O Concello iniciou os traballos de construción do novo campo de fútbol de Eirís, unha instalación deportiva lindeira coa avenida de Lamadosa.
A empresa Construcciones López Cao, adxudicataria das obras, xa está a executar a intervención necesaria para ampliar a superficie dispoñible na contorna do campo, tras instalarse un valado provisional para acoutar os espazos de intervención.
O prazo previsto para a execución das obras é de oito meses.
Como paso previo ao inicio dos traballos, a Xunta de Goberno Local aprobou a finais de marzo a designación da dirección de obra para facer o seguimento e orientación das obras, nas que se investirán dous millóns de euros.
A principal intervención está centrada na remodelación do campo de fútbol, que actualmente é de terra e pasará a ser de céspede artificial.
O ancho e longo do campo adaptaranse, ademais, aos estándares marcados pola FIFA: se as medidas actuais son de 80x53 para o terreo de xogo e 83x57 de superficie total, tras completarse os traballos pasarán a ser de 90x50,25 e 94x54,25, respectivamente. A maiores, tamén se dotará o campo con catro torres de iluminación (con catro proxectores en cada unha delas), e disporanse dous bancos para fútbol-11 e catro para fútbol-7.
Por último, a disposición do peche perimetral do campo, de tipoloxía permeable de dous metros de altura, implicará a instalación de postes de chapa de aceiro de 50x50mm.
Ademais da construción do novo campo de fútbol, no contexto das obras tamén se levará a cabo a creación dunha nova área de vestiarios.