Vaia o primeiro un recoñecemento e agradecemento a todas as persoas que fixeron unha canción falando do Deportivo, ou que tentaron converter esa canción nunha especie de himno. Estou seguro de que foron feitas dende o corazón. E iso é moito.
Pero é necesario un himno para o Deportivo? Son necesarios os himnos para os equipos de fútbol? Das cousas que máis me gustan nesta vida, das que mais gozo, é coa música e co fútbol. Pero polo xeral non me gusta ese concepto de “himno deportivo”. Todos falan máis ou menos do mesmo, con letras máis ou menos acaídas: do bonito que é ser dese equipo, o feliz que che fai, que se transmite dende hai moitos anos, o especiais que son o equipo, os seus seareiros... A orixinalidade non é a súa maior virtude. Unha das miñas bandas preferidas son Los Planetas (si, “soy un pureta al que le gustan Los Planetas”). E creo que a canción menos boa de Los Planetas é Eterna Lucha, un tema que fixeron xunto a Lori Meyers, El Niño de Elche, Grupo de Expertos Solynieve e Apartamentos Acapulco (case nada) coma himno para o ascenso do Granada CF a Primeira no ano 2019.
Hai grandes músicos detrás dalgúns deses himnos deportivos e seguro que coa mellor intención e con cariño por ese equipo, pero a min acostuman a non gustarme. Así é a música, gústache unha canción ou non, gústache unha banda ou non, un tipo de música ou non. E non pasa nada, ou si. Unha vez estiven namorado dunha persoa a quen non lle gustaban The Smiths, a cousa non rematou ben. Quen contaba?
Non me gustan esas cancións compostas coma himnos, nin sequera me parece algo moi “futboleiro”. Pero téñome emocionado, mesmo chorado, escoitando cancións adoptadas por un equipo. Cancións coreadas por todo un estadio ou coma visitantes. Esas cancións que os seareiros tomaron coma súas nun momento determinado. Seguramente a máis coñecida é o You’ll Never Walk Alone na versión de Gerry and The Pacemakers.
É unha canción composta en 1945 para un musical en Broadway, interpretada dende aquela por grandes cantantes. Unha canción que fala da esperanza en tempos difíciles, da amizade, de que nunca camiñarás só. Nos anos 60 foi adoptada pola xente do Liverpool. Contan que foi despois dunha viaxe en bus na que coincidiron o equipo do Liverpool e Gerry e The Pacemakers e que lles regalaron a canción. Hai quen conta algo máis mundano, que soaba pola megafonía antes dos partidos xunto a outras cancións e que ao gran Bill Shankly gustáballe tanto que decidiu que soase sempre. Quen sabe por que foi de verdade? Necesitamos sabelo? Tanta importancia ten esa canción na historia do equipo que esa frase está no seu escudo. A canción tamén foi adoptada pola xente do Celtic de Glasgow e despois polo Hellas de Verona, St Pauli, Borussia de Dortmund, AEK Atenas ou Feyenoord entre outros. Unha gran canción que non fala de ningunha desas cidades, de ningún deses equipos, nin dos seareiros dese equipo, nin de fútbol. Fala de cousas bonitas e emociona.
E hai moitas máis, This is the one dos Stone Roses soa antes dos partidos do United. Unha canción de amor. Din que un día escolleuna Gary Neville porque era dunha banda de Manchester e non lle gustaba nada que soase a canción de Rocky. “Que ten que ver Rocky que é de Filadelfia con Manchester?” din que dixo. Hey Jude dos Beatles soa antes dos partidos do Manchester City. Un equipo de Manchester cunha canción dunha banda de Liverpool? Si, terrible, cousas do Manchester City. Polo visto coincide co ano en que os Blues gañaron a liga de 1968 e ese mesmo ano os Beatles sacaron Hey Jude. O West Ham usa I’m Forever Blowing Bubbes, unha canción de 1918 versionada por moitas bandas de jazz , composta en New York, que fala de soñar e que ten relación cun vello xogador dos ‘Hammer’ que se parecía a un neno dun anuncio de xabón con esa música.
No Brighton soa London Calling de The Clash. Si está fala de Londres, pero non ten nada que ver co equipo. No Ajax utilizan Three Little Birds de Bob Marley. En San Mamés resoa Txoria Txori de Mikel Laboa, unha canción sobre un paxariño ao que non se lle deben cortar as alas e tes que deixalo marchar. Antes dos partidos do Obradoiro de baloncesto cantan O Miudiño, unha canción tradicional e o Sar soa ben bonito, emociona. Todos eses equipos son de cidades onde a música se vive dun xeito especial, con grandes músicos nacidos nelas. E non se lles ocorreu pedir a ninguén que compuxese unha canción para ese equipo. Utilizan unha canción que lles gusta, que os une, polo que sexa. Que son utilizadas nun momento determinado. Esas cancións representan para sempre a ese equipo. E simbolizan todo o bonito que eses equipos son para os seus.
E no Deportivo, precisamos “himno oficial”? Eu creo que non. Cancións hai de sobra que pódemos utilizar coma nosas. Que son nosas. Véñenme agora dúas cancións a cabeza, ben diferentes, moito. E son de deportivistas de verdade, Vivir na Coruña de Ana Kiro e Lodo de Xoel López. Que non falan de fútbol, falan de cousas bonitas, son bonitas. E iso é o Deportivo.