Simón Lamas: “É a temporada na que máis orgulloso estou do traballo estou facendo”
lll
17º-23º

Simón Lamas: “É a temporada na que máis orgulloso estou do traballo estou facendo”

Simón Lamas: “É a temporada na que máis orgulloso estou do traballo estou facendo”
Simón Lamas (30), o pasado domingo na Porta Santa | Raúl Lopez

Usuario

Alicientes máis interesantes non pode ter. Villalbés contra Fabril, segundo contra primeiro, Simón Lamas contra Óscar Gilsanz. O adestrador do Racing analiza a temporada do seu equipo, o encontro de mañá, o rival, a liga.
 

Chega o Villalbés á última xornada do ano na situación soñada?
Soñada non porque esta é unha carreira de fondo. Estamos moi satisfeitos e contentos coa puntuación que temos, é un premio ao traballo que se está a facer, pero o que manda é o que pasa ao final da temporada. As sensacións están a ser moi boas porque non houbo ningún partido no que non competísemos de ti a ti co rival e iso é o que nos vai seguir dando puntos de aquí en diante.

Está o equipo onde ten que estar? É o seu obxectivo?
O obxectivo por parte do club non o é. A nivel deportivo estamos moi contentos coa plantilla que se fixo. Chegaron xogadores que nos deron un salto de calidade importante, sobre todo, á hora de competir pola experiencia que teñen en categorías superiores. Non somos inferiores a ningún equipo, pero isto é moi longo e nós temos uns condicionantes que nos limitan respecto a outros equipos á hora de adestrar, un plantel moi curt. Debemos ter os pés no chan e saber o que somos. A partir de aí, podemos pelexar contra calquera rival desta categoría. Téñoo claro.

Cales son eses condicionantes dos que fala?
O tema laboral dos xogadores, que adestramos de noite, menos días que varios dos equipos da categoría… Todo iso limítanos de cara a pensar que é unha obriga. O traballo semanal é incluso mellor que o de anos anteriores e iso danos un plus á hora de poder estar arriba.

En canto ao plantel curto, é a tónica das últimas temporadas.
Arriscamos en certa medida. Cunha plantilla un pouco menos profesional que a de outros equipos da categoría, se temos moitos xogadores cremos que varios deles van ter moi poucos minutos e preferimos repartir mellor as pezas. No traballo de planificación tratamos de que en varios postos teñamos xogadores polivalentes que nos dean diferentes perfís. Podería dicir que todas as posicións están dobradas a pesar de contar con só 18 futbolistas. Preferímolo porque cremos que nunha plantilla non profesional ao 100% todos os que estean teñen que estar enchufados e sentirse igual de importantes.

“O traballo semanal é incluso mellor que o de anos anteriores”. En que o nota?
Os xogadores que incorporamos esta temporada dannos un plus de seriedade, de compromiso e de calidade de traballo en todos os sensos. Iso non quere dicir que os xogadores que estiveron en etapas anteriores non o fixeran, pero bhai futbolistas con máis experiencia como Pablo, Marcos Álvarez, Dani Fernández… Ademais de ser veteráns e de aportarlle moito ao grupo a nivel de competitividade, son os que máis queren adestrar e os que máis esixen; non só a min senón tamén aos seus compañeiros. Ver a Pablo ou a Marcos, con todo o que fixeron no fútbol, adestrar con esa fame é o mellor que lle pode pasar ao grupo en canto a que todos van detrás e todos se identifican con eles. Encaixaron á perfección co grupo que xa había dos irmáns Varela, Make, López… Futbolistas que se coidan moito e que adestran moi ben.

E isto ao que se refería con que o seu equipo ten parte de profesionalidade?
Nisto seguro. Non coñezo a dinámica de todos os equipos, non sei se haberá algún que iguale o que pasa aquí, pero no Villalbés adéstrase moi ben. Non temos unhas circunstancias profesionais ao 100%, pero no que é traballo, compromiso e actitude non se lles pode reprochar nada. Todo o contrario. Como adestrador, só lles podo agradecer que se entreguen desta forma porque me fan o traballo moito máis fácil.

