CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO
ORDE do 23 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2017.
Os artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), recollen a obriga da Administración de adoptar, mediante unha orde anual, as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia.
Neste sentido, establécense nestes artigos os contidos mínimos das normas xerais que deben figurar na orde, así como épocas hábiles, tamaños mínimos das especies e cotas de captura, tipos de engado que se empregarán con cada especie e modalidades de pesca permitidas, e prevese, así mesmo, a súa aprobación pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 1. Normas para a pesca do salmón
1. Períodos hábiles.
a) Coutos da Pontenova (lotes 1, 2 e 3), Betanzos, Celeiro, Frieira, Monteporreiro, Pontevea, Salmeán, Santeles, Sinde e Ximonde: do 1 de maio ao 31 de xullo. Poderá adiantarse o remate da tempada en función das cotas de captura que se establecen máis adiante. Nos coutos do río Ulla antes sinalados, logo do remate da tempada de salmón unicamente se expedirán permisos de pesca sen morte.
b) Coutos do río Eo compartidos con Asturias (lotes 4 e 5 da Pontenova, lotes 2 e 3 de San Tirso e lotes 4 a 9 de Abres; no sucesivo, río Eo compartido): do 30 de abril ao 15 de xullo.
c) Outras masas de auga: non se autoriza a captura do salmón.
2. Dimensións mínimas e cotas de captura.
a) Para os efectos do disposto no artigo 20 da Lei de pesca fluvial e no 71 do seu regulamento, fíxase unha dimensión mínima de 40 cm. No río Eo compartido a dimensión mínima fíxase en 45 cm.
b) Cota de captura por persoa e xornada: un exemplar.
c) Cotas anuais de captura: 10 exemplares no río Lérez, 5 no río Mandeo, 15 no río Masma, 8 no río Miño, 10 no couto de Salmeán e 60 no río Ulla. No resto dos coutos autorizados no río Eo non establece cota anual de captura.
3. Engados.
a) Engados artificiais autorizados: mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes.
No río Eo compartido, a partir do 1 de xuño prohíbense a culleriña, o devón e mais os peixes artificiais e semellantes. A partir do 16 de xuño só se permite a mosca artificial.
b) Engados naturais autorizados: miñoca e quisquilla. Só se poderán empregar con anzois de dimensións maiores ou iguais que as que se sinalan no anexo I desta orde.
No río Eo compartido, a partir do 16 de xuño prohíbense os engados naturais.
4. Prescricións especiais para as capturas de salmón.
As capturas accidentais, as capturas fóra da tempada hábil, as capturas de exemplares de dimensión menor ca a mínima e mais as capturas en tramos de pesca sen morte terán que ser devoltas á auga con rapidez, mantendo o peixe na auga mentres se libera do engado e pódese valer dunha sacadeira; nunca deberá ser suspendido verticalmente suxeitándoo pola cola e, de ser preciso, procederase a cortar a sedela para liberar o peixe.
En todos os salmóns capturados se comprobará a existencia de micromarcas magnéticas na cartilaxe nasal no momento de seren precintados e guiados.
Dado que os salmóns micromarcados proceden das repoboacións efectuadas pola Administración galega ou por outras administracións españolas ou estranxeiras, débense recuperar as micromarcas mediante a extracción do fragmento da cartilaxe nasal en que se atope
a citada micromarca magnética. Nestes casos, deberase prestar a colaboración necesaria e permitir a permanencia do salmón no centro de precintaxe o tempo necesario para a recuperación da micromarca magnética propiedade da Administración autora da repoboación.
Artigo 2. Normas para a pesca do reo
1. Períodos hábiles.
a) Coutos de Betanzos, Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte Arnelas, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3) e Xuvia: do 1 de maio ao 30 de setembro. No couto de Ponte Arnelas, a partir do 31 de agosto unicamente se expedirán permisos de pesca sen morte.
b) Couto de Lambre: do 1 de maio ao 15 de setembro.
c) Río Eo compartido: do 15 de maio ao 15 de agosto.
d) Zonas de desembocadura (anexo do Decreto 282/2002): non se autoriza a captura do reo.
e) Outras masas de auga: do 1 de maio ao 31 de xullo.
