tiven moito entusiasmo polo fútbol e menos aínda polos roces entre Dépor e Celta. Cando iamos tocar a Vigo sempre había movida cos Celtarras. Acórdome unha vez que tocabamos con Negu Gorriak e viñeron cantarnos: “POR-TU-GAL, POR-TU-GAL”. Xurxo [Souto, cantante de Os Diplomáticos], que era moi diplomático, pediu calma. Á fin e ao cabo todos somos galegos. Eu sempre estiven á marxe de todo iso porque teño moita familia no sur. O meu apelido vén dun pobo de Pontevedra.
Gravou cos diplomáticos Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo un himno ao Dépor: O Son dás túas ondas, que di ‘Onde esteas estaremos, o Dépor somos nós’. A realidade é que o Dépor cada vez é menos da xente.
É unha canción cunha letra moi bonita de Rodri Suárez. Penso que o fútbol sempre foi un negocio máis que un xogo, como tamén o é a música. A xente está aí porque ama aos seus equipos. Que o club sexa agora dun banco rompe un pouco o carisma ou o cariño xeral, é algo a ter en conta, pero os tempos cambian e a xente adáptase.
Tamén lle adicaron un tema ao xogo popular galego por excelencia: Oda o futbolín.
Foi unha letra que se fixo por reivindicar o futbolín e para falar do seu inventor, Alexandre de Fisterra, que era galego. A letra é de Xurxo Souto e é un tema bandeira que eu sempre toco no meu repertorio de home orquestra. A xente sábea de memoria. Quedou aí para sempre, como unha canción popular.
Cando viaxou por media Europa identificábanlle co Dépor por ser da Coruña?
Galicia exporta moitas cousas á parte do fútbol e levamos a música galega por toda Europa co Jarbanzo Negro, desde Rusia ata Finlandia. Naquela época, por desgraza, era dicir que viña de Galicia e me preguntaban polo Prestige e o Nunca Máis. Preguntábanme máis por Os Diplomáticos que polo Dépor. Son cancións que traspasaron fronteiras, sobre todo polos inmigrantes.
O One Band Man tamén é un One Club Man?
Non ten moito en común, pero que un futbolista xogue toda a carreira nun mesmo equipo é unha actitude bastante bonita. Eu non son de ningún equipo en concreto, apoio a todos os galegos. De feito estráñame que sendo da Coruña chamásenme para tocar antes dun partido do Celta, pero eu fun tan feliz e contento. Iso si, sempre me gustou o Athletic por esa historia de que sexan todos de alí. Síntome identificado.
Segue facendo deporte?
Pouco fago. Tiven unha bici de trial e fixen os meus pinitos. Agora toco a Trikitixa, un acordeón vasco diatónico. Faime suar bastante. E cando vou de home orquestra tamén acabo mallado. É como correr os 100 metros lisos (risas).
Tona, un novo proxecto |
Pulpiño atende a este xornal xusto antes de entrar ao estudo de gravación con Miguel Cernadas, cantante de Terbutalina, e Tomás Ageitos, técnico de son e produtor, os tres inmersos nun novo proxecto: Tona. “É como se lle chama á monda da laranxa ou á nata do leite”, desvela o músico coruñés, que ademais de rular por toda Galicia coa Trikimachín, a Organeta ou o serrón, colabora noutros procesos creativos: “Estamos a gravar un disco, é un proxecto moi bonito e diferente a todo o que está a pasar dentro do mundo do folk”. |