Ao día seguinte cumpría 26 anos. Ou sexa, cadraba ben a cuestión persoal para traballar pouco esa xornada e despois entregarme ao rachí. Polo tanto, fun firme. Xa usara a trampullada outras veces, pero esta era a máis importante. Así que propuxen o de ir cubrir o partido, facer a crónica que me correspondía, e non volver ata o domingo “que estoy de cumple, no me agobies...” (O Gran Partido foi un venres). Si, falo do DXT Campeón, onde eu traballaba daquela, cando gañamos a Liga. Esta casa. Molou moito. E aquí, dalgún xeito, seguimos.
Foi nos azulexos destas páxinas, versión Pocomaco, onde me golpeei a cabeza saltando eu só no baño da Redacción, cunha birra na man. Porque aquel 19 de maio de 2000 foi o auténtico ‘Día de la Bestia’ e á vez ‘The Purge pacifista’. A que montamos. Éramos campións.
Eu nesa tempada pasaba de faltar a saco en Balaídos xunto aos meus queridos hooligans a na seguinte xornada escribir todo serio desde a tribuna de prensa de Riazor.
Eu era o mesmo nunha cousa que na outra. Quero pensar que o sigo sendo aínda hoxe. Pasaron 25 anos. Teño o dobre de idade que aquel día. Pero, de verdade volo conto, gran parte de min continúa vivindo naquela xornada. A do Gran Orgasmo Branquiazul.
Que necesidade hai de crecer cando viviches o máis grande?
E o cumio non foi unicamente ese venres tolo, tremendo e á vez indistinguible do sábado. A cima foron os seguintes meses, cando parábamos o Orzán para cantar ás tantas da mañá que “te quiero dar, de corazón”, subidos aos contedores. Ou cando nos invitaban os colegas a vodas en Muros e facíamos o mesmo en discotecas costeiras e se unía todo dios. Un fenómeno único, de meses. Un orgullo que produciu longo pracer.
Chega ata hoxe.
Emociona lembralo. É unha pasada, para os que o vivimos e o contamos, que 25 anos despois podemos rememorar coa tranquilidade de que transmitimos ben a cousa, que centos de rapaces nacidos nesa época ou seguinte tamén se senten parte daquela heroicidade, tan súa coma nosa.
Mesmo nos superaron como heroes, no barro.
É moi grande o deportivismo.
Cando era pequeno, alá nos anos 80, nunca pensei, nin de coña, que o Dépor podía gañar unha Liga. Moito menos que eu podería escribir diso nun periódico local o mesmo día que pasou. Aquí, nesta casa. Pero pasou.
Un cuarto de século despois, eu sigo sendo aquilo, o mesmo do 19 de maio de 2000: un pouco de escritura, un bastante de deportivismo e un todo de deschave, porque non existe maior desfrute que ser do Campión 1999-00, de cando chantamos bandeira branquiazul na Historia que non contaba con nós, o Dépor.
Pero o Dépor somos nós. Campeonando.