Ola, vostedes se cadra non me coñecen. Nada, apreséntome rapidamente. O meu nome é Frank Bascombe e son un reformado norteamericano, un xubilado octoxenario, que en tempos remotos -administración Reagan- exerceu o xornalismo deportivo en Nova Iorque (despois de publicar unha novela ben tratada pola crítica e de, sen saber moi ben por que, abandonar a literatura) e que acabou por deixar a prensa para dedicarse ao lucrativo negocio da venda de propiedades inmobiliarias, por suposto en California. Un fillo tristemente morto, un divorcio, unha relación posterior rota, ese tipo de cousas, marcaron o meu tránsito polo mundo.
Pero aquí estou, vivito y coleando (si, aprendín a escribir en galego, pero tamén emprego frases do castellano das que gosto).
Si, xa sei, están vostedes a se preguntar como un reformado norteamericano que xa non volverá cumprir os 80 aprendeu a escribir en galego e que fai publicando un artigo nun xornal deportivo coruñés.
A resposta é que abandonei o meu país en 2016, cando un magnate descerebrado virou no inquilino da Casa Branca (a pesar de ter dous millóns menos de votos que a candidata demócrata pola que eu votei), a resposta é que lisquei porque non daba aturado aquilo en que colectivamente nos estabamos a converter como país.
E procurei un sitio, un sitio distinto que diría Antón Reixa (si, levo poucos anos aquí, pero xa controlo referentes). E sitio distinto por sitio distinto vin dar á Coruña, medre o mar, que diría Xurxo Souto. E xa postos aluguei un apartamento en Manuel Murguía, un dos pais da patria galega (si, lin o libriño da historia de Galiza de Ramón Villares), que, oh casualidades da vida, dá ao estadio de Riazor, recinto no que se practica un deporte que nos Estados Unidos non acaba de arrancar (pese a que primeiro fichamos a Pelé, despois Cruyff e agora ultimamente Messi).
O caso é que, ao ficar tan perto da casa, comecei a ingresar nese estadio cada quince días, canda miles de persoas, que me comezaron a caer francamente ben, e, claro, ao ir con tanta frecuencia, até aprendín os rudimentos do xogo (embora teña aínda certos problemas á hora de entender por que a vídeo-arbitraxe é máis polémica que a arbitraxe analóxica de toda a vida) e, unha cousa leva a outra, fíxenme deportivista, mesmo levo a camisola de Bebeto e concordo co xuízo de Guardiola cando afirmou que na súa época o mellor futbolista europeo se chamaba Fran González Pérez.
Ben, ese son eu. É certo que son un personaxe literario nado da pluma de Richard Ford, mais tamén os personaxes literarios temos o dereito de existir e de gozar no noso tempo de lecer.
Se mo permiten, cada certo tempo nos vemos nestas páxinas, dependerá do director Cudeiro. Volve o xornalista deportivo e, créanme, non o digo como ameaza.
PD: que se voltarei aos EUA se gaña Kamala? Um, aínda lle estou dando voltas a iso, non o teño claro, xa saben: vivir na Coruña, que bonito é.