Medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio en 2021 e dobre campión mundial na localidade canadense de Dartmouth en 2022, o palista Carlos Arévalo recibirá o galardón ao ‘Mellor deportista masculino’ na gala dos Premios Deporte Galego 2019-22, que se celebrará o vindeiro luns 20 de marzo no Auditorio Municipal de Ribeira.
O betanceiro forma parte da embarcación española do K4 500 metros que subiu aos podios olímpico en Toquio (prata) e mundial en Dartmouth (ouro). Asemade, proclamouse campeón universal na distancia de K1 200.
Arévalo non será o único deportista da nosa cidade ou da nosa área metropolitana premiado na gala do Deporte Galego. O Depor Genuine compartirá xunto ao Lugo Genuine o galardón ao ‘Mellor equipo de deportistas con discapacidade; o Club Básquet Coruña, 'Mellor entidade na promoción do deporte base'; as Escolas de Balonmán Xiria, exaequo co Bueu Atlético Balonmán, ‘Premio ao xogo limpo’; o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC Sergas) e a Fundación Abrente-Enki, ‘Premio Galicia Saludable a entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa’, dotarán de acento ‘koruño’ a unha gala que non se celebraba desde 2019 e abarcará, por mor da pandemia, catro exercicios: 2019, 2020, 2021 e 2022.
Lista de premiados
- Mellor deportista feminina (ex aequo): María Teresa Portela Rivas (piragüismo) e Ana Peleteiro Brión (atletismo)
- Mellor deportista feminina con discapacidade: Adiaratou Iglesias Forneiro (atletismo)
- Mellor deportista masculino: Carlos Arévalo López (piragüismo)
- Mellor deportista masculino con discapacidade: Martín de la Puente Riobó (tenis en cadeira de rodas)
- Mellor equipo feminino: Club Deportivo Burela Fútbol Sala (fútbol sala)
- Mellor equipo masculino: Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial (tríatlon)
- Mellor equipo de deportistas con discapacidade (ex aequo): Real Club Deportivo de la Coruña Genuine e Club Deportivo Lugo Genuine (fútbol)
- Mellor entidade na promoción do deporte de base: Club Básquet Coruña (baloncesto)
- Mellor adestrador ou adestradora: Miguel Martínez Méndez (baloncesto)
- Mellor árbitro/a ou xuíz/a: Manuel Franco Ojea (tenis)
- Mellor labor informativo: Galicia en Xogo Olímpico (Radio Galega)
- Mellor evento deportivo (ex aequo): Mundiais de Loita sub-23 e grappling de Pontevedra 2019 e O Gran Camiño 2022
- Mellor patrocinio deportivo: Recalvi
- Mellor deportista revelación: Antía Jácome Couto (piragüismo)
- Premio ao xogo limpo (ex aequo): Escolas de Balonmán Xiria e Bueu Atlético Balonmán (balonmán)
- Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa: Instituto de Investigación Biomédica da Coruña – INIBIC Sergas
- Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa: Fundación Abrente - Enki
- Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa: IES Manuel García Barros