Javi Pampín, nutricionista do Montañeros: “Isto é para os que queren profesionalizar aos seus xogadores”
lll
17º-23º

Javi Pampín, nutricionista do Montañeros: “Isto é para os que queren profesionalizar aos seus xogadores”

Javi Pampín, nutricionista do Montañeros: “Isto é para os que queren profesionalizar aos seus xogadores”
Javi Pampín, nutricionista do Montañeros, na súa clínica | CEDIDA

Usuario

Esta será a segunda tempada na que o nutricionista Javi Pampín (Ordes, 1995) aporte o seu gran de area ao Montañeros. Pero máis alá da súa labor, que explica con claridade, a presenza da súa figura nun corpo técnico de fútbol non profesional —tamén colabora coa Sarriana e o curso pasado fixo o propio no Noia, co que xogou playoff de ascenso a Segunda RFEF— evidencia a ilusión e ambición de equipos modestos que queren máis.

 

¿Sorprendeulle a chamada do Montañeros sendo un equipo de Preferente?
Non, o que é a categoría da un pouco igual, ten máis que ver co tema dos corpos técnicos. Traballei co preparador físico Javi Tejada no Órdenes e logo estiven no Noia, ambos en Preferente. Non me estrañou moito, pero si que é algo particular que se profesionalicen tanto estes equipos. Aínda así, a min encántame o fútbol e creo que a parte amateur necesitaba a parte de nutrición que xa tiñan por exemplo os ciclistas ou os corredores.

 

É dicir, ¿un ciclista ou un corredor afeccionado soen ter máis control da nutrición que un futbolista destes niveis?
Si, si, moito maior. Traballo con atletas dende hai oito ou nove anos e, aínda que haberá de todo, se falamos do perfil xeral dun ciclista, corredor, triatleta ou incluso tenista, teñen a parte de nutrición moito máis inculcada. Son deportes nos que as esixencias son un pouco maiores e ademais danse conta de que controlando o tema da nutrición o seu rendemento vai mellorando exponencialmente. É un pouco máis visible, ademais. Pero na actualidade o futbolista empezase a coidar máis, porque o seu deporte aumentou as súas esixencias físicas.

 

“En clubs que non hai unha esixencia alta, a miña figura sobra un pouco”

 

¿Que beneficios saca un xogador destas categorías se controla a súa nutrición?
Obtén tres: prevención de lesións, imprescindible nesas categorías; crece o rendemento e mellora a composición corporal, que ten que ver con evitar que superen unha determinada porcentaxe de graxa corporal e que logren unha ganancia de masa muscular.

 

¿Pode dar mais detalles deste último apartado?
O futbolista, aparte da materia ósea, ten graxa corporal e masa muscular. A graxa non ten que ser moi baixa, pero tampouco un exceso. Nos clubs medimos ambas variables coas medicións antropométricas e o obxectivo ao longo da temporada é que aumenten esa masa muscular e se encontren nuns valores óptimos de graxa corporal.

 

¿Cal e a súa labor en xeral? 
Depende do club, porque con cada corpo técnico temos unha metodoloxía, aínda que nestes últimos anos todas están máis ou menos estandarizadas. Realizamos unha valoración antropométrica mensual para ter o control de todo o equipo e aportamos unha educación nutricional cada quince días: contido, dúbidas, unha formación, en definitiva. E despois está o tema das individualizacións, que dependen do equipo. No Montañeros tíñámolas en menor cantidade, pero este ano imos facer videochamadas con cada un dos xogadores para dar un paso máis.

 

“Normalmente o futbolista e moi cómodo, quere saber o que comer e xa”

 

¿Os xogadores deste tipo de equipos soen cumprir as súas instrucións?
Estiven en corpos técnicos moi esixentes, onde tanto o adestrador como o preparador físico cren na nutrición e danlle a importancia que merece. Os seus grupos traballan moito e cumpren incluso de máis. A implicación é máxima. Si que ás veces no inicio hai alguén que tarda máis en engancharse, pero baixo a miña experiencia a implicación de xogadores e corpo técnico é máxima. Son unhas esixencias que rozan a profesionalidade, porque aparte dos adestramentos de campo, van tres ou catro veces por semana ao ximnasio, controlan a alimentación e fan as tarefas nutricionais que lles mando. Incluso solicitan valoracións antropométricas periódicas, quérense revisar cada 15 días. Chámanme para incrementar un pouco máis. En clubs que non hai esa retroalimentación a miña figura sobra un pouco, so serviría para facer as valoracións antropométricas.

 

É só para corpos técnicos esixentes.
Efectivamente. Isto é para aqueles que queren profesionalizar aos futbolistas e dar un salto de nivel. Ten que estar todo o mundo na mesa liña. O preparador físico debe controlar algunhas tarefas que lles mando, o adestrador ten que confiar en que lle vai sacar proveito e o propio xogador ten que querer dar ese salto. Se non encaixan esas tres pezas, vese moi difícil todo.

