Galicia quere revalidar o título na proba de Team Relay
lll
17º-23º

Galicia quere revalidar o título na proba de Team Relay

Galicia quere revalidar o título na proba de Team Relay
Os representantes galegos tiveron onte a oportunidade de adestrar no esceario da competición | fgc

Usuario

Con 25 ciclistas e unha motivación especial a selección de Galicia preséntase na localidade valenciana de Xàtiva para participar nos Campionatos de España de Ciclocrós 2022. No primeiro aniversario da morte de Guillermo Sande, falecido durante o Nacional desta especialidade celebrado hai doce meses en Torrelavega, o combinado autonómico quere homenaxear á figura de quen foi seu técnico durante case 25 anos.

A primeira oportunidade de brindarlle un éxito chegará hoxe no Team Relay, proba por equipos que o conxunto galego se adxudicou no 2019, a última vez que se disputou, con Sande como seleccionador.

Tras dous anos ausente no programa deste evento, a carreira por remudas Team Relay regresa aos Campionatos de Españas con Galicia defendendo a coroa obtida en Pontevedra. A saída darase ás 16.00 horas e as seleccións autonómicas estarán representadas por un sexteto (formado por un cadete, un junior, un sub-23, unha muller, un élite e un máster) no que cada ciclista terá que completar unha volta ao circuíto. Esta competición será un aperitivo das probas individuais que se celebrarán na fin de semana.



Para mañá


A referencia para o ciclocrós galego sitúase nas dez medallas obtidas no 2021. A loita polos títulos de cada categorías arrancará mañá cos grupos de idade máster masculinos. Andrés Calvete (Monte Xalo), que a partir das 10.45 horas entrará en acción na carreira máster-40, será o único corredor do combinado dirixido por Alberto del Río que tome parte nesta sesión.

Pola tarde chegará a quenda, ás 15.00 horas, das mulleres máster e xunto a elas comparecerán as cadetes, categoría para a que Galicia seleccionou a cinco rapazas: María Filgueiras (Río Miera), Aroa Otero (Froiz), Lorena Patiño (Compostelano), Iris Fernández (Maceda) e Marta Estévez (Froiz). O programa do sábado pecharase cos cadetes masculinos (15.50 h.), unha carreira na que defenderán as cores da Federación Ciclismo Galego (FCG) sete rapaces: Tomás Pombo (Cambre), Martín Díaz (Caimanes Betanzos), Xoel Cidrás (XSM), Manuel Alonso (Os Esfola Arrós), Mauro Vega (Coruxo), Santiago Otero (XSM) e Gael García (Compostelano).



Domingo


A última xornada encargaranse de abrila os juniors. Ricardo Buba (Coruxo), Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) e André Martínez (Avanza-O Porriño) compoñen o trío de xuvenís galegos que ás 9.30 horas se porán en marcha. A continuación, ás 10.30, outros tres corredores do combinado autonómico estarán na liña de saída da competición sub-23: Miguel Rodríguez e Fabián Rodríguez, ambos do Froiz, e Borja Gómez (Ponteareas).

As dúas probas raíñas dos campionatos quedan para o final. Galicia contará con cinco corredoras dende as 11.55 horas na gran carreira feminina: as juniors Laura Mira e Uxía Soto, ambas do Froiz, e Sarela Conde (Academia Postal-Abanca); a sub-23 Carla Fernández (Team Farto-BTC); e a élite Irene Trabazo (XSM). O colofón en Xátiva correrá a cargo dos élites masculinos, dende ás 13.00, con Samuel González (Máis Que Bicis) como representante do equipo galego.

A Selección da FCG leva varias semanas preparando este evento. O 11 de decembro desprazouse a Xátiva para participar coas e cos juniors, máis o sub-23 Miguel Rodríguez, na cita de categoría UCI C2 que tivo lugar no mesmo circuíto que acollerá os Campionatos de España.

Ademais, organizou durante este Nadal unha dobre xornada de formación e adestramento para cadetes e juniors no Porriño e na praia de Aguete en Marín, aproveitando este segundo escenario para practicar os treitos de area que poden marcar diferenzas no trazado valenciano. 

Galicia quere revalidar o título na proba de Team Relay

Te puede interesar