En cambio, desde fóra pode parecer que eses xogadores que pasaron do Racing ao Somozas e agora ao Villalbés están vivindo unha especie de retirada.
É algo que a min tamén me chegou, incluso adestradores que no verán me preguntaron como fichábamos a estes xogadores. Pero todo o mundo, compañeiros e adestradores, nos falaban marabillas deles. Non é que só cumpriran as expectativas senón que as melloraron. Pode parecer que estou alabando a xogadores do equipo, pero se non fose así tamén o diría ou non o utilizaría como algo que nos identifique. A este grupo víñalle moi ben este tipo de compañeiros experimentados que viviron momentos importantes, sobre todo á hora de competir. Sen dúbida, acertamos en incorporalos. A xente pode pensar que están na costa abaixo da súa carreira. Quédanlles menos anos que cando comezaron pero a ilusión é a mesma ou maior que a dos seus compañeiros. Que Pablo e Marcos teñan ilusión contáxiase e traslándalla aos demais, algo moi positivo para nós.

Que Pablo e Marcos teñan ilusión contáxiase e traslándalla aos demais


En trece xornadas só unha derrota, na segunda xornada.
Coincidiunos nunha xornada na que aínda estabamos encontrándonos. Sobre todo a nivel defensivo, Dani chegou comezaba a temporada, Damián incorporouse nas últimas semanas de pretemporada e cun problema de pubis e Joel tivo que ausentarse tamén varias semanas por lesión. Quizais o adestrador tampouco estivo demasiado acertado nese partido. En todos houbo momentos nos que sufrimos, como contra o Choco ou o Viveiro fóra. Todos os xogadores están adaptándose ao que se pide e dando o 100% súper involucrados. Esta é a miña quinta temporada e en todas fomos modificando cousas tratando de mellorar o modelo, sobre todo, a nivel ofensivo. Cremos que somos un equipo con máis recursos e todo o mundo se está sentindo identificado. A nivel defensivo, o mesmo. Somos un equipo un pouco máis presionante que noutros anos, que non defende tan repregado, que pasa máis tempo coa pelota e, polo tanto, non defendemos tanto tempo. O que máis destaco é o compromiso e as gañas de aprender e de adaptarse ao sistema defensivo das novas incorporacións.

O Villalbés é o equipo menos goleado da liga. Faille especial ilusión?
Sempre que pensas nun obxectivo a longo prazo, falar de non encaixar e de ser un equipo fiable a nivel defensivo é algo fundamental. Todos os equipos teñen que medrar a partir de aí, sobre todo se aspiran a grandes cotas. Na Terceira, cada contexto é totalmente diferente polos campos. Fóra da casa estamos indo a campos de herba artificial, nos que este ano, sorprendentemente, está a custarnos moito menos gañar, e hai que adaptarse continuamente a campos e situacións de xogo diferentes. Se es un equipo que se ordea e que sabe o que ten que facer en cada momento terás máis probabilidades de defender mellor. Intentamos ser máis presionantes e non quere dicir que defendamos máis atrás, manexamos varias estructuras e os xogadores sínteno como adecuado e adáptanse moi ben ao que se esixe. Todo o mundo antepón o ben colectivo ao ben individual. Sen ir máis lonxe, no último partido, en Paiosaco, críamos que para gañar tiñamos que ordearnos ben defensivamente e transitar. O Paiosaco era un equipo que arriscaba moito desde atrás, que trataba de xerar superioridades por dentro e o equipo adaptouse con total humildade sen facer un partido brillante pero sendo superiores. Noutras temporadas tiñamos máis dificultades para conseguir que algún futbolista se adaptase a nivel defensivo.

Por personalizar o feito de ser o equipo menos goleado e por ser unha das cara novas desta temporada, que tipo de porteiro é Santomé?
É un porteiro de características similares ás de Ángel Fraga, un porteiro excepcional. Álex é un porteiro cunha grandísima personalidade, internacional en categorías inferiores, xogando Youth League co Atlético, gañanado campionatos nacionais e internacionais, xogando en Segunda B moitas temporadas, sendo profesional… Da moita seguridade no xogo aéreo, tanto en balón parado como en centros laterais. É un porteiro moi áxil no un para un, ten moitísima facilidade para anticiparse, para voar. Cando perdes a un porteiro, moitas veces non é fácil para os clubes dar con outro de nivel alto, pero tivemos a fortuna desta opción, que iguala o rendemento que nos deu Ángel o ano pasado.

