Moito se ten escrito sobre a felicidade, sobre o que é, como definila, mesmo se existe. Moito teño lido sobre o seu significado. Un de Monte Alto díxome unha vez que a Felicidade (“con maiúsculas”, dixo) son coma pequenas fotos que gardas na cabeza con lembranzas bonitas. Pareceume unha definición ben fermosa, das mellores que escoitei na miña vida. Si, a felicidade é, tamén, bos momentos que che tocou vivir e que sempre levas contigo. Xogar de cativo cos meus pais e irmá, paseos cuns avós polo porto da Coruña, tardes ben bonitas na Rúa San Fernando con outros avós e tías, aprender a xogar as cartas con outro avó, as miñas fillas (lembro o seu olor cando naceron, estouno ulindo) , as miñas sobriñas, a familia, a que che toca e a que elixes, a amizade, días de praia, cine, Zalaeta, As Cíes, sorrisos, apertas, a Atalaia, conversas, Monte Alto, música, a infancia, bicos, libros, días de palabras que axudan e curan, concertos, amar, poemas, ser amado... Gardo momentos que me axudan en momentos menos bos, ou directamente malos, e todo é mellor.
Pero esa colección de momentos bonitos son moito máis. Nesa colección gardo series ou episodios que escribín. E tamén ver películas ou series que me fixeron rir e chorar, ás veces ao mesmo tempo. Ir ao cine, ese olor a desinfectante nos cines antigos.
E o fútbol, si tamén o fútbol. Das primeiras lembranzas que teño de pequeno é ver xogar ao meu pai no Sigrás. Si, son fillo de Ares, o dianteiro do Sigrás nos anos 70. E eu que “non lle dou a un baúl” sempre di meu pai con cariño. E lembro a primeira vez que fun a Riazor, o vello Riazor, nos comezos anos 70, cos meus pais, na antiga Grada Elevada (Ogallá recuperar unha tribuna así na reforma do novo Riazor) tiña cinco ou seis anos. O que sentín foi algo que cos anos souben que era amor. Para sempre quería ser dese sitio, deses xogadores con esas camisetas brancas e azuis, celebrar os seus goles con xente querida ou descoñecida, celebrar as vitorias, tamén as boas xogadas, e entristecerte coas derrotas. E sempre apreciar as boas xogadas do equipo contrario (sen pasarse, claro)
E dende aquela Riazor, o Deportivo, regaláronme moitos momentos para gardar nesas fotos para a lembranza coma cousas bonitas. Hai uns días foi o 21 aniversario do 4-0 ao Milan, lembro todo dese partido. Vanse facer 25 anos que o deportivo gañou a Liga, 30 da primeira Copa, 23 da segunda... E moito máis, 37 do gol de Vicente que nos salvou de baixar e Segunda B, 34 anos do ascenso contra o Murcia, 24 anos da remontada co PSG (son lembranzas, non van ordenadas!) Lembro os ascensos do 2012 e 2014. O gol do ano pasado de Lucas Pérez que supuxo subir a Segunda.
E gardo moitos goles, moitas xogadas, paradas incribles, grandes xogadores. E están nesa colección de momentos bonitos. Da igual a categoría ou o rival. Fun feliz en todos eses momentos. Algo que ás veces non se entende fora do deportivismo. Non entenden tantas cousas!
E si, claro, lembro momentos moi malos, descensos, lesiones, derrotas, tamén as gardo. O Día do Rayo, o penalti de Djuckic, o do Oviedo, o do Mallorca, o do Albacete... Porque é fútbol. E o fútbol tamén é a túa historia, a boa e a mala.
O fútbol, coma a vida, son lembranzas. Meu pai, coma media Galicia que pasa dos 80 anos, lembra o Santos-Botafogo no Teresa Herrera de 1959, de pequeno meu pai ensinoume de memoria da dianteira de Brasil neses anos (Garrincha, Didí, Vava, Pelé, Zagalo, Pepe) xogaron ese día nese partido. Para esquecelo. E o deportivismo lembrase de xeración en xeración que o Deportivo foi subcampión de Liga na temporada 1949-1950, que mesmo foi campión durante uns minutos, lembramos a Acuña e as súas paradas, a Orquesta Canaro, seina tamén de memoria (Oswaldo, Corcuera, Moll, Franco e Tino) lembrámonos de Súarez, Amancio, Beci, García, José Luis, Traba, Bebeto, Mauro Silva, Scaloni, Bergantiños... de grandes xogadores, e sobre todo de Arsenio. Como imos esquecelos?
Como esquecer todos eses momentos, coma non gardalos? Coma no Notthingham Forest lembraran por sempre a Brian Clough e as Copas de Europa de 1979 e 1980, coma no United lembran a George Best, e a os Busby Boys. Ou os do Leicester nunca esqueceran a liga do 2016. Ou coma equipos de terceira ou cuarta categoría de Inglaterra lembran finais en Wembley. Que alguén lles diga a toda esa xente que vive de lembranzas. E lembrarano para sempre, coma no Deportivo lembraremos por sempre tantas cousas bonitas. Porque iso é o Deportivo, iso é o fútbol.
O fútbol, coma a vida, tamén son eses momentos coma pequenas fotos que gardas na cabeza con lembranzas bonitas. E iso é a Felicidade (con maiúsculas, que dicía o de Monte Alto).