Menú
El Ideal Gallego Diario de Ferrol Diario de Arousa
YouTube Twitter Newsletter Instagram Facebook

A Deputación inviste millón e medio para as entidades da provincia

Cristina Capelán é a deputada responsable da área de Deportes | dc
|

A Deputación da Coruña inviste 1.550.000 euros para dar apoio ás entidades deportivas sen ánimo de lucro da provincia na organización de grandes eventos e na participación de equipos e deportistas en competicións nacionais e internacionais.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte as bases destas subvencións a través das que o ente provincial busca promocionar a actividade deportiva na provincia, promocionando o deporte base e as competicións de alto nivel.

Así pois, o ente provincial inviste 1.050.000 euros para apoiar a clubs deportivos con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito nacional ou internacional. O obxecto deste programa é financiar os gastos derivados da súa participación en competicións oficiais federadas.

Entre as modalidades financiadas figuran atletismo, baloncesto, balonmán, béisbol, duatlón, fútbol, fútbol sala, halterofilia, hockei, kayak polo, rugbi, tenis de mesa, traíñas, voleibol, triatlón e deportes náuticos. Só poderá solicitarse subvención por unha modalidade deportiva e categoría.

Por outra banda, a Deputación destina 500.000 euros para financiar eventos de gran repercusión no territorio, tanto a nivel deportivo como social e económico.

 

Ata 70.000

As contías dirixidas ás diferentes entidades poderán oscilar entre un mínimo de 6.000 euros e un máximo de 70.000 euros e permitirán financiar gastos como a compra de bens destinados á actividade, material para protexerse da Covid-19, transporte ou publicidade, entre outros.

Como requisitos para presentar un proxecto: que o evento estea incluído no calendario de competicións oficiais e que cada entidade presente só unha iniciativa.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou a importancia de programas como estes á hora de “impulsar a equipos e deportistas da provincia, dando apoio ao deporte galego nas diferentes categorías e disciplinas para situalo na vangarda”.

As solicitudes a ambas axudas deberán presentarse de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

O prazo para facelo determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa no BOP da Coruña, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.

A Deputación inviste millón e medio para as entidades da provincia