Juan Manuel Tuñas, coñecido por todos como Rachón (Coiro, Mazaricos, 1998), está nunha etapa de cambios. Vive no Relámpago a súa primeira experiencia lonxe da Costa da Morte como sénior e, o que quizáis máis sorprende, volve a estar xogando como dianteiro, unha demarcación na que ‘debutou’ o pasado curso aos 25 anos na Segunda Futgal co equipo do seu pobo.
Tras marcar dous goles no 4-0 ante As Pontes, Rachón leva xa nove e só Diego Quiza (Cedeira) leva máis goles que el no grupo 1 de Primeira Futgal. “A verdade é que non mo esperaba, xa que o meu posto natural é o lateral esquerdo. Empecei a tempada como defensa pero, coas lesións de Eloy e Darío, sumado a que o deixaron dous xogadores da parte de arriba, quedamos en cadro na dianteira. O día do Marte acabei xogando arriba os últimos 20 minutos e marquei dous goles. A partir de aí empecei a xogar de extremo e acabei na dianteira”, narra.
“O primeiro ano que xoguei en punta foi o pasado, pero era Segunda. Ata entón xogaba de extremo ou na maioría dos casos como lateral. Eu tampouco me explico este rendemento; estou vivindo un momento moi doce de cara a porteria”, engade.
Con esta nova demarcación, tócalle definirse: “Gústame o contacto e pelexo todo. A miña maior virtude é aproveitarme dos balóns que quedan mortos dentro da área”.
Rachon analiza tamén as diferencias que está atopando nesta etapa con respecto ás anteriores. “Aquí a xente xoga con moito ritmo durante todo o partido, pero noto a ausencia de máis xogadores diferenciais. O bo que ten a Costa é que hai moito talento (moitas veces desperdiciado) e xa o están demostrando con catro dos sete primeiros clasificados no grupo 2 da nosa categoría”.
“A verdade é que está sendo moi enriquecedora. Ten inconvenientes como non ter campo propio e non ter ese sentido de pertenza ao equipo, pero tamén outras moi positivas como adestrar a cinco minutos de onde vivo”, resume.
¿Por que este cambio? “Necesitaba probar algo diferente e volver a engancharme do fútbol como cando era pequeno. Viña dun ano de moita saturación entre xogar, adestrar ao feminino e ir á escola de adestradores. A isto súmanse desencontros que tiven a finais de tempada que me fixeron plantexarme que a miña forma de ver o fútbol igual non era a correcta”, contesta.
Tomada a decisión, tocáballe buscar equipo e apostou polo Relámpago. “A verdade é que xa coñecía ao adestrador Dani Casal de enfrontarme a el xogando. Non tiven moitas dúbidas, xa que tiña gañas de probar na Primeira da zona da Coruña e esta era unha boa oportunidade. Aínda que tiña a decisión tomada tivo que pagarme un par de churrascos antes de aceptar”, bromea.
O Relámpago é agora duodécimo e ven de xogar, segundo Rachón, o mellor partido do curso. “Saímos moi serios, sabendo que tiñamos que sacar os tres puntos para coller algo de aire nesta Liga tan apretada. Soubemos adaptarnos rápido ao rival, atrás non concedemos nada e arriba tivemos o acerto que nos faltou noutros partidos”, destaca.
“A chave foi empezar marcando tan cedo por medio de Souto. Cando intentaban recuperarse dese gol chegou o meu que fixo que xa baixaran os brazos”, sinala.
Entende que están a ter unha boa evolución e ten moi claras as virtudes e defectos do equipo. “A maior cualidade deste grupo está sendo que competimos sempre independentemente do rival e da súa situación clasificatoria. Pola contra, estanos custando levar o peso dos partidos e por momentos non queremos o balón cando temos xente moi cualificada para facelo”, explica.
Comenta que teñen un estilo de xogo que difire algo do clásico e congratúlase pola adaptación dos compañeiros.
“A Dani gústalle moito a defensa de tres e ter carrileros longos que cheguen ata liña de fondo. Creo que a maioría do equipo non estaba demasiado acostumado a xogar desta maneira, pero cada día estamos máis adaptados”.
Por outra banda, no persoal entende que está a mellorar baixo a dirección do técnico carballés. “Estou empezando a aprender a darlle máis calma ao xogo cando teño o balón nos pés e a mellorar na toma de decisións”, exemplifica.
Repasando a súa carreira, vese que aos 16 anos debutou en Preferente, unha categoría á que lle gustaría voltar. “A verdade é que a ilusión está aí. Son unha persoa á que lle gusta competir e sempre estarei disposto a intentar que sexa o máis arriba posible”, asegura.
“Arrepíntome de non terme esforzado máis durante esa etapa, xa que creo que se tivese a mentalidade e o sacrificio que teño hoxe en día, podería ter disfrutado moitísimo máis e teríanseme aberto moitas máis portas”, reflexiona.
Por último, escolle o seu peor e mellor momento no fútbol. “Tras a pandemia voltei moi fóra de forma e cando empezamos a adestrar enlacei unha serie de lesións musculares que arrastrei durante dúas tempadas. Cando pensaba que xa estaba ben volvíame a romper e estiven a punto de deixar o fútbol polo agobio e tristeza que tiña. O mellor, sen dúbida, é cando gañamos a Copa da Costa Senior co Xallas no 2016. Tiven a sorte de poder vivila e gañala en Mazaricos, a seis quilómetros da casa. Esa sensación vai quedar comigo para sempre”, finaliza.