Como chega un futbolista que sempre estivo fóra de Galicia ao Racing Villalbés?
A súa familia é de Vilalba. El buscaba unha situación totalmente diferente, ir a un contexto un pouco máis familiar. Ten a posibilidade de vivir aquí. Fichou no Villalbés buscando a confianza que lle faltou en equipos de Segunda B, sentirse importante e querido e vivir unha temporada como a que creo que está vivindo para recuperar a confianza de cara a ir hacia arriba.  

Falando de xogadores que veñen de Segunda B, como é adestrar a Pablo Rey e que lle pode corrixir ou aportar o Simón adestrador?
Na conversa que tiven con el no verán díxenlle que a miña ilusión, se el firmaba con nós, era tratar de aportarlle algo. Sempre se pode aprender algo, vivir cousas distintas e, a partir de aí, medrar como xogador. Sorprendentemente, é un dos futbolista que máis información reclama. Gústame coñecer a súa opinión porque é un xogador que dentro do campo entende moitas situacións do xogo e iso pódenos beneficiar. É un dos futbolistas que mellor adestra e nos test condicionais do verán superaba con creces aos xogadores do fútbol base. Ten máis capacidade e ilusión que calquera xuvenil que viña de estar con nós. Nas tareas pregunta e está continuamente tratando de entender as cousas o antes posible. Obriga e esixe a adestrar ben aos seus compañeiros. Nos partidos está adaptándose ás mil marabillas tanto ao traballo defensivo como ao ofensivo en diferentes estructuras e posicionamentos. Todos coñecemos a Pablo Rey máis polo que fai coa pelota que en fase defensiva e eu como adestrador teño que potenciar iso pero a todo o mundo lle sorprendería a ilusión que ten por seguir crecendo e, sobre todo, por facer que o Racing Villalbés estea no máis alto.

En que posición o ve?
Con nós está a xogar un pouco máis atrás do que a min me gustaría ou onde creo que as súas características poden destacar máis. É un xogador que ten moitísimo gol e nós, nalgún contexto, estámolo alonxando un pouco da área para facer outras facetas. No pase medio-largo é un espectáculo, no entendemento dos espacios, é capaz de xogar de costas á portería rival, de xogar rápido. Estámolo utilizando máis como pasador. Pode adaptarse á mediapunta, a extremo esquerdo, incluso nun 1-4-4-3 de interior… Son as súas mellores posicións, pero a min gustaríame acercalo un pouco máis a situacións de gol. De feito, cando pode, en contextos que si llo permitimos, chega continuamente, xera perigo e fai goles. Leva catro goles.

Non está só para tirar as faltas e executar calquera tipo de acción a balón parado como poderían pensar moitos.
Nin moito menos, pero iso faino espectacular. Eu nunca tiven a un xogador que executara con esa facilidade e que puxera o balón onde quixera. Ten capacidade de opinar e de mellorar as xogadas que se fan. É un máis tomando decisións e iso fala moi ben del. Moitas veces os xogadores son reacios e simplemente executan.

Non xogou os últimos partidos. Estará contra o Fabril?
Intentaremos que si. Tivo unha pequena distensión nun músculo que está por enriba do xemelgo. Parecía algo máis importante, pero descartamos algo máis grave. Trataremos de contar con el o sábado.