2. Dimensións mínimas e cotas de captura.
a) Para os efectos do disposto no artigo 20 da Lei de pesca fluvial e no 71 do seu regulamento, fíxase unha dimensión mínima de 35 cm.
b) Cota de captura por persoa e xornada: 5 exemplares.
c) No couto da Ponte do Porto, a cota de captura é de 2 exemplares por persoa e xornada.
d) No río Eo compartido, a dimensión mínima é de 25 cm e a cota de captura de 8 reos ou troitas por persoa e xornada.
3. Engados.
a) Engados artificiais autorizados: mosca artificial, culleriña, risco e peixes artificiais e semellantes.
b) Engados naturais autorizados: todos os engados naturais agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural. Os engados naturais só poderán empregarse con anzois de dimensións maiores ou iguais que as que se sinalan no anexo I desta orde.
c) Prescricións especiais para engados artificiais nas masas de auga salmoneiras do anexo III, incluídos os coutos de salmón: a culleriña terá un tamaño máximo de 6,5 cm medidos entre a argola superior e a curvatura do anzol.
d) Prescricións especiais para engados naturais nas masas de auga salmoneiras do anexo III, agás no río Eo compartido: queda prohibido o uso de engados naturais, agás para a pesca do salmón nos seus coutos.
e) No río Eo compartido, a partir do 1 de xuño, prohíbense a culleriña, o devón e mais os peixes artificiais e semellantes. A partir do 16 de xuño, só se permite a mosca artificial.
Artigo 3. Normas para a pesca da troita
1. Períodos hábiles.
a) Masas de auga salmoneiras do anexo III desta orde, agás río Eo compartido: do 1 de maio ao 31 de xullo.
b) Río Eo compartido: do 15 de maio ao 15 de agosto.
c) Masas de auga de reo do anexo IV desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo.
d) Cabeceiras de ríos de montaña do anexo V desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo.
e) Coutos de pesca intensiva: do 19 de marzo ao 30 de setembro.
f) Outras masas de auga: do 19 de marzo ao 31 de xullo.
g) Zonas de desembocadura (anexo do Decreto 282/2002): non se autoriza a captura da troita común.
h) Nos coutos con convenio cunha entidade colaboradora, prolongarase a tempada de pesca ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte. 2. Dimensións mínimas e cotas de captura.
a) Para os efectos do disposto no artigo 20 da Lei de pesca fluvial e no 71 do seu regulamento, fíxase unha dimensión mínima de 19 cm con carácter xeral, sen prexuízo das normas específicas que se establecen neste mesmo artigo para determinadas masas de auga.
Cota máxima de captura por persoa e xornada: 10 exemplares, sen prexuízo das normas específicas que se establecen neste mesmo artigo para determinadas masas de auga.
b) Río Eo compartido: dimensión mínima de 25 cm e cota de 8 troitas ou reos por persoa e xornada.
c) Normas específicas en masas de auga do anexo VI: dimensión mínima 21 cm e cota de 8 exemplares por persoa e xornada.
d) Normas específicas en toda a masa de auga dos encoros dos anexos VII e VIII: dimensión mínima 23 cm e cota de 5 exemplares por persoa e xornada.
e) Normas específicas nos coutos de pesca: no anexo XI recóllense as dimensións mínimas e as cotas de captura específicas de cada couto de pesca.
f) Nunha masa de auga concreta non se poderá estar en posesión de troitas de menor tamaño que o autorizado, mesmo cando fosen pescadas noutro lugar, agás no caso de que se estea de paso, con todos os aparellos e engados recollidos e, se é o caso, as canas pregadas.
g) Nos ríos en que haxa troita e mais reo só se poderá capturar un número de pezas igual ao da cota da troita, sen que o número de reos supere a súa propia cota. 3. Engados.
a) Engados artificiais autorizados: mosca artificial, culleriña e peixes artificiais e semellantes.
b) Engados naturais autorizados: todos os engados naturais agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural. Os engados naturais só se poderán empregar con anzois de dimensións maiores ou iguais que as que se sinalan no anexo I desta orde.
c) Prescricións especiais para engados artificiais nas masas de auga salmoneiras do anexo III, incluídos os coutos de salmón: a culleriña terá un tamaño máximo de 6,5 cm medidos entre a argola superior e a curvatura do anzol.
d) Prescricións especiais para engados naturais nas masas de auga salmoneiras do anexo III: queda prohibido o uso de engados naturais, agás para a pesca do salmón nos seus coutos.
e) No río Eo compartido, a partir do 1 de xuño prohíbense a culleriña, o devón e mais os peixes artificiais e semellantes. A partir do 16 de xuño, só se permite a mosca artificial.
f) No anexo IX establécense as masas de auga en que se prohibe o engado natural a partir do 1 de xullo.
g) Outras prescricións especiais para engados naturais recóllense nos réximes especiais do anexo XIII.
