Con presente... e moito futuro
lll
17º-23º

Con presente... e moito futuro

Con presente... e moito futuro
Candela Martínez y Emma Suárez

Usuario

Con pés de chumbo e cun traballo de base discreto pero eficaz, o remo en Ferrolterra faise forte. As escolas gozan de boa saúde e, desde a pandemia, percíbese un maior interese por un deporte que ten un gran potencial. 


Ademais, os resultados nos niveis competitivos altos están chegando desde hai anos e xa non é raro que aquel camiño que encetaron, por exemplo, especialistas como Joaquín Montero ou Malena Barro, teña continuidade nas novas xeracións. En categoría feminina, esta evolución é notoria e, así, é habitual que nas concentracións que organiza a Federación Española de Remo e nas competicións nas que participa haxa presenza ferrolterrá.


O último exemplo é a Copa da Xuventude, edición que tivo lugar a primeira fin de semana deste mes no encoro de Castrelo de Miño.

 

Éxitos
Ferrolterra estivo representada neste evento dirixido aos deportistas en idade xuvenil. Emma Vázquez, do Remo San Felipe, e Candela Martínez, de Cedeira, repetían presenza na proba logo da edición do ano pasado, culminando así unha tempada intensa e na que obtiveron nada menos que cinco medallas nas modalidades nas que participaron. Vázquez fíxoo, ademais, como temoneira tanto no catro feminino coma no masculino.


O resultado do seu traballo foron cinco metais. Vázquez, que tivo como compañeiros a Alberto Rocha, José Manuel López, Nicolae Vatamaniuc e Ricardo González no masculino, e a Lucía Ruiz, Laura Turón, Laura Montes e Myriam Molina, no feminino, acadou unha prata e un cuarto posto cos primeiros e un ouro e un subcampionato coas segundas. 


Candela Martínez, pola súa banda, fixo tándem con Paula Malagelada e tamén subiu ao podio en dúas ocasións; o primeiro día para recibir o premio como segundas clasificadas e na xornada de peche da competición, o bronce co que selaron una cita exitosa. 

 

Candela Martu00ednez
Candela Martu00ednez

 

Candela Martínez, Remo Cedeira

“Estou moi contenta e satisfeita co resultado porque dimos todo o que podiamos na regata”


De sobresaínte foi a participación da cedeiresa Candela Martínez na Copa da Xuventude que se disputou en Castrelo de Miño. Xunto coa súa compañeira Paula Malagelada, o dobre scull que representou a España na competición europea de idade xuvenil acadou unha prata e un bronce, un balance destacado tendo en conta que este foi o seu primeiro ano na categoría. “Estou moi contenta e satisfeita co resultado, a verdade, porque dimos todo o que puidemos e, por suposto, polo feito de poder disputar unha regata internacional coma esta. Traballarei moi duro para poder repetir o ano que vén”, apunta a remeira do Cedeira. 


Para Martínez, esta participación ten un sabor especial. “Despois da regata do ano pasado na Copa tiven unha tempada moi dura, non me saíron ben os campionatos por diferentes motivos –Covid, lesións–. Non foron meses bos e ter entrado agora na concentración de verán despois de non facelo na de Semana Santa foi un alivio”. 


Hai seis anos que Candela comezou no remo e recoñece que en ningún momento pensou en ter este percorrido. “Para nada, non”, admite, aínda que está concienciada para que esa traxectoria poida ter continuidade e, así, tras un breve descanso, xa ten comezado a adestrar para prepararse para o seu segundo ano en idade xuvenil.

 

Emma Vu00e1zquez
Emma Vu00e1zquez

 

Emma Vázquez, Remo San Felipe

“Era un barco novo e tamén pasei nervos, pero menos que o ano pasado no Mundial”


Como Candela, o descanso de Emma Vázquez, do Remo San Felipe, é algo moi relativo e, por iso, aínda que falta tempo para o inicio das competicións, segue adestrando estes días, despois da súa segunda participación na proba continental celebrada en Castrelo. 


“O ano pasado participei con outro barco e nesta Copa, sobre todo na primeira regata que disputamos, sentinme algo nervosa. Levaba dúas semanas con eles, pero era un barco diferente. Aínda así, o ano pasado no Mundial estíveno moito máis”, recoñece. 


Vázquez foi temoneira tanto no catro masculino coma no feminino, grupos cos que acadou tres medallas e entre os que apenas percibe diferenzas á hora de traballar e preparar as probas. “Realmente hai moi pouca”, explica a remeira, que principiará agora o seu segundo ano xuvenil e a oitava tempada no mundo do remo.  


A deportista do clube San Felipe, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, entrou nas convocatorias da Federación Española o exercicio pasado e o seu o obxectivo é manterse a vindeira tempada, para a que aínda non se ten marcado metas concretas. “Ata o campionato de fondo non concretamos os obxectivos porque é aí cando comezas a ver o nivel do resto”, di. 

Con presente... e moito futuro

Te puede interesar