O partido do sábado faralle especial ilusión a un dos xogadores que chegaron o pasado verán: Álex Pérez.
A nosa intención con el sempre foi acercalo á área rival e que nos dera profundidade. Onde máis destaca Álex é nas posicións de extremo e incluso de segundo punta. Estámolo utilizando por fóra tanto en esquerda como en dereita, un pouco en función do que busquemos. Por uns problemas de Buyo tivemos que recurrir a el para o lateral esquerdo, pero danos moitísimo demarque de ruptura, capacidade defensiva na presión, esforzos de alta intensidade para o contraataque e para repregar. É puro ADN. Poucas veces incorporamos un xogador co que estivéramos tan convencidos de que vai vir ao sitio adecuado e no que se sinta el mesmo. A Álex Pérez, o Racing Villalbés vaille como anel ao dedo e o mesmo ao contrario. As dúas partes podemos saír moi beneficiadas. Se ten paciencia e personalidade, Álex pode facer moi boa carreira no fútbol e non só en Terceira senón aspirar a categorías superiores.

Álex Pérez? Poucas veces incorporamos un xogador co que estivéramos tan convencidos de que vai vir ao sitio adecuado e no que se sinta el mesmo


Álex é outro xogador que lle pega moi ben a balón parado.
Temos moi bos especialistas esta temporada. Incluso Marcos Álvarez, que en moitas temporadas estivo á sobra de Pablo e por iso non puido destacar, é un excelente sacador. Buyo, Rares, Santi Gegunde…

Xa para rematar o repaso individual. Javi Varela xogou todos os minutos das trece primeiras xornadas. É un futbolista que sempre destacou pola regularidade pero, está a dar un punto máis esta temporada?
Creo que si. Para min, este é o mellor Javi Varela das miñas cinco temporadas como adestrador do Villalbés. Está nun momento físico espectacular e nun momento de confianza brutal. Moitas veces, a confianza é o que fai que un xogador rinda un pouco mellor se cabe. Con balón está mellor que nunca, simplificando e adaptándose ao que se lle pide. É súper intelixente e adáptase moi ben ao que se lle require. Buscando o equilibrio e que participen xogadores máis ofensivos como Pablo Rey, Javi Rey, Santi Gegunde, Álex Pérez… Ter a Javi de ancla danos moitísimo equilibrio, moita presión tras perda, moita recuperación en transición defensiva, permítenos apretar alto e defender repregados porque é un xogador vital. Está no equipo desde que rematou a súa etapa xuvenil pero é capaz de reinventarse e de asimilar máis conceptos. A nivel táctico, estamos a utilizar bastante un 1-4-3-3 sen anclarnos nel e el, nesa estructura, está a darnos moito na posición de pivote.

Daba a sensación de que Simón Lamas sería sempre fiel ao 1-4-4-2, pero esta temporada non está a ser así.
Cada adestrador ten a súa seña de identidade e os seus gustos persoais, pero a min o que máis me gusta é adaptarme. Intento mellorar como adestrador, ver máis partidos, máis adestramentos, máis adestradores e saber máis de fútbol. Creo que podo adestrar a calquera perfil de equipo: que xogue máis posicional, que sexa máis reactivo, que teña que defender máis arriba ou máis atrás… Creo que me podo adaptar. No fútbol, os que mandan, os son futbolistas. Tendo xogadores dun ou doutro perfil, e co gusto persoal de cada adestrador, temos que ir adaptándonos pero sempre respectando á historia de cada club. Se alguén ve partidos do Villalbés temporada tras temporada detectará cambios, situacións distintas, modificacións de estructuras e posicionamentos… Diso se trata, de adaptarse aos xogadores que tes, ao equipo que tes e ao que podes propoñer.

Ter unha plantilla curta e que haxa tres ou catro baixas xa obriga a adaptarse buscando solucións. De feito houbo partidos nos que non tivo nin a López nin a Buyo, os dous teóricos laterais puros.
López é un dos mellores laterais da categoría, sobre todo a nivel defensivo. Sen balón, nos duelos, en defensa repregrada, en situacións de un para un, probablemente é o mellor. Pero José Varela probablemente sexa un dos mellores laterais da categoría, sen ningunha dúbida. Por iso dicía que temos dous homes por posición que nos dan perfís distintos. Na esquerda, Buyo faltou uns partidos. Primeiro tratamos de adaptar a Álex sen crer moito niso e si tiñamos a idea de que Damián nos aportase nesa posición outro perfil. Buyo é un xogador moi veloz que chega moi ben a situacións de finalización e que é capaz de ir evolver moi rápido, é moi agresivo en situacións de un para un. Damián danos moitísima máis saída, capacidade de saír de tres, de catro, ten moi bo pase curto, medio e longo, danos defensa de área porque ten boa envergadura. Temos dous xogadores por posto que, en función do que se requira, nos dan algo totalmente diferente.