Artigo 4. Normas para a pesca dos ciprínidos autóctonos
1. Períodos hábiles.
a) Masas de auga salmoneiras do anexo III desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo.
b) Masas de auga de reo do anexo IV desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo.
c) Cabeceiras de ríos de montaña do anexo V desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo.
d) Encoros do anexo VIII: todo o ano.
e) Outras masas de auga: do 19 de marzo ao 31 de xullo.
2. Engados.
a) Engados artificiais autorizados: mosca artificial, culleriña e peixes artificiais.
b) Engados naturais autorizados: todos os engados naturais, agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural. Os engados naturais só se poderán empregar con anzois de dimensións maiores ou iguais que as que se sinalan no anexo I desta orde.
c) Con carácter xeral prohíbense aqueles engados e tamaños de anzol prohibidos para salmón ou reo na mesma masa de auga e no mesmo período.
d) Autorízase cebar as augas para a captura de ciprínidos nos encoros do anexo VIII. Esta ceba das augas poderase realizar con engados vexetais ou pensos. Cando se trate
de adestramentos e campionatos oficiais, poderase empregar o asticot con autorización expresa do servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente.
e) Fóra da tempada hábil de salmónidos, nos encoros do anexo VIII e nos tramos autorizados todo o ano poderanse empregar anzois de calquera tamaño para a captura de ciprínidos con engados vexetais ou asticot e quedou prohibidos outros engados.
f) Máximo de dous anzois por cana, con carácter xeral, para ciprínidos nos encoros do anexo VIII.
Artigo 5. Normas para a pesca da saboga (Alosa fallax)
1. Períodos hábiles.
a) Tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura: do 1 de maio ao 11 de xuño.
b) Outras masas de auga: non se autoriza a captura da saboga.
2. Dimensións mínimas e cotas de captura.
a) Para os efectos do disposto no artigo 20 da Lei de pesca fluvial e no 71 do seu regulamento, fíxase unha dimensión mínima de 30 cm.
b) Cota de captura por persoa e xornada: cinco exemplares.
3. Engados.
Con carácter xeral prohíbense aqueles engados e tamaños de anzol prohibidos para salmónidos na mesma masa de auga e no mesmo período.
Artigo 6. Normas para a pesca da anguía
Védase a anguía en todas as augas continentais da Comunidade Autónoma e en todas as fases do ciclo vital da especie, incluíndo, en todo caso, os exemplares denominados comunmente como angula ou meixón. Exceptúanse deste réxime a pesca de interese etnográfico autorizada no río Miño nos concellos de Portomarín, O Páramo, Paradela e Guntín e mais os plans de aproveitamento específicos aprobados conforme o Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 7. Réxime especial da lamprea
A pesca da lamprea autorízase unicamente nos ríos Tea e Ulla. As autorizacións para a pesca da lamprea regúlanse mediante unha normativa específica que publica anualmente a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Artigo 8. Réxime especial de especies de esteiro (robaliza, muxe, solla…)
1. Períodos hábiles.
a) Masas de auga salmoneiras do anexo III desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo, ou ata a finalización da tempada do reo naqueles coutos autorizados ata o 30 de setembro.
b) Masas de auga de reo do anexo IV desta orde: do 1 de maio ao 31 de xullo, ou ata a finalización da tempada do reo naqueles coutos autorizados ata o 30 de setembro.
c) Zonas de desembocadura (anexo do Decreto 282/2002): todo o ano.
d) Outras masas de auga: do 19 de marzo ao 31 de xullo.
2. Dimensións mínimas e cotas de captura.
a) A dimensión mínima de captura para cada unha destas especies será a establecida na normativa de pesca marítima.
b) A cota máxima de capturas por persoa e día será de 5 kg para o total de pezas capturadas e pode non computarse o peso dunha peza. Só se permitirá a tenza dunha peza que exceda o peso do tope establecido.
3. Engados.
Engados autorizados: xorra ou becho de mar (Nereis sp.), pulga de mar, miolo de pan, quisquilla, mosca artificial cun anzol e sen arponciño, peixes artificiais e mais engados de materiais plásticos ou semellantes (comunmente coñecidos como «vinilos»).
