O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, presentou onte en María Pita a decimoquinta edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, organizada pola Escola Garrapucho, a Federación Galega e o concello, que este sábado reunirá no Coliseum máis de 500 participantes que competirán nas categorías de alevín, infantil, cadete, júnior, sénior, máster 1 e 2.
A entrada será gratuíta e realizarase, como todos os anos, unha actividade solidaria: unha recollida de alimentos para a Cociña Económica.
A cita deportiva dividirase en xornada de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, e de tarde de 15.00 a 20.00 horas. O edil de Deportes agradeceulles ás persoas organizadoras o traballo que realizan desde o club para potenciar a disciplina do taekwondo na cidade e, quixo facer fincapé de maneira especial no “compoñente social que leva asociado”.
Borrego convidou a todas e todos os coruñeses a asistir ao evento deportivo e achegarlle o seu gran de area a unha causa social tan importante como a Cociña Económica.
Pola súa banda, Pedro Rodríguez, representante do club Garrapucho, explicou que a proba coruñesa outorga a máxima puntuación RG3 no ránking galego para as clasificatorias nacionais, e que esperan que máis de 2.000 persoas se acheguen este sábado ao Coliseum para gozar dun torneo no que participan, ademais de clubs galegos, de Asturias, Baleares, Castela-León e Portugal.
Na presentación da proba estiveron tamén a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Melián, e o director da Escola de Artes Marciais Garrapucho, José Luis Garrapucho.