Fala de José Varela como un dos mellores laterais da liga. Xa non é extremo para Simón?
Danos as dúas posibilidades. Nos últimos partidos na casa estamos facendo un cambio que é meter a López como lateral e adiantar a posición de Jose a extremo. Cos cinco cambios podemos mudar ata ese punto. De extremo danos profundidade, desborde, capacidade de estirar ao equipo, capacidade de presionar moi arriba; e como lateral danos moito rigor táctico porque está a adaptarse a xogar de último home en lugar de facelo na seguinte liña. A nivel ofensivo, ante defensas moi repregadas, benefícialle chegar desde atrás máis que estar máis fixado polo lateral. Estamos evolucionando coas dúas alternativas.

E falando de evolución, en que punto da súa evolución como adestrador está Simón Lamas?
Son mellor adestrador que fai cinco anos porque as experiencias e todas as situacións que fun vivindo, que tiven que corrixir e que obrigaron a tomar decisións, fixéronme mellor. Hai situacións que xa vivín e iso benefíciame á hora de tomar algunha que outra decisión en quente nos partidos. En Vilalba valóranme moito e déixanme traballar moi cómodo. Isto, para un adestrador, é o máis complicado de ter e ao que máis valor lle dou. A tranquilidade que nos transmite o club permítenos traballar a gusto. Os xogadores tamén o perciben. Non escondo que esta é a miña profesión e o único que me atañe e que me gustaría é facer unha gran temporada. Esta é a miña casa e gustaríame facer algo importante aquí. Estamos tratando de engancharnos aos postos altos na primeira volta para na segunda aguantar o maior tempo posible. A nivel deportivo estou traballando cada vez mellor adaptándome a outras situacións. A min gústame moito ver adestrar a outros compañeiros para descubrir outras forma de entender isto. Estou evolucionando como adestrador, sobre todo, no modelo, tratando de ter un equipo máis creativo con capacidade para adaptarse a distintas estructuras que nos plantexan os rivais, xogar máis longo ou máis combinativo… Nas transicións tratamos de ser os mellores porque é algo que nos caracteriza. En función dos futbolistas que están no campo, temos a capacidade de xogar máis directo se está Cuadrado arriba, máis posicional e xerando vantaxes por dentro se xoga Santi Gegunde, máis aos espacios se están Marcos Álvarez e Álex nos extremos, podemos roubar máis con Make e Javi ou ter máis balón con Javi Rey e Pablo Rey… Adaptámonos a distintos contextos que nos plantexan os rivais e estou súper satisfeito co equipo que temos e por como estamos a facer as cousas. É a temporada que máis estou disfrutando e a que máis orgulloso estou do traballo que estou facendo.

 

Hai situacións que xa vivín e iso benefíciame á hora de tomar algunha que outra decisión en quente nos partidos


E nos partidos? Ten fama de ser un adestrador moi intenso e, en ocasións, con malas pulgas.
Son igual porque hai tensión. Cando a tensión é por estar na zona baixa é máis difícil, pero cando estás arriba tampouco queres baixar deses postos. Como xogador xa o vía de forma intensa e como adestrador tamén o fago porque é a miña forma de entendelo, é a forma que me sae de dentro á hora de competir, pero cada vez con maior tranquilidade. Vivir situacións e que se repitan, enfrontarme a un compañeiro catro ou cinco temporadas, coñezo aos árbitros, a todos os xogadores rivais… Todo iso faime ter moita máis seguridade no que fago. Tamén son cinco anos co mesmo equipo tratando de adaptalo ao que eu busco e á idea que teño en mente. Trato de controlarme un pouco máis os domingos porque sei que llo transmito aos xogadores, incluso traballeino con psicólogos. A temporada pasada puiden traballar varios meses cun profesional e axudoume moito a ver outras cousas, pero sempre tratando de mellorar. No momento que crea que me estanque botareime a un lado e tratarei de facer outras cousas. Mentres estea nisto, tratarei de crecer, de mellorar, de ser cada día mellor adestrador e de controlar todo o que poida.

