FUERA DE JUEGO | Érica Esmorís (escritora): "Mido 1,83 e sempre me preguntan se xogo ao baloncesto"
lll
17º-23º

FUERA DE JUEGO | Érica Esmorís (escritora): "Mido 1,83 e sempre me preguntan se xogo ao baloncesto"

"Teresa Portela podería protagonizar un dos meus libros. É un exemplo para nenos e nenas, pero tamén para os maiores"
FUERA DE JUEGO | Érica Esmorís (escritora): "Mido 1,83 e sempre me preguntan se xogo ao baloncesto"
Érica Esmorís

Usuario

Nin baloncesto nin voleibol por moito que mida 183 centímetros. Á escritora Érica Esmorís, que vén de gañar por segunda vez o premio Merlín de literatura infantil, o que lle gusta é nadar. E mellor se pode ser no mar, en contacto coa natureza e, sobre todo, co móbil apagado. Tamén fai pilates de máquina. E gustaríalle probar no futuro o piragüismo. Érica Esmorís (A Coruña, 1977) estudou veterinaria e aínda que exerceu como tal, o seu amor polas letras gañou a partida. Dende o 2013, que se estrenou con O poder de Amabel, acumula premios. En 2015 levou o Merlín de literatura infantil por Nena e o mar e dez anos despois repite con Erín e o lobo. Muller de palabra e muller de acción, preferiblemente no medio acuático, de pequena esquivou o baloncesto, pero como nai non pode escapar do voleibol, levada polos partidos da su filla de oito anos.

 

Cantas veces lle preguntaron se xogaba ao baloncesto?
Sempre fun unha nena moi grande, moi alta. Agora mido un metro oitenta e tres. Era moito máis alta que as rapazas da miña idade. Entón sempre me preguntaban se facía baloncesto ou trataban de meterme en baloncesto. Eu tenteino, xoguei unha tempada, pero non era boa, non era o meu deporte. Tamén fixen patinaxe, pero no deporte que si considero que destacaba, aínda que nunca fun en serio como para ter un futuro profesional, é a natación. Creo que teño un don natural para nadar. E para o baloncesto e para a patinaxe... pois non moito. De pequena nadaba moito. Fun aos cursos, pero non cheguei a competir. Daquela penso que os pais estaban menos entregados. O que facía era nadar canto e cando podía. En xeral era unha nena deportista, gústame o aire libre, camiñar... e tamén os deportes de auga.

 

Segue dándolle á piscina?
Gústame máis nadar no mar. Agora mesmo non estou facendo natación. E bótoo de menos. Cando vivía máis cerca da Solana, ía todos os días. Nadaba dous kilómetros diarios. Pero agora as piscinas de cloro bótanme bastante para atrás. Non estou facendo natación, aínda que penso que debería. Non únicamente polo físico, tamén pola cabeza. Agora adícome a facer adestramento persoal con exercicios funcionais e tamén pilates de máquina e estou moi contenta.

 

Nadar axuda a pensar? Estás ti soa na agua cos teus pensamentos. 
É una especie de mindfulness, que agora está tan de moda, como o ioga. A min o ioga provócame ansiedade, pero na natación poño as cousas no seu sitio. Ademais é unha disciplina na que non se pode coller o móbil en ningún momento. Cando estou en pilates apago o móbil ou póñoo en silencio. Pero vexo compañeiras que collen certas chamadas se son importantes. É algo que en natación non podes facer. Para mín é o ideal. Estar esa hora ou media hora, o tempo que queiras botar, sen móbiles, só estar ti máis a túa cabeza. Probei auriculares acuáticos para escoitar música, pero para mín era peor porque ao final nadaba ao ritmo da música e tampouco me ía ben. Penso que hai xente que corre e que lle pasa un pouco o mesmo. Eu non son de correr. Co meu 1,83 é malo ata para os xeonllos. Non nacín para correr.

 

Esmoris
Érica Esmorís xunto a sua filla | CEDIDA

 

Que lle aporta o pilates de máquina?
Vou dúas tardes á semana e noto que estou ben a todos os niveis. Non é un tema de ter os glúteos perfectos. É estar ben no noso corpo, no noso peso, con forza, axilidade, capacidade para camiñar rápido e que non sexa un pesadelo... O meu traballo implica estar moito tempo sentada, é bastante sedentario se te deixas ir, hai que evitar a rutina de estar diante do ordenador escribindo todo o día. O outro día botei uns pulsos para medir forza, que é unha cousa moi estúpida, pero quedaron bastante abraiados de que tivera un pulso tan difícil de batir. Gustoume.

 

É deportista de sofá?
A verdade é que non. A miña irmá é súper adicta aos Xogos Olímpicos. E na casa somos de ver deporte en familia: tenis, natación, saltos... Pero non é algo que eu faga voluntariamente. Son máis de facer que de ver, en todo na vida. Agora como nai dunha nena de oito anos son espectadora de voleibol e ballet. Ela é grande coma min e recibín moitas chamadas de adestradores, de pais das outras nenas, para que fora a baloncesto. Saíu dicindo que non, que non lle gustaba polo contacto. Eu quería que fixera un deporte de equipo, porque na miña infancia foi algo que botei de menos. E outra opción era o voleibol. Gustoulle e a min tamén. Ademáis, con oito anos, os partidos son rápidos e duran doce minutos. Perfecto.

 

Tampouco co fútbol?
De pequena disfrutei ao SuperDépor. Ademais vivía porta con porta con José Ramón e Fran e sempre tiña entradas para ir aos partidos, camisetas firmadas, fíxenlles entrevistas para o xornal do colexio... tíñao moi doado porque só tiña que saír da casa e petarlles á porta. Foi unha gran época e máis que ir ao fútbol, era vivir a experiencia. Estar alí cos amigos. Aínda que nun partido contra a Real Sociedade tiven un accidente nunha avalancha e acabei no hospital. Collínlle un pouco de medo. A pesar de todo, teño pensado levar á miña filla. O momento deportivo non é o mesmo, pero a afección segue igual. É digno de ver.

 

A que deportista escollería para protagonizar un dos seus libros infantís?
Creo que a Teresa Portela. O piragüismo xa é un deporte que me gustaría probar porque me parece que non é necesario que sexas novo para probalo por primeira vez e que creo que se me pode dar ben polas miñas características corporais. E Teresa é muller, é galega, nai, mantense en activo con 43 anos... creo que é un exemplo estupendo para os nenos e para as nenas, pero tamén para os máis maiores. 

FUERA DE JUEGO | Érica Esmorís (escritora): "Mido 1,83 e sempre me preguntan se xogo ao baloncesto"

Te puede interesar