O Gran Premio Cantones celebra este sábado (17.00 horas) a súa XXXVII edición, coa participación dos 200 mellores marcadores do mundo. Recentemente, a Real Federación Española de Atletismo (RFEA) entregou a esta proba o galardón á mellor organización, sumándose a outros distintivos como o de Patrimonio Mundial de Atletismo de World Athletics.
O circuíto transcorrerá polos Cantóns, cun percorrido circular. Está prevista a participación de atletas de 25 nacionalidades en categoría feminina e de 22 na masculina, ademais doutras 9 na categoría de 10 quilómetros, cun importante elenco mundial de marchadoras e marchadores de gran categoría.
Confirmaron a súa asistencia na proba feminina un total de sete medallistas mundiais, entre as que destaca a bicampioa do mundo en 2023 María Pérez, quen reaparece despois dunha lesión.
A expedición chinesa está encabezada pola bronce olímpico en Toquio 2020, Liu Hong, e complétase con Shijie Quieyang –bronce mundialista en Oregón 2022– e Zhenxia Ma –gañadora desta proba en 2018 e 2022–. A bicampioa mundial en Oregón e gañadora do certame coruñés a pasada edición, a peruana Kimberly García é outro dos grandes atractivos desta edición, na que tamén haberá que prestar atención á galegas Antía Chamosa, seria aspirante a ocupar praza olímpica en París 2024.
Na categoría masculina, novamente as miradas estarán centradas na actuación dos españois, liderados por Alvaro Martín, bicampión do mundo o ano pasado. Xunto ao pacense estarán os finalista olímpicos Marc Tur e o gañador desta proba no 2021 Diego García.
O potente equipo xaponés está encabezado polo subcampión olímpico en Toquio, Koki Ikeda, acompañado polo campión do mundo en Oregon 2022, Toshikazu Yamanishi. O brasileiro Caio Oliveira de Sena e o portugués Joao Oliveira son outros nomes salientables.
Nesta competición estarán en xogo as últimas prazas olímpicas. Pola parte española, decidiranse a última feminina e masculina do 20 quilómetros.
O desenvolvemento da proba levará aparellado un dispositivo de seguridade que obrigará a modificar o tráfico no ámbito dos Cantóns. A partir das 14.00 horas pecharase o Cantón Grande. O corte total do circuíto durará ata as 21.30 horas.