Nos momentos libres dan fin de semana é comentarista de partidos.
Esta última fin de semana fun a comentar un Polvorín-Coruxo e despois fun directo para Paiosaco. Saín da casa ás nove da mañá e cheguei ás nove da noite. Sempre que podo vou a Abegondo, á Grela ou a Arteixo porque soen xogar polas mañás. O de comentarista é algo a maiores. Cada vez gústame máis o fútbol de Primeira e Segunda Federación, a nosa Terceira… E aproveito para ver e ter controlados equipos e xogadores. Vexo moitas formas de xogar e é unha forma de ver como traballan os partidos outros adestradores, que cambios fan dunha semana a outra, que poden buscar. O equipo de En Xogo é un grupo de traballo súper profesional e fanmo moito máis fácil. Adestrar gústame moito e creo que non hai nada como o campo, pero comentar é algo que me gusta e que o fago con moito agrado.

Tivo Simón algunha opción de adestrar a algún equipo de Segunda Federación que cambiase de míster durante a temporada?
Non a houbo e, se a houbera, sería moi complicado que me fose do Villalbés. Sobre todo por como están saíndo as cousas, pola confianza que me transmiten, polo que estou a disfrutar co equipo esta temporada, porque todos temos ilusión de estar arriba e facer unha campaña bonita e porque esta é a miña casa. Non digo que a temporada que ven ou máis adiante non o plantexase.

Que tipo de partido agarda contra o Fabril?
Como cada partido contra o Fabril na Magdalena, un partido que soe parecerse menos aos que xogamos na casa polo rival que teremos enfrente, un Fabril proactivo co balón, obrigando aos equipos a ir a un bloque baixo, sendo un equipo con moita profundidade dos extremos por fóra, moitos desmarques de ruptura, situacións de centro lateral e, sobre todo, moito ritmo na presión, na presión tras perda. Fóra da casa van a contextos un pouco diferentes: transitar un pouco máis, ordearse, non cometer erros… Son partidos un pouco máis pechados. Vinlle en directo o partido contra o Arteixo no que o Fabril non mereceu gañar, pero acabou gañando porque fóra da casa adáptase mellor e o míster os fai competir moi ben para ser un filial. Veremos un partido  de ritmo moi alto, moi bonito para o espectador no que seguramente teremos as nosas opcións pero que se decidirá, probablemente, por detalles. Óscar coñece ao Villalbés e eu tamén coñezo ao Fabril. Non creo que haxa excesivas ocasións porque ambos somos conscientes do partido que imos xogar, un partido bonito a estas alturas da temporada xusto antes do parón coa posibilidade de conquistar o primeiro posto. Trataremos ao Fabril de ti a ti.

Iso é o que agarda pero, como lle gustaría que se desenvolvese?
Os dous adestradores pensamos situacións para incomodar ao rival, para que sufra nos seus puntos débiles, minimizar ao máximo os puntos fortes… Os dous equipos buscaremos xerar perigo en transicións. Nós temos a capacidade de xerar máis perigo á súa liña defensiva cun xogo máis directo. O Fabril, se ten moita continuidade co balón, pode xerarnos problemas e non me gustaría iso. Gustaríame que fósemos capaces de presionar arriba e incomodar a saída de balón do Fabril. Vai ser un moi bo partido para a xente que lle gusta o fútbol como deporte de estratexia que é. Seguro que dentro do partido vai haber momentos e situacións nas que os adestradores teremos que intervir. Pola clasificación, somos os dous equipos que, polo momento, estamos mellor. Espero que poidamos gañar e irnos ao parón primeiros porque sería un punto de confianza para os futbolistas moi importante. Non é nada definitivo porque queda moitísimo, pero sería algo que na pretemporada non pensaríamos.

