Fernando Vázquez, exadestrador do RC Deportivo o pasado curso 20-21, acudiu onte en A Coruña a declarar como testemuña no xuízo que o expreparador físico José Ángel Franganillo mantén co clube herculino.
En declaracións a Radio Marca analizou a súa vida actual fóra dos terreos de xogo e a súa perspectiva da campaña que está asinando o seu querido Depor.
“Estou un pouco alonxado dos medios pero estou perfecto, ben de saúde e sigo facendo o que fago cando non adestro, ando en bici, ver fútbol e estudiar un pouco”, dixo.
No plano deportivo, o de Castrofeito amosouse bastante optimista.
“Se non pasa nada raro para o ano estaremos en Segunda A”, espetou.
O equipo sufriu unha transformación absoluta para ben
Vázquez incidiu tamén no inxusto que dende o seu punto de vista foi o deseño da Liga 20-21 en Segunda B.
“O ano pasado protestamos polo sistema competitivo, había que clasificarte entre os tres primeiros e se non descendías, era unha burrada. O primeiro sempre debe ascender, como este ano”, precisou.
O ‘mestre’ branquiazul louvou o rendemento do Deportivo actual. “Coñezo a poucos futbolistas deste ano, foi unha transformación absoluta para ben; está rendindo a un nivel extraordinario”, subliñou.
Por último, rendiuse ante os seareiros de Riazor. “Esta afección é das mellores de España con diferencia, sabe estar nos malos momentos; se non houbera a pandemia o Depor seguiría en Segunda. Cometeuse unha inxustiza enorme, como mínimo merecíamos un xuízo deportivo”, dixo.