A VII Carreira da auga-Pingas para o Níxer celebrada en Sada contou con preto de 1.500 participantes entre as dúas Andainas e as diversas probas que se celebraron ao longo de toda a mañá no paseo Marítimo da localidade. Os gañadores absolutos foron Juan Bueno en categoría masculina e Begoña Pacio na feminina.
A organización, a cargo do Club Atletismo Sada e a concellaría de Deportes do Concello, recadou coas inscricións un total de 7.450 euros destinados na súa totalidade ao proxecto ‘Pingas para Níxer’ de UNICEF que persegue conseguir auga potable nas escolas deste país africano.
A campaña ‘Pingas para Níxer’ é un programa de UNICEF que se iniciou en 2008 co fin de contribuír a dar a coñecer a importancia da auga como dereito humano básico e a súa relación coa supervivencia infantil nun dos países máis pobres do mundo onde o 59,5 por cento da poboación sofre de pobreza absoluta, o 50 por cento non ten acceso á auga potable, o 90 por cento non ten acceso a saneamento e o 71 por cento de adultos permanecen sen alfabetizar. Na proba sadense colaboraron diversas empresas.