 

Gustaríame que fósemos capaces de presionar arriba e incomodar a saída de balón do Fabril


Os adestradores que se enfrontan ao Fabril teñen un debate interno ao principio da semana: ir moi arriba a dificultarlle a saída ou meterse moi atrás para que non teñan espacios. Como cre Simón que se pode sentir máis incómodo o Depor B?
Diría que coas dúas opcións. Sendo capaces de alternar ambos posicionamentos. Estou completamente dacordo con iso: ou moi arriba ou moi atrás. Cun bloque máis pregado, o Fabril ten moitísima profundidade e precisión. O importante é ir alternando os momentos en función das sensacións que poidan ter os xogadores dentro do campo, poder elixir. Obviamente, o Fabril obriga aos rivais a agruparse en certos momentos. Algo moi importante é ter a capacidade de amenazalos, que cada vez que perdan a pelota sufran un contraataque poden minarlles no que fan e lles reste posibilidades, xurxan dudas, cometan erros… Todo iso fai crecer ao equipo que é máis reactivo e dalle máis opcións de gañar o partido. Se es capaz de roubar e non transitas, non lles fas dano e o Fabril crecerá, meterate atrás e minará a túa confianza.

Utilizará a posibilidade de rematar o ano no primeiro posto como unha técnica de motivación para este partido?
O adestramento do luns, que soe ser un pouco máis suave e distendido, indicounos que para esta xornada non fai falta motivar. O único que temos que intentar os adestradores é darlle aos xogadores as chaves do partido, acertar no deseño da estratexia  para que eles poidan sentirse cómodos no campo e incluso tranquilizarlles e facerlles ver que para nada é o fin de mundo e que é un partido para disfrutar e para darlle moito mérito á temporada que estamos a facer. Todos saben o partido que temos o sábado e así nolo fixeron ver.

É o Fabril o mellor equipo da liga?
Teño dúbidas. Levo moitos anos vendo a Terceira e recordo algún Fabril con Edu Expósito, con Juan Otero, con Pinchi, Juan Domínguez… Sen ir máis lonxe, na miña segunda temporada, Villares e Rayco estaban no Fabril. A ver se algún dos xogadores deste Fabril é capaz de chegar algún día a onde está Villares. Pero este Fabril é un moi bo equipo que está primando moito máis, e creo que de forma acertada, a progresión dos xogadores da canteira, incluso en idade xuvenil, como Martín Ochoa ou Diego Gómez. É un equipo que ten a fortuna de poder adestrar polas mañás e iso para min é un salto de calidade. Probablemente teña ao mellor adestrador da liga porque o leva demostrando todos estes anos conseguindo sempre moi bos resultados. Pero o Arosa debería ser o máximo candidato por historia, por vir de Segunda Federación, por ter un adestrador con tanta experiencia, por ter moitos futbolistas que veñen de Segunda Federación e que conseguiron o ascenso fai un par de anos… O Fabril ten ingredientes e capacidade por profesionalidade, talento, traballo e adestrador para ser un dos mellores.

Cales son os puntos débiles do Depor B?
Probablemente a inexperiencia dos seus futbolistas. Vimos algún Fabril nos últimos anos con maior experiencia pero porque tiña xogadores de maior idade e doutro perfil. Este é un Fabril ao que lle custa máis ser competitivo os 90 minutos. Creo que sempre hai algún momento dos partidos no que lle da opcións ao rival. No xogo directo e nas costas da liña defensiva poden ter dificultades. Todos os equipos temos puntos débiles. En canto a un punto forte respecto á temporada pasada, este Fabril ten unha plantilla moito máis compensada con dous xogadores por postos e incluso de diferentes perfís. Tamén mellorou na organización do xogo a nivel ofensivo. Jairo dalle un plus de creatividade, tamén Diego entre liñas. Noutros anos custáballes un pouco máis ante defensas moi pechadas.

