O EFM Concello de Boiro culminou o pasado domingo na Marola unha tempada excelsa co título de Copa Deputación, o que engaden ó de Copa do Sar e ao ascenso a Terceira Federación logrado na competición ligueira. De feito, é a segunda tempada consecutiva que conseguen subir de categoría, xa que fixeron o propio de Segunda a Primeira Autonómica o ano pasado, chegando tamén á final da Copa Deputación.
“Non se pode pedir máis. Vimos de dous ascensos consecutivos. A Copa Deputación foi o broche de ouro a unha tempada de moito esforzo de todas e aí están os resultados”, afirma Carla García.
A número 18 do Boiro foi unha das xogadoras máis destacadas da final, sendo clave en tres dos catro goles do seu equipo. Marchou para a casa anotando un gol, dando unha asistencia e firmando unha gran xogada individual que remataría no un a catro. “A nivel persoal atopeime bastante ben. Na semifinal viña de tres semanas sen adestrar por traballo, pero atopeime ben cos pés. Xa antes do partido do Val tiña boas sensacións, tanto eu como co equipo e ao final creo que estiven bastante ben. Non adoito dicir iso de min, non me gusta nin o fago, pero creo que quedaría feo tamén dicir que non porque estou facendo o esforzo de adestrar e intentar ser mellor. Estou moi contenta”.
A final non empezou ben para elas, xa que o Victoria B conseguiu adiantarse por medio de Ambra. “Ambra é unha xogadora moi boa. Ao final o Victoria xogaba moito para ela e, cando é así, se a consegues controlar como fomos capaces, o partido ao final foi noso. Nós non temos unha xogadora, somos todas e xogamos todas para todas e acabouse notando”, di Carla.
O Boiro foi fiel ao seu estilo e non se puxo nervioso para darlle a volta ao encontro. “Cando empezas a tocar o balón os espacios salen. Aí está o gol, o primeiro foi un pase moi bo meu e a definición de Gabi é toda dela. Foi un gol que nos reviviu. Despois veu o meu. Foi un tiro, que non adoito facelos, pero estivo bastante ben”, explica a xogadora.
O Boiro chegaba á final de Copa Deputación coa espiña cravada da edición de 2024, na que caeron na final contra o Victoria B por dous goles a un. Un ano máis tarde, cun ascenso e un novo trofeo da Copa do Sar ás costas, as do Barbanza conseguiron a súa revancha. “Os dous equipos intentamos buscar balón, pero merecíamos esa final. Xa non só polo ano pasado, que tíñamos esa espiña aí, senón por esta tempada que foi unha tolemia, pero merecemos todo isto”.
As xogadoras do Boiro festexaron o novo título no campo, pero tamén na grada coa súa afección que lles recibiu con comida e bebida para combatir a calor abafante que facía en Oleiros. “Os pais e a afección sempre nos tratan o mellor posible e a festa ao final tamén era para eles”.
Sen embargo, pese a ser exitosa, a tempada tamén foi longa para toda a familia do Boiro. Pasaron moitas semanas sen competir ata chegar a esta Copa Deputación, pero conseguiron saír dela cunha nova copa para as súas vitrinas. Agora lles chega o momento de desfrutar dun merecido descanso antes de pensar na próxima tempada. “Agora mesmo non estou pensando na tempada que vén. Quero descansar persoal e futbolísticamente, que creo que me fai moita falta” sentencia Clara.
Miguel (Boiro): "O esforzo de toda esta tempada e de hoxe. Un partido que se nos presentaba complicado, ante un rival con ritmo e cunha boa xogadora como é Ambra. Empezar perdendo era un contratempo, pero o equipo soubo estar e ter esa paciencia, seguimos crendo no noso xogo e ao final gañamos".
"Somos un equipo ao que lle gusta combinar, ter balón. Sabíamos que nos ían deixar espacio entre liñas e o que buscábamos eran esas rupturas. Non lle podo pedir máis ao equipo. Entregáronse durante toda a tempada, estamos a finais de xuño, que máis lles vas pedir? Un título máis, sexto en dous anos. Perfecto".
"Son dous anos cheos de éxitos cun grupo marabilloso que traballa sen rechistar, que nunca pon peros, que deixa todo en cada entreno e cada partido. A Escola apórtanos todo o que necesitamos, así que é un éxito que é parte de todos".
"Tíñamos ganas de terminar porque a tempada foi moi longa. A esixencia de debutar nunha categoría e pelexar o título foi moita e agora toca desfrutar. O Venres empezan as festas de Boiro, algunha cervexa haberá que tomar e desfrutar do verán".
Pablo (Victoria): "Non estou o contento que estaría se gañásemos, pero valoramos o proceso que nos levou a chegar ata aquí. Iso foi o que lles quixen transmitis ás xogadoras despois do esforzo do partido, que queden con iso e non co resultado en si".
"Os primeiros minutos tivemos unha proposta boa querendo saír co balón e foi cando apareceu o gol. A partir do parón para beber elas viñéronse un pouco arriba e é no momento en que encaixamos os dous goles por erros nosos. Aí, a nivel anímico, temos que traballar de cara a tempada que vén".
"É algo que nos intentamos transmitir sempre (que o importante é o proceso) e que elas son conscientes. Intentamos facerlles saber que en dúas tempadas que levamos xuntos conseguíronse tres copas e chegar á final nesta. Iso quere dicir que estamos facendo ben as cousas e que elas particularmente están facendo ben as cousas".
"Nese momento somos conscientes de que estamos sufrindo e, cando chega o descanso, facemos un plantexamento distinto, buscando que estén máis cerca as nosas xogadoras á hora de defender. Creo que si se conseguiu, pero iso supuxo que os esforzos ofensivos nos costaran máis. Cada vez foi facendo máis calor e iso tamén xogou na nosa contra por ir detrás no marcador".