Hai 25 anos reinventamos a felicidade
lll
17º-23º

Hai 25 anos reinventamos a felicidade

Hai 25 anos reinventamos  a felicidade

Usuario

En todos os partidos que xoga o Deportivo, na nosa casa, en Riazor, ou fora, resoa sempre o “Como me voy a olvidar, que el Deportivo gano la liga. Como me voy a olvidar, fue lo mejor que me pasó en la vida”. Cántano os máis vellos, os que viviron tempos moi duros, cantámolo os “nenos descamisados”, como nos chamou Arsenio Iglesias, que xa imos tendo os nosos anos. E cántano novos nenos e nenas descamisados que non viviron ese momento. Cántano con orgullo, como se deben cantar as cancións nun campo de fútbol, e na vida.


Escribir sobre o 19 de maio de 2000 é escribir sobre a emoción, a felicidade, o orgullo, a paixón, o amor. En inglés existe unha expresión moi esaxerada, pero bonita. Sempre deben ser tempos para a esaxeración sobre os sentimentos, que o define moi ben “Punch-Drunk Love” (por certo gran película con ese título de Paul Thomas Anderson) que se refire a estar tan afectado polo amor que perdes a razón, a percepción da realidade ou non controlas as túas accións. Todo o mundo debería ter a ocasión, o dereito, de sentir algo así varias veces na súa vida. Eu son afortunado, sentino moitas veces. Coas miñas fillas, con persoas que lembro perfectamente e coas que vivín grandes e inesquecibles momentos, con libros, concertos, viaxes, poemas, cine, música, amizades... e vivino o 19 de Maio de 2000. E os deportivistas que non o viviron senten tamén ese “golpe de amor”. E sentirémolo por sempre.


Escribir sobre ese día tamén é escribir sobre a humildade, a honestidade, saber de onde vimos, ou onde pódemos chegar. Escribir sobre ese día é como escribir sobre a vida. Si, seis anos antes perdemos unha Liga no último suspiro, faiando un penalti. Moita xente pensou que nunca íamos ter outra oportunidade así. Pero tivémola.


Este sábado que ven irei con tempo a Riazor e lembrarei como vivín ese marabilloso 19 de Maio de 2000. Contareillo a amizades, á familia, ao meu pai e a miña nai, que agora case non van a Riazor, contareillo en Riazor antes do partido a miña filla maior, contareillo a miña filla pequena.


Lembro cada instante. A noite anterior durmín moi pouco. Puxen a radio, un xornalista da Radio Galega  que seguía ao Deportivo púxose a chorar en directo. E claro, púxenme a chorar tamén. Durmín moi pouco, sabía que o día seguinte ía ser un día especial, que se ía lembrar para sempre, para ben ou para mal. Pola mañá non podía escribir. Non era un día normal, saín a rúa e todo o mundo tiña a mesma expresión ca min. “E se hoxe si?”


Pasei por diante de colexios, de escolas infantís, era imposible dar clases. As nenas e nenos só pensaban nesa noite. As rúas estaban expectantes, a Praza de abastos de Lugo  era un pequeno Riazor.


Case non puiden comer. Falei cos meus pais do que podería pasar. Deiteime no sofá e ollaba ao teito, só podía facer iso. Marchei camiño de Riazor varias horas antes de que comezase o partido. Falei con moita xente querida.. Lembro esa sensación no estómago, de nervios bonitos, que non queres que se che pasen. O corazón a moitas pulsacións, nunca son demasiadas por algo feliz. Despedinme de quen non tiña entradas. Abrazos bonitos, sentidos. Todos co mesmo pensamento “E se é hoxe si?”


E entrei no campo. A mesma sensación. E querer lembralo todo. Por se “E se hoxe si?”. Lembro ata os olores dese día. Pareceume poder ulir o campo. Le mbro o murmurio da xente en Riazor. E comeza o partido. E todo multiplicase, as pulsacións, a sensación no estómago. O Deportivo parece que sae polo partido, parece que sae “cunha marcha máis”. “E se hoxe si?”


E as 21:04, aproximadamente, Donato mete un gol de cabeza despois dun saque de esquina sacado por Fran. Non hai palabras, non se pode escribir o que sentimos 35.000 persoas en Riazor e milleiros e milleiros de persoas fora do campo. Os abrazos a persoas coñecidas e descoñecidas. “E se hoxe si?”. E as 21:35 aproximadamente Makaay mete o segundo despois dun centro de Manuel Pablo. Pensei que o corazón ía saírme pola gorxa. É como se os corazóns de quen estabamos alí, de quen o seguía dende casa, se parasen un instante e volvesen funcionar inmediatamente. Estou vendo eses momentos na miña cabeza. Cantas veces os vivín. Cantas veces os vivirei. Cantas veces será lembrado mesmo por quen non o viviu.


O partido non tivo moito máis. O Espanyol non creou moito perigo, partido tranquilo. Ou será que vivimos tantos momentos difíciles en Riazor, que ese parecía tranquilo. E o final. Non quero buscar palabras, non as hai. Nunca vin tanta legría, felicidade e moito alivio nun campo de fútbol. Eramos campións de Liga. Sabíamos xa todas eses números, que son moito máis que números. Só nove equipos campións de Liga. E o Deportivo era un deses equipos. Nunha liga tan desigual coma a española, con equipos moi poderosos é unha heroicidade, unha especie de milagre. Esas heroicidades son bonitas. Invadimos o campo. Non sei en que momento pensamos que non era boa idea facelo. E busquei ao meu pai, daquela el non tiña teléfono móbil, daba igual, tampouco había cobertura. Non o atopei, Como o atopara no seu asento o 9 de Xuño de 1991, o día do ascenso contra o Murcia. E pensabamos que nunca íamos vivir nada máis grande co Deportivo. Que equivocados estabamos. Falei con el ao día seguinte e só podíamos chorar, non dimos falado. Só diciamos “xa está”. Días de festa, os xogadores co pelo tinxido sen parar de celebralo, dando voltas e voltas co bus pola Coruña. Bendita tolemia.


Grazas a todos os que o fixeron posible. Grazas a todos eses xogadores que xeracións e xeracións de deportivistas lembraran con ilusión: Fran, Djalminha, Donato, Romero, Mauro Silva, Macaay, Manuel Pablo, Scaloni... non hai deportivista que non saiba todos ese nomes, grazas Irureta, grazas Lendoiro.


E xa pasaron 25 anos! Non sei se souben describilo ben. Se cadra non se pode, mellor que haxa cousas que as palabras non poden contar de todo.  Porque si, ese día si que foi. Como nos imos olvidar! Si, volvo chorar. E o que me queda estes días.

Hai 25 anos reinventamos a felicidade

Te puede interesar