O Concello e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na Coruña presentaron no Obelisco a novena edición da carreira e andaina solidarias contra o cancro, que terán lugar o 29 de maio. Á presentación acudiron a Concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e o presidente da AECC na Coruña, Manuel Aguilar. Contouse ademais coa presenza de personalidades do deporte na cidade, como Carlos Cortés, árbitro internacional de baloncesto, e Alejandra Fernández, xogadora do CRAT.
‘A Coruña en Marcha Contra o Cancro’ contou na súa derradeira edición en 2019, con case 4.000 participantes e este ano pretende chegar a ese mesmo número de corredores solidarios. “O deporte está sempre ao servizo das mais diversas causas solidarias, no caso das carreiras populares, o compoñente competitivo queda nun segundo plano. A aportación é fundamental para seguir traballando na loita contra o cancro”, sinalou Mónica Martínez durante o acto.
“Será unha edición especialmente emocionante na que volveremos ás rúas, a pisar o asfalto para correr contra a enfermidade. Estamos seguros de que contaremos, un ano máis, co apoio de todos e todas as coruñesas”, afirmou Manuel Aguilar, presidente da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña.
‘A Coruña en Marcha Contra o Cancro’ é un evento solidario de carácter non competitivo, no que todas as persoas que queiran participar teñen cabida.
As probas nas que apuntarse son a carreira absoluta para maiores de 18 anos (inscrición a 10 euros), a andaina popular para todas as idades (inscricións a 10 euros) e as carreiras para menores de idade (inscricións a 5 euros).
En 2021 a AECC destinou cerca dun millón de euros para apoiar 13 proxectos de investigación en cancro na provincia da Coruña.