Menú
El Ideal Gallego Diario de Ferrol Diario de Arousa
YouTube Twitter Newsletter Instagram Facebook

Oza terá unha base náutica

Vista de los antiguos astilleros, con la playa de Oza a la izquierda | pedro puig
|

A Xunta de Goberno local aprobará o próximo martes as condicións da concesión que permitirá construír unha base náutica nas antigas instalacións de Astilleros Valiña, en Oza, logo de que Demarcación de Costas lle autorizase ao Concello o uso público destes terreos por dez anos, prorrogables a 50 anos como máximo.

Serán preto de 7600 metros cadrados polos que non se terá que pagar o canon de ocupación e que se utilizarán para darlles cabida ás distintas especialidades náuticas da cidade.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, sinalou que se aproveitará toda a infraestrutura preexistente no perímetro relacionada co deporte para ofrecerlles ás e aos especialistas náuticos os servizos e recursos que necesiten.

“Aquí acolleranse todo tipo de actividades náuticas deportivas, principalmente as federadas, e dotarase A Coruña con todos os equipamentos precisos para practicar as distintas modalidades”.

Deste xeito, a edila asegura que se lle dará resposta a unha demanda de hai anos das persoas afeccionadas aos deportes que se realizan na auga. As instalacións outorgadas ao Concello son as que se inclúen na ‘Memoria xustificativa e descritiva para solicitude de concesión de DPMT na zona de Oza’.

No Prego de condicións particulares e prescricións (PCPP) remitido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, reflíctese que o Concello está exento do pago do canon de ocupación sempre que non haxa unha explotación lucrativa. 

Se a actividade da base náutica deixa de ser xestionada polo Concello e se leva a cabo a través de empresas federadas, a Dirección Xeral da Costa e do Mar calculará a taxa correspondente.

En setembro, o Concello solicitou a concesión de ocupación desta superficie para a explotación dunha base náutica, que consistirá no aproveitamento das instalacións que xa teñen este fin en Oza xunto a outras zonas delimitadas.

7631 metros cadrados
Esas zonas comprenden o dique de coieira que fai tamén de muro de contención do areal de Oza, o dique de coieira da zona sur, os terreos que abarcan os peiraos máis a explanada, as ramplas de lanzamento de embarcacións, dúas naves para almacenaxe de piraguas e material de 541 metros cadrados e unha edificación transportable de 24 metros cadrados, tipo casetas de obra metálicas, que se usarán para vestiarios e despacho.

Desta forma, a ocupación total de dominio público marítimo terrestre asociada á actuación é de aproximadamente 7631 metros cadrados, segundo a Demarcacións de Costas.

Oza terá unha base náutica