Onte rematou a primeira semana de pretempada do Bergantiños, composta de dúas sesións de valoracións físicas (na segunda delas xa houbo traballo de campo) e catro adestramentos nos que o técnico Simón Lamas buscou dar os pasos iniciais da súa idea de xogo cun equipo moi renovado, con ata 14 caras novas con respecto ao pasado curso. O adestrador de Vilalba pasa revista duns días que cualifica como moi positivos e recoñece que faltan un par de fichaxes no centro do campo para cerrar un grupo que, por diversos motivos, entende que vai facer un gran ano.
“Moi ben. Foi unha semana como todas as de este tipo, de coñecerse e iniciar dinámicas novas. Houbo moi boa actitude e disposición por parte de todos. Temos un corpo técnico que nos imos adaptar moi ben uns a outros para sacar o maior rendemento dos futbolistas. Eles teñen moitas gañas e ilusión de facer unha boa temporada, tanto a nivel persoal como colectivo. Estas primeiras sesións foron unha marabilla”, recalca Lamas.
Cada semana ten os seus puntos a acadar e os da primeira eran os seguintes: “Volver á rutina diaria e semanal en canto a adestramentos tras dous meses e medio case sen competir. Dispuxemos tarefas que nos permitan minimizar calquera tipo de risco, coa intención de ver o máis rápido posible en que destacan e de que nos podemos aproveitar, que puntos deben reforzar e traballar para mellorar... Aínda que xa os coñecemos, en directo e conversando sempre vas vendo outro tipo de situacións. E tamén fomos comezando o traballo defensivo de liñas e situacións de disputas”.
Tan só continúan o porteiro Canedo, o central Fito, o centrocampista Álex Lorenzo ‘Meli’ e o atacante William Peña con respecto á pasada temporada, polo que o adestrador debe formar unha escuadra case dende cero. O exadestrador do Racing Villalbés prefire quedar coa parte positiva.
“Que case todos os xogadores sexan novos fai que partan de cero e teñan moita ilusión e gañas de facerse cun oco no once. Veñen de situacións diferentes e están moi receptivos a escoitar o que propoñemos. Evidentemente temos que loitar contra o tempo, porque necesitamos que se coñezan rapidamente e vaian xerando sinerxías nos partidos, pero creo que é máis positivo porque fichamos futbolistas que queren crecer e mellorar. Veñen aquí a Carballo a dar pasos adiante”, apunta.
O primeiro partido de Liga está programado para o primeiro fin de semana de setembro, nas Eiroas ante o Salamanca UDS, e Lamas non ten ningunha dúbida de que o grupo chegara preparado. “Temos a estrutura da pretempada en canto a obxectivos xa marcada. Despois hai que ir día a día modificando algo, reforzando algunhas situacións, pero creo que hai tempo suficiente como para que o equipo chegue en condicións.
Analizaremos os amistosos para ver se asimilamos conceptos ou debemos reforzalos, disporemos algunha dobre sesión para poder ter máis tempo de traballo e poder chegar a certos comportamentos... Queremos insistir moito no modelo de xogo, creo que é fundamental. Tamén no aspecto condicional, pero ao ter tantas incorporacións novas o modelo é algo clave. Creo que non vai haber ningún problema, pero os partidos amistosos nos irán marcando que debemos axustar ou se imos asimilando”, explica o adestrador.
O primeiro amigable non chegará ate o próximo sábado en Ponte dos Brozos, algo que ten a súa razón de ser. “Queríamos ter dez días de traballo para reducir o risco de lesións e dar tempo a que nos coñezamos todos. Cremos que en dez días o risco é baixo e xa imos ter certos conceptos traballados para esixir nese primeiro amistoso en Arteixo. Pero o de ter este tempo de traballo foi máis pensando no tema das lesións que no táctico”.
Simón Lamas celebra como está indo a planificación. “Darío Cotelo (director deportivo) fixo un traballo de moito nivel. Ten control sobre moitos futbolistas: galegos, sub-23, doutras comunidades, do mesmo grupo... A conversa entre os dous foi absoluta, buscando que eu como adestrador teña voz e voto e que poida opinar. É un traballo de ambas partes. El traballando para os obxectivos do club a corto, medio e incluso largo prazo, e eu con esa visión dende o modelo de xogo, dende a parte táctica do que é a confección do conxunto. O entendemento foi total, vemos cousas parecidas e en moitos casos fomos capaces de firmar primeiras opcións. Estamos moi satisfeitos co mercado e con como está a quedar o equipo”, asegura.
Aínda así, recoñece que hai unha zona do campo na que deben buscar algunha opción máis. “Agora mesmo como centrocampistas de corte máis posicional temos a Meli e a Diego González, que veñen ademais dun ano complicado en canto a lesións, e creo que aí é onde temos que poñer agora todas as nosas atencións en canto a mercado, para incorporar un ‘6’ e un medio centro sub-23 que nos poidan complementar”, pide.
“Temos perfiles distintos que nos van dar moito en escenarios diferentes e momentos da tempada distintos, o cal era un pouco o que buscábamos, que o equipo tivera capacidade para adaptarse a todos os contextos e situacións de partido que imos vivir. Incluso durante o campeonato hai momentos diferentes e creo que temos alternativas. Co centro do campo podemos pechar un grupo de plenas garantías”, engade Lamas.