“Ascender co Bergan é unha das maiores ilusións que podo ter como futbolista”
lll
17º-23º

“Ascender co Bergan é unha das maiores ilusións que podo ter como futbolista”

“Ascender co Bergan é unha das maiores ilusións que podo  ter como futbolista”
Santi Canedo cumplirá 25 anos o vindeiro mes de febreiro | raúl lópez

Usuario

Por como fala, por como se expresa, por ter defendido o escudo de Atlético de Madrid, Sevilla ou Pontevedra, parece un veterano, pero non o é. Santiago Canedo Vilariño ten 24 anos. Fixo unha pretempada soberbia e comezou a liga como titular. Desde a segunda xornada non xoga un partido oficial. Nas Eiroas e contra o Silva fixo unha mala saída que lle custou ao Bergantiños o 1-1 final. Mañá, o equipo carballés visita A Grela para medirse de novo, xa na segunda volta, ao Silva.

 

Non xoga un partido oficial desde o da segunda xornada contra. Toda unha volta sen competir.

Non é algo novo para min. Non son un porteiro que nos últimos anos xogara moitos partidos. Creo que nas cinco o seis últimas tempadas xoguei aproximadamente uns 40 partidos en total. En ligas de 38 xornadas, non son moitos. Levo a suplencia normalidade porque non é algo que me colla a pé cambiado.

 

Fixo unha gran pretempada e comezou a liga como titular. Que pasou contra o Silva para que deixara de xogar?

Fixen moi boa pretempada e iso foi o que me deu a oportunidade de ser titular no inicio da liga. Contra o Silva empatamos (1-1) nun partido que, en xeral, non foi bo por parte do equipo. Puxémonos por diante cun gol de Remeseiro de penalti, pero o Silva é un equipo ao que non se lle pode conceder nada porque aproveita as poucas ocasións que ten. Nun balón á área, precipiteime na saída e apareceu Brais Lema. Meteu a punteira, fixo o empate e acabamos o partido con ese resultado.

 

Explicoulle Lemos que ía ser suplente ante o Arzúa?

Lemos non me dixo nada en ningún momento. O día do Arzúa deu a alineación, coma sempre, e puxo a Brais no once. Nada máis. Igual que cando xogas, aceptas que vas xogar; cando es suplente, hai que aceptalo da mesma maneira.

 

Perde a ilusión que non xoga desde a terceira xornada?

A miña ilusión é ascender co Bergantiños. Son de Carballo e é unha das maiores ilusións que podo ter como futbolista. Loxicamente, non xogar en tanto tempo é un chasco porque só levaba dous partidos. Non sei o motivo exacto polo que fun á bancada na terceira xornada pero, polo que intúo, é porque baixei o meu rendemento. Pouco puiden xogar, pero non lle podo dar máis voltas e teño que seguir adestrando coa mesma ilusión para axudar ao grupo a conseguir o obxectivo.

 

Cando da a aliñación Lemos cada domingo, ten a ilusión de estar no once?

Gústame adestrar e adestro para xogar. Sei que é moi difícil entrar no once titular e máis sendo porteiro. Brais estao a facer bastante ben. Como o seu currículo indica, é un porteiro de superior categoría. Ademais, o equipo está nunha dinámica moi positiva. Xunto co Arenteiro, somos o único equipo invicto de Galicia. Como digo, adestro para xogar, pero son realista: é moi, moi complicado para min volver ao once inicial.

 

De onde saca motivación para seguir ao pé do cañon a pesar de non xogar?

Son unha persoa alegre e extrovertida, un rapaz ao que lle gusta estar co grupo, bromear, vacilar á xente… Sempre foi algo que me gustou. Cando deixe o fútbol, o que máis vou botar de menos vai ser ir a adestrar e estar cos compañeiros. Os ascensos, descensos e títulos son un extra para min porque o que máis me gusta é o día a día. Non son un futbolista que vai adestrar a ‘regañadentes’ ou cabreado. Eu tamén teño días grises, pero en xeral son un futbolista ao que lle gusta estar na dinámica do equipo.

 

Aínda que As Eiroas tamén é de herba artificial, son diferentes os partidos na Grela?

As dimensións do campo da Grela son máis reducidas que as das Eiroas porque un metro menos de cada lado nótase moito. En canto á superficie, tamén creo que hai unha clara diferencia entre os dous terreos de xogo e vese, sobre todo, na forma na que roda o balón cando o campo está mollado. De todas formas, o campo non é ningún tipo de excusa. Para min, un equipo campión e que pretende ascender como queremos nós ten que adaptarse a este tipo de circunstancias. Cando fomos a Viveiro fixemos un fútbol máis práctico porque as condicións do campo así o demandaban. Creo que temos que ser un equipo camaleónico.

O Silva ven de gañar por 0-3 ao As Pontes. Aínda así, é favorito o Bergantiños?

Debemos ser humildes sempre, pero tamén ser conscientes de que somos favoritos en cada partido. Se non temos a mentalidade e a ambición de gañar cada domingo, non debemos optar a ascender. Por clube, xogadores e situación na clasificación somos os favoritos no campo no que xoguemos. Iso non quere dicir que vaia ser un partido fácil porque o Silva é un equipo que compite moitísimo, xa sexa nas Eiroas ou no seu campo. É un equipo que esixe o máximo de cada un e teremos que dar a nosa mellor versión para conseguir os tres puntos.

Considera abertamente que o obxectivo é o ascenso?

Desde o primeiro día da pretempada, o obxectivo está máis que claro, pero hai que demostralo cada fin de semana no campo. Non podemos pretender gañar os partidos só por levar o escudo do Bergantiños e ata o de agora estase a demostrar.

 

“De Brais encántame a atención e a activación que ten”

Juan Riveiro, adestrador do Paiosaco, elixiu a Brais Pereiro e a Santi Canedo como os mellores porteiros da liga. O curioso é que os dous están no mesmo equipo. Santi só ten boas palabras para o seu compañeiro. 

Como é a súa relación con Brais Pereiro?
A miña relación con Brais é moi boa. Falamos moito doutros porteiros, da liga, de Primeira División, de Ter Stegen, de Courtois… El, coma min, tamén é moi vacilón. Nos adestramentos nótase que imos a pasalo ben, pero tamén a mellorar e a competir. Os dous fácemonos mellor o un ao outro e iso nótase no día a día.

Que é o que máis admira del como gardamallas?
O que máis me gusta del é a súa rapidez e como vive cada xogada, cada tiro. Encántame a atención e a activación que ten en cada xogada porque se ve que está metido no partido e que, non momento en que ten que intervir, está preparado.

Cal é para Santi o mellor porteiro da liga?
Sería inxusto dicir un nome porque esta tempada hai un nivel espectacular na Terceira Galega. E xa comezando polo meu equipo porque, como xa dixen, Brais é un porteiro de superior categoría. No Fabril e no Polvorín, os dous son porteirazos. Tamén Marqueta, do Arzúa. No sur, Diego García e Álex Cobo tamén son espectaculares.

Que diferencias hai entre o Bergantiños deste curso e o da pasada tempada?
No fútbol son moi importantes as dinámicas. A pesada tempada comezamos con malos resultados e a nosa situación foi como unha bola de neve: a medida que baixa pola montaña faise máis grande. Afectounos moito o inicio a nivel psicolóxico no resto da tempada. Este ano, o míster puido facer o equipo á súa medida e deu coas pezas clave para a súa proposta de xogo. A dinámica positiva que estamos a ter é a gran diferencia. 

Viu algún equipo da liga co nivel do Bergantiños?
Eu vexo que podemos gañar a calquera equipo da liga. Non sei se é porque nós temos máis ou o mesmo nivel que os rivais pero estamos capacitados para competir con calquera.
.
Un dos cambios que experimentou Santi esta tempada foi o do adestrador de porteiros. Como é David Yáñez?
A primeira imaxe que teño de David é como porteiro do Bergantiños. Recordo estar nas Eiroas pasando frío, coma sempre, e velo a el defendendo a porta do Bergan. Pasou ao outro lado e tanto Brais coma min estamos encantado de telo con nós. É un tío estupendo e ten unha ilusión igual ou maior que a que temos nós e nos adestramos vese reflectido.
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“Ascender co Bergan é unha das maiores ilusións que podo ter como futbolista”

Te puede interesar