A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou onte xunto ao presidente da Federación Galega de Volei, José Ángel Luna, os tres campionatos desta disciplina deportiva que as praias de Riazor e Orzán acollerán nas vindeiras semanas. A primeira proba, o circuíto galego de categorías inferiores, terá lugar esta fin de semana. Participarán un total de 240 nenas en nenos, e contará coa colaboración do club coruñés das Calasancias.
A concelleira sinalou que a cidade terá a oportunidade de ver as e os mellores xogadores no areal de Riazor grazas á Federación Galega de volei que elixiu a cidade como escenario de distintas probas. “Deste xeito, o deporte convértese no mellor escaparate da nosa cidade”, dixo.
Martínez reiterou o compromiso do Goberno de Inés Rey co deporte e prácticas de actividades deportivas na cidade. “A prioridade da alcaldesa é manter o benestar das e dos coruñeses facilitando a práctica do deporte saudable a través de programas como “Coruña no mar” ou “Coruña en forma,” programas que están tendo un éxito enorme grazas tamén á responsabilidade das persoas participantes”, dixo.
Ademais da proba que comeza hoxe, a concelleira anunciou que a vindeira fin de semana, 14 e 15 de agosto, a cidade poderá desfrutar do Campionato Galego senior, que contará con 96 persoas participantes, 48 homes e 40 mulleres , e “xa enganchamos toda a semana seguinte, do 16 ao 22 de agosto, co Campionato de España Senior de clubs que reunirá na cidade a 288 deportistas”.
Martínez lembrou que como todos os eventos deportivos que leva organizados o Concello, estes contarán cos precisos protocolos e medidas de seguridade para garantir a saúde tanto das persoas participantes como da afección presente nos partidos, tanto desde as bancadas coma desde o Paseo Marítimo. “A Federación Galega de volei ten todo disposto para que os eventos decorran coa maior normalidade posible, dentro da situación que nos está tocando vivir”.
Durante o desenvolvemento dos campionatos e das actividades sinalizaranse correctamente as zonas de paso para evitar aglomeracións de persoas e controlar a fluidez na vía pública.