O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de recibir aos deportistas da Federación Galega de Surf que se proclamaron recentemente campións de España nas súas diferentes especialidades. O mandatario galego asegurou que, Esperanza Barreras, Guillermo Carracedo e Carlos Dopico son a “clara mostra da hexemonía galega nos deportes náuticos en xeral, así como en todas e cada unha das vertentes so surf, o que converte a Galicia nunha terra polideportiva, multidisciplinar e diversa con grandes referentes para todos os nenos e nenas”.
Lete Lasa lembrou que Galicia xa conta con grandes eventos como o Pantín Classic, o Junior Qualifying Series 1.000 Gadis Pro Ferrol ou o Campionato de España de Surfing que se vén de celebrar por oitava vez consecutiva en Galicia. Ademais, Lete Lasa puxo o acento nos deportistas galegos de surf que levan conseguindo grandes resultados nos últimos anos desde pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero ata estes tres novos campións de España”.
A nigranesa Esperanza Barreras vén de proclamarse campioa de España de SUP (stand up paddle) longa distancia en Nigrán. Neste ano tamén acadou os campionatos de España de SUP velocidade e SUP carreira técnica.
Guillermo Carracedo (Muros) proclamouse campión de España de SUP ondas en Xixón por cuarta vez consecutiva. No ano 2019 acadou a quinta praza no mundial da súa disciplina.
O coruñés Carlos Dopico é o primeiro campión de surf adaptado galego da historia. Acadou o seu título Nacional que se vén de celebrar en Nigrán. Carlos atópase en pleno proceso de recoñecemento como deportista galego de alto nivel (DGAN).