Ten 28 anos e suma catorce xogando para o Laracha. Media vida no club. Chegou en categoría alevín e xogou ata cadetes (cinco anos) para posteriormente protagonizar unha nova etapa no primeiro equipo que durou outras nove tempadas. É o eterno capitán. Brazalete e a xogar, na posición que sexa. Que fai falta ser central? Pois central. Que é necesario xogar de lateral? Sen problema. Que hoxe non toca xogar? Pois a animar desde o banco ou a bancada. É Iván Martínez Dubra (Laracha, 1991), defensa que comunicou que deixa o Laracha despois de ser o escudo do club nos últimos anos..
Por que marchas do Laracha?
Marcho porque decidín que, despois de tantos anos, era hora de dar un cambio. Iso, engadido a que despois de aprobar a oposición, vou estar na academia ata novembro e non vou ter total dispoñibilidade, doume pé a tomar esa decisión. A partir de aí, si, a miña idea é fichar nalgún equipo e seguir xogando.
Lembras os teus primeiros pasos no Laracha? Tes algunha anécdota daquel primeiro ano?
Si, recordo que de alevín, o primeiro adestramento foi no pabellón municipal, e presenteime a adestrar en pantalóns vaqueiros (risas).
Como foi o teu primeiro partido co Laracha? Lémbralo?
Lémbroo perfectamente. O primeiro partido nesta etapa sénior foi no campo do Laxe, un amistoso nas súas festas. E sorprendentemente, marcara dous goles en dous córners consecutivos, case tanto como no resto dos oito anos posteriores. Algo anecdótico, nunca mellor dito.
Con que quedas do teu paso polo Laracha?
É un tópico pero quedo ca cantidade de amigos que me levo, algúns, como Jose Suizo ou Miguel Taibo, que son como irmáns practicamente.
Se tiveses que quedar cun só momento, cal sería?
Pois se me permites, vou quedar con dous momentos. O primeiro, o último ascenso a Terceira, con xogadores que levabamos moitos anos no club, todos practicamente da casa, e despois dun final de tempada tremendo. E o segundo, o derbi en Preferente na Porta Santa no que gañamos 0-3. Un partido perfecto que significou moito para o club e para os xogadores.
E cal foi o peor momento?
Esta última tempada. Cero minutos e unha lesión que non me permitiu nin sequera adestrar. Por sorte estou totalmente recuperado e con ganas de volver a competir.
Que aprendiches no Laracha?
Aprendín moito e aprendín dos mellores. Manuel Mosquera, Chollas e Óscar Gilsanz foron adestradores que me marcaron. Ensináronme a ser forte nos peores momentos, a que con traballo se pode conseguir todo o que te propoñas, e que nisto do fútbol, sen os teus non eres nada. Por sorte, tiven fallos, que tamén me axudaron a aprender o que non hai que facer. A eles e a todos os meus compañeiros estoulles moi agradecido.
Lembras algunha anécdota ou tradición no Laracha que sirva para exemplificar como era para ti o club?
O famoso ‘Artículo 44’ de Manuel Mosquera. Viña a dicir algo así como que pase o que pase, aínda que vaia todo mal, non hai excusas, só traballo, traballo e traballo. E así foi, que tivemos tres tempadas espectaculares.
Como viviches desde dentro os problemas extradeportivos que houbo ao longo dos anos no Laracha?
Evadido completamente. Obviamente quería saber que ía pasar no club, pero sen máis. Adicándome a xogar e a demostrar no campo. Tempada tras tempada, se querían contar conmigo, xenial, e senón tamén. Por sorte, foron moitos anos nos que, xogando ou sen xogar, puiden demostrar que o meu compromiso co club era total e que me ía partir a cara literalmente por el.
Unha das túas características principais é que non dás ningún balón por perdido e iso provocouche multitude de golpes durante o teu paso polo Laracha. Alguen do club che fixo bromas sobre iso ou lembras algún golpe en especial?
Pero sempre (risas). Non sei, non lle atopo explicación, pero foi así. Recordo o último golpe, un codazo na cella contra o Racing de Ferrol co que literalmente non podía abrir o ollo e tiven que saír. Silvia, a nosa fisio, sempre me vacilaba e supoño que xa estaba resignada comigo. Débolle pouco menos que a vida a ela, sempre miraba por min para que ó finde seguinte estivera ao 100%. Outra grande amiga que me levo e á que sempre lle estarei agradecido.
Que pasou a pasada tempada para non xogar nada? Houbo algo máis ca lesión?
A lesión, sen máis. O corpo tecnico contou conmigo e eu non puiden responder á confianza. Intentei adestrar máis de cinco ou seis veces, pero era imposible, a dor non mo permitía. Como dixen, xa estou totalmente recuperado e adestrando individualmente. Espero que sexa un ata pronto e poida volver responder nos próximos anos por esta camiseta.