Autorízase a pesca deportiva de cefalópodos con poteira.
Artigo 9. Normas xerais aplicables para especies do Catálogo español de especies exóticas invasoras
A pesca sobre especies exóticas invasoras axustarase ao establecido no Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, modificado por sentenza do Tribunal Supremo do 16 de marzo de 2016.
Artigo 10. Especies vedadas
Védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río (Austropotamobius pallipes pallipes), reñosa (Achondrostoma arcasii), espiñento (Gymnurus aculeatus), zamborca (Alosa alosa) e anguía (Anguilla anguilla). Exceptúanse os plans de aproveitamento específicos aprobados conforme o Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 11. Xornadas hábiles
Con carácter xeral declárase o luns como inhábil para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos.
Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 13 de abril (Xoves Santo), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.
Nos coutos de salmón de Betanzos, Frieira e Monteporreiro, e nos coutos de pesca intensiva da Ulloa e O Carballiño (tramo 2), serán inhábiles os xoves para todos os efectos, excepto o día 13 de abril.
Nos tramos dos ríos Eo e Navia compartidos con Asturias serán inhábiles os luns e mais os xoves, agás festivos nacionais.
Nas zonas de desembocadura (anexo do Decreto 282/2002) e nos encoros en que se autoriza a pesca de ciprínidos autóctonos durante todo o ano (anexo VIII) serán hábiles todos os días da semana para a captura de especies distintas dos salmónidos, sen obriga de practicar a pesca sen morte en ningún caso.
Excepcionalmente, e logo de resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, nas xornadas inhábiles poderanse expedir permisos de pesca en coutos para atender aqueles compromisos institucionais que o requiran ou para compensar os erros que se poidan producir no sistema de expedición de permisos de pesca.
Artigo 12. Horas de pesca
De conformidade co disposto no artigo 31.3 da Lei de pesca fluvial, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora
despois do solpor. As horas oficiais serán as publicadas na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.es/web/predicion/orto/ortoIndex.action), tomando como referencia a localidade máis próxima ao punto onde se estea pescando.
Dez minutos antes do comezo e dez minutos despois da finalización da xornada de pesca todos os aparellos e engados deberán estar recollidos e, se é o caso, as canas pregadas.
Artigo 13. Modalidades de pesca
Como regra xeral, e para todas as especies, só se autoriza a pesca con cana, sen prexuízo da regulamentación específica da solla, da lamprea e da anguía.
Prohíbese o aparello coñecido como «de ninfa» e calquera outro semellante (que estea composto por máis dunha ninfa ou perdigón), lastrado no seu extremo e que arrastre polo fondo. No anexo II desta orde esquematízanse exemplos de aparellos prohibidos conforme este artigo.
Artigo 14. Canas de pescar e utensilios auxiliares
a) De conformidade co disposto no artigo 51 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, con carácter xeral só se permite o emprego dunha cana por persoa, a unha distancia máxima do pescador ou pescadora de tres metros, e dunha sacadeira ou un lazo como elemento auxiliar.
b) Para a pesca desde embarcacións só se poderá empregar unha cana por persoa, autorizándose un máximo de tres canas por embarcación aínda que o número de persoas embarcadas sexa maior.
c) Nas zonas de desembocadura (anexo do Decreto 282/2002) e nos encoros que se relacionan nos anexos VII e VIII desta orde autorízase o emprego de dúas canas desde a beira e a unha distancia máxima do pescador ou pescadora de tres metros.
Artigo 15. Pesca desde embarcación
De conformidade co disposto no artigo 17 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, só se poderá pescar desde embarcacións ou artefactos boiantes nas zonas de desembocadura e naquelas masas de auga expresamente autorizadas nos anexos VII e VIII desta orde, sen prexuízo das competencias dos organismos responsables da navegación e a flotación nas zonas de desembocadura ou nas masas de auga continentais.
Artigo 16. Pesca sen morte
1. Períodos hábiles.
O período hábil para esta modalidade de pesca abranguerá, con carácter xeral, desde o 19 de marzo ao 31 de xullo, coas seguintes excepcións:
– O inicio da tempada aprázase ata o 1 de maio nos casos de masas de auga salmoneiras, masas de auga de reo ou cabeceiras de ríos de montaña.
– Coutos conveniados: o período hábil prolongarase ata o 30 de setembro.
– Tramos libres de pesca sen morte (anexo X): o período hábil prolongarase ata o 30 de setembro con carácter xeral.