Ter en fronte ao pichichi da liga preocupará a calquera adestrador. Como se minimiza a un dianteiro como Martín Ochoa?
Polo que lle levo visto, que é moi pouco, paréceme un xogador que non destaca cun ’10’ en nada pero creo que fai moitísimas cousas ben: xoga moi ben de costas, desmárcase moi ben a pesar de non ter moita velocidade, móvese ben dentro da área, é capaz de forcexear cos seus oponentes, finalizar ben a un toque, algo fundamental para un nove, e tamén é moi voluntarioso na presión. Manexa moitísimos rexistros e adáptase a todas as situacións. Pensei que lle ía custar un pouco adaptarse máis aínda que sei que no Depor teñen moitas esperanzas depositadas neste xogador. O que máis me sorprende é a súa madurez. Leva dez goles no Fabril sendo xuvenil e xoga como se fora adulto. Iso fala moi ben del como futbolista, como persoa e augúralle un gran futuro. Trataremos de darlles consignas aos nosos centrais e mediocentros para que poidan defendelo o mellor posible.

 

 

Martín Ochoa leva dez goles no Fabril sendo xuvenil e xoga como se fora adulto



Cando lle presenta ao seu equipo na pizarra ou no proxector o posible once do Fabril, a quen sinala como xogadores de categoría superior?
Probablemente de categoría superior son todos. Estou seguro que calquera equipo de Segunda Federación se fixaría nestes xogadores por ser sub-23 e porque son moi apetecibles para incorporar. Están en progresión e aínda en periodo de formación. A min gústame moito Brais Val porque o vexo un futbolista moi maduro para a idade que ten e incluso asumindo un liderazgo importante. Gústame moito Ríos porque domina moi ben moitas facetas do xogo e é moi completo. Gústame Dani Barcia porque ten un talento brutal e no momento no que sexa máis consistente ao longo dos 90 minutos vai ser un futbolista de superior categoría. Tamén me gusta moito Diego Gómez porque está facendo cousas que me gustan: da profundidade, é capaz de asociarse por dentro, ten personalidade, entende ben os espacios… Todos están dando moi boi nivel e por iso están primeiros.

De categoría superior pero xa confirmado é Diego Villares, un deportivista de Vilalba e amigo de Simón Lamas. Falou con el despois da exhibición do pasado domingo contra o Racing?
Sempre lle mando unha mensaxe cando soen ter problemas, perden ou el non participa, pero o domingo estiven obrigado a falar con el. Paréceme que fixo un partido antolóxico. O que máis me sorprende del é que canto máis difícil é o escenario, cantos máis problemas ten o equipo no que está, Villares aparece e aparece para ser líder e tirar dos seus compañeiros. O Depor estaba nun mar de dúbidas polos últimos resultados e chegaba o Racing, nun derbi, un partido complicado e el vindo dunha lesión. A súa primeira parte foi brutal. Non vexo xogadores no fútbol profesional que impriman o ritmo na presión que imprime el. Entende moi ben o que lle pide o partido en cada situación. Canto máis difícil é o reto, máis autoridade e carisma ten para dar un golpe na mesa e tirar do equipo. É un futbolista vital para o Deportivo. Oxalá poida ser co Depor porque el está súper feliz aí pero espero que teña a oportunidade xogar no fútbol profesional porque sería o máis xusto á súa carreira e á súa traxectoria.

O Depor xoga o domingo pola mañá en Ceuta pero, de non ser así, estaría o sábado en Vilalba.
Seguro. Sempre que lle coincide e pode, ven á Magdalena e máis sendo contra o Fabril. Nós alegrámonos de que non veña, de que estea centrado co Depor e esperamos que poida gañar en Ceuta.

Nun Villalbés-Fabril, con quen iría Villares?
Tería o corazón dividido. Creo que optaría por un empate e que os dous poidéramos ascender. É unha persoa tan profesional, vese tan integrado no club no que está, que a el gustaríalle que o Fabril ascendese de categoría. Alguén que se volca tanto coa situación que está vivindo o Depor, seguro que iría polo Fabril pero aquí ten amigos e este é o club da súa vida. É unha pregunta para el, seguro que difícil de respostar.

Simón Lamas: “É a temporada na que máis orgulloso estou do traballo estou facendo”

Te puede interesar