Canito: “Quedan dúas tempadas e a ver se dou recuperado algo do que é meu”
lll
17º-23º

Canito: “Quedan dúas tempadas e a ver se dou recuperado algo do que é meu”

Canito: “Quedan dúas tempadas e a ver se dou recuperado algo do que é meu”
07 junio 2018 página 48 Fútbol Fotografía del presidente del Laracha José Ceide, Canito

Usuario

Tonecho Garda, vicepresidente, director deportivo e delegado do primeiro equipo, e Nando Martínez Perales, adestrador, deixaron de formar parte do Laracha a semana pasada. José Manuel Ceide Pallas ‘Canito’ é o presidente do club vermello e verde. Está doído, sobre todo, por como saiu Tonecho da entidade.

Parecéronlle mal as declaracións de Tonecho na Voz de Galicia?

Xa sabemos que el foi á universidade e nós non, pero non me gustaron a súas formas de tratar á xente da directiva, incluso con insultos a persoas que traballan desinteresadamente día tras día. Que a familia vexa esto no periódico paréceme dunha persoa que non ten conciencia. El quere que o club lle enseñe as contas. Ímolas presentar na asemblea de final de tempada: iremos cos extractos, co que había desde a pasada tempada, o que se ingresou e o que se gastou desde o antigo tesoureiro abandoou. E, por certo, teño que dicir que me avisou. Díxome: Canito, quedas coa xente equivocada. E, efectivamente, así foi.

Había problemas máis aló da mera relación como membro do Laracha?

Ultimamente case non pode andar pola rúa. A min non me fixeron pintadas na entrada do campo como lle fixeron a el. Parécelle que todo o que pasa ten que xirar ao seu redor.

Que discrepancias existían entre el e vostede?

A discusión que temos todos os anos é que sempre se pasa do presuposto que eu lle dou. Polo anos que levo nisto, sei perfectamente os cartos que vou xuntar de socios, publicidade e cotas do fútbol base. Se lle digo que hai unha cantidade e el supéraa en 1.500 ou 2.000 euros ao mes, estamos a falar de 20.