– Tramos libres de pesca sen morte (anexo X) da conca do Anllóns (ríos Anllóns, Bardoso e Quenxe): o período hábil prolongarase ata o 31 de agosto.
– Coutos e tramos de coutos de pesca sen morte (anexo XI): o período hábil prolongarase ata o 30 de setembro.
– Coutos de Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde: desde o remate da tempada de salmón ata o 30 de setembro.
– Couto de Ponte Arnelas: do 1 ao 30 de setembro.
2. Normas de pesca.
Nos coutos e tramos de pesca sen morte rexerán as seguintes normas:
– Autorízanse unicamente a mosca artificial nas súas distintas modalidades e a culleriña, en ambos os dous casos cun só anzol e sen arponciño, e queda prohibido para todos os efectos o engado natural.
– Todas as capturas deberán ser devoltas á auga inmediatamente logo da súa extracción.
– Non se poderá ter ningún peixe, aínda que fose pescado noutro tramo.
– Poderán reservarse os permisos de couto para actividades educativas solicitadas por entidades interesadas na mellora do medio fluvial. Nestes casos expediranse os permisos gratuitamente e poderase ampliar o número máximo de permisos por causas xustificadas.
No anexo X recóllense os tramos libres en que unicamente se poderá practicar a pesca sen morte.
Artigo 17. Normativa dos coutos
Apróbase a normativa dos coutos de pesca que figura no anexo XI desta orde.
Artigo 18. Vedas e réximes especiais
a) Védanse as masas de auga que se relacionan no anexo XII desta orde. A inclusión dunha masa de auga neste anexo prevalece fronte á súa inclusión en calquera outro anexo desta orde e a masa de auga considerarase vedada para todos os efectos.
b) Apróbanse os réximes especiais provinciais que figuran no anexo XIII desta orde.
Disposición adicional primeira
Os peches anticipados da tempada de salmón entrarán en vigor ao día seguinte de acadar a cota anual.
No caso dos coutos de salmón nos cales remate a tempada ao chegar á cota anual, quen teña permisos expedidos con anterioridade poderá solicitar a devolución do importe dos ditos permisos.
En todo caso, para o reintegro do importe será preciso presentar unha solicitude escrita á cal se xunte o permiso e mais unha copia do impreso de pagamento en que figuren os datos do titular do permiso.
Con carácter xeral, o prazo de solicitude para devolucións será de dez días naturais contados a partir do peche da tempada no couto; transcorrido este prazo, só procederá a devolución cando se solicite antes da data de vixencia do permiso.
Disposición adicional segunda
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para ditar cantos actos e resolucións sexan necesarios para o desenvolvemento desta orde e, en particular, para ampliar as cotas anuais de captura de salmón, no caso de ser preciso, e logo de informe do servizo provincial de Conservación da Natureza.
Disposición adicional terceira
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para modificar a normativa de coutos de pesca que figuran no anexo XI desta orde e facer as reservas dos permisos dos coutos de pesca, de conformidade co disposto nos artigos 30, 32 e 33 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio). As modificacións requirirán unha solicitude da entidade titular da reserva de permisos cunha anticipación mínima de quince días, o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da xefatura territorial e con carácter xeral, no caso dos concursos deportivos oficiais ou das entidades colaboradoras, a práctica da modalidade de pesca sen morte.
Disposición adicional cuarta
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para ditar cantos actos e resolucións sexan necesarios para a regulación dos sorteos de permisos de pesca en coutos para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.
Disposición adicional quinta
Co obxecto de facilitar o adestramento dos/as pescadores e pescadoras galegos/as participantes en competicións locais, autonómicas, nacionais e internacionais, a Federación Galega de Pesca, co visto e prace da Secretaría Xeral para o Deporte, poderá propoñer á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a autorización para practicar a pesca sen morte nun tramo das augas continentais da nosa comunidade autónoma fóra do período hábil de pesca.
A solicitude deberá ir acompañada da identificación dos pescadores e pescadoras e, se é o caso, dos seus adestradores ou adestradoras, e nela especificaranse as datas dos adestramentos que se pretenden autorizar.
Disposición adicional sexta
Facúltase a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Pontevedra para ditar cantos actos e resolucións sexan necesarios para a regulación da pesca da lamprea nos ríos Ulla e Tea e da solla no río Ulla.
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase vixente ata a publicación da orde correspondente á tempada do ano 2018.