O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou onte no Pazo de María Pita a XXXII edición do Día do Deporte na Rúa e na Praia, que terá lugar o vindeiro domingo en Riazor.
A iniciativa, que se desenvolverá entre as 11.00 e a 14.00 horas, é unha proposta estable “que dá á veciñanza a oportunidade de achegarse ao deporte a través dunha actividade lúdica e aberta a todos os públicos”.
“Esta xornada sitúase na liña de toda a actividade que se desenvolve ao longo do ano a través de programas como as Escolas Deportivas Municipais ou Coruña en Forma, e na que intervén o tecido de base coruñés”, expuxo Sande. Deste xeito, participarán un total de 53 clubs locais e de Galicia, ademais de 4 federacións deportivas e outras 8 entidades colaboradoras.
En Riazor
A xornada desenvolverase na contorna do Pazo dos Deportes, incluíndo a rúa Manuel Murguía, o aparcadoiro do centro deportivo, e o andén e praia de Riazor. En total a veciñanza poderá disfrutar da práctica deportiva de medio cento de disciplinas, que se desenvolverán en 49 estacións diferentes. Así, as persoas que se acheguen a Riazor poderán gozar da halterofilia, atletismo, windsurf, vela, remo, piragüismo, tiro con arco, rápel, péntatlon moderno, escalada, tenis de mesa, roller derby, balonmán praia, patinaxe, fútbol gaélico, tenis adaptado, chave, hípica, béisbol, baloncesto, skate ou dardos, entre outros.
Como novidades presentaranse deportes como o dúatlon e xtreme fit e, ademais, haberá diferentes disciplinas adaptadas, entre as que se atopan a esgrima ou o tenis, para as persoas con diversidade.
O XXXII Día do Deporte na Rúa e na Praia comezará ás 11.00 horas da mañá e todas as persoas que participen poderán recoller en cada unha das 49 estacións o seu carné de deportista. No reverso do mesmo aparece a palabra ‘DEPORTE’ e cada unha das letras está acompañada de tres cadros que se selarán a medida que a persoa xogue en cada unha das estacións, agás no caso dos deportes considerados minoritarios, nos que se selarán varios espazos, co obxectivo de seren visibilizados durante a celebración do evento.
Cada vez que se complete unha letra, poderá presentarse o carné no posto de control de Riazor, onde as e os deportistas recibirán unha camiseta conmemorativa (tras o selado da letra D) ou un número específico para participar nun sorteo. Cada letra ten asignado un premio polo que, cantas máis letras se completen, máis posibilidades de acceder a premios terá a persoa.