Este domingo terá lugar a oitava edición da Maratón Atlántica Coruña42. A carreira de maior distancia das que organiza o Concello, e que coincide coa celebración do Campionato Galego Absoluto, comezará contra ás 8.30 horas e terá a súa saída no Obelisco. Durante 42.195 metros, nun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo, os participantes percorrerán o bordo litoral coruñés así como as principais rúas do casco urbano, a través dos Cantóns, a enseada do Orzán e os terreos portuarios de Oza.
A maratón, como é habitual, estará acompañado desde as 8.45 horas por unha carreira popular máis accesible para a veciñanza, que conta cunha distancia de 10 quilómetros.
En total 1.997 persoas participarán nas dúas probas. De cara a animar ás e aos participantes e a convidar á cidadanía a gozar do ambiente festivo e deportivo da proba, o Concello ofrecerá unha programación complementaria durante o seu desenvolvemento. Así, no Parrote, entre as 10.00 e as 14.00 horas, terá lugar unha nova edición do Garabato de Xogos, un espazo para nenas e nenos con xogos de habilidade feitos con material reutilizado.
Tamén o Obelisco será o escenario, entre as 12.00 e as 14.00 horas, de concertos de tres grupos dos Locais de Ensaio municipais.
A praza de María Pita, espazo no que se situará a meta e a entrega de premios (ás 12.00 horas da 10K, e ás 14.15 horas do Maratón Atlántica e do Campionato Galego Absoluto e de Veteranos individuais e de clubs), tamén contará con animación.
Ao longo do percorrido o Concello establecerá desde as 8.30 horas, da man do Club Hércules Termaria, un punto de animación, denominado O muro do inferno.