 

“Despois do partido a idea e non esquecer que hai que recuperar”

 

¿Que tarefas lles pon máis alá do que teñen que comer?
Aparte diso, que é o máis comercial, ou o que máis se intúe, trabállamos aspectos máis focalizados no mundo da nutrición deportiva ou da mellora do rendemento. Por exemplo, comezamos a pretemporada e miramos taxas de deshidratación e de sudoración, que ao mellor non ten nada que ver coa comida, pero a min interésame controlar ese aspecto con eles. Teñen que pesarse antes, despois e pasarme os datos. Mándolles tamén que fagan un protocolo de alimentación antes da competición para logo poder integrala, que me transmitan as dúbidas e as solucionemos despois. E por suposto, todo iso cunha alimentación adecuada para os obxectivos de cada un deles.

 

¿O das inxestións é ‘o luns comes isto, o martes estoutro...’, ou non é exactamente así?
O idílico, cando estamos no grao de individualización, é que afronten a semana coa carga de adestramento e a alimentación programada para cada un dos días. Canto máis mellor. Estes atletas queren cada vez máis, lévano moi detallado. O luns saben o que teñen que comer: número de inxestións definido, alimentos que deben introducir en cada unha das comidas e gramos de cada unha. A nivel de elaboración deixamos algunha alternativa, pero a estrutura, os alimentos e as cantidades están definidas. Pode haber alternativa, como por exemplo pataca ou boniato, pero normalmente o futbolista e moi cómodo e non pide alternativa. “Pampín, ti dime o que teño que comer e as cantidades”, listo, non queren pensar. Logo está o tema do prato da avoa (risas), que non soe ter a cantidade xusta, pero imos aproximando ben.

 

“A inxestión previa de carbohidratos é clave para deportes de alta intensidade”

 

¿Como sería unha semana de competición estándar?
Como regra xeral, a principios de semana vimos dun partido de fútbol, polo que as sesións non son tan esixentes, teñen cargas físicas menores. Eses días pódense incluír tipos de alimentos como vexetais ou  con fibra. Estos últimos son moito máis recomendables aquí que a final de semana porque son moito máis saciantes. No medio da semana son adestramentos moito máis esixentes e optimízase a carga de carbohidratos, é moito máis elevada. E a final de semana xa decidimos dependendo do día e a hora do partido, etc. e traballamos coa vista posta na competición. O xogador xa probou —esa é unha das tarefas que manda en ocasións— e sabe o que ten que facer.

 

Aí está todo nas súas mans.
Correcto. Pero ollo, despois do partido tratamos de maximizar a recuperación, que é a gran esquecida, porque a semana seguinte está aí de novo e intentamos optimizar as inxestións do despois, sobre todo cos futbolistas que tiveron unha maior esixencia. Quero puntualizar tamén que hai momentos nos que non hai días de menos carga, con temas de Copa no medio da semana, ou agora a pretemporada, que ten unha esixencia diferente.

 

¿Que visión ten do tema dos carbohidratos antes de competir? Parece que agora non hai tanto consenso como fai algúns anos.
Para min son imprescindibles en deportes de alta intensidade. Os atletas teñen que ir coas reservas de glucóxeno muscular arriba de todo. Deben aportar e introducir ese hidrato tanto antes, como durante, que é algo no que traballo: de asimilación rápida, intra... É imprescindible, hai evidencias por todos lado de que de esa forma se obteñen melloras de rendemento. Sí que é certo que encargamos un estudo cunha panadería e ao tema do pan e gluten si que lle hai que botar un ollo antes de competir.

 

“Non se pode prohibir nada e ten que haber oco para algunhas licencias”

 

Da a sensación de que se  fora o nutricionista dun equipo de Primeira División cambiarían cousas, pero tampouco moitísimas. Vese todo moi profesionalizado xa así.
Bueno... cambiarían, cambiarían. En Primeira ou Segunda hai uns desprazamentos moito maiores e non se contempla que haxa só un nutricionista. O control deses xogadores ten que ser moito máis específico, revisándoo tódalas semanas, como fago eu en clínica. É logo sería cuestión de dividir tarefas: un nutricionista para o período competitivo, outro coa dieta da semana... Nos temos máis facilidades ao non haber desprazamentos moi longos.

 

Imaxino que tamén hai días nos que se poden tomar algunha licencia.
Sempre vai haber ocos para que coman o que queiran. Unha das preguntas que lles fago sempre é se botan de menos algún alimento no día a día, porque normalmente na dieta xa os incluímos case todos. As licencias adaptámolas, procurando que non interfiran coa previa da competición. Teñen comidas libres e nunha alimentación, por moi deportiva que sexa, ten que haber de todo. Non se pode prohibir nada e ten que haber espazo para esas licencias. 

Javi Pampín, nutricionista do Montañeros: “Isto é para os que queren profesionalizar aos seus xogadores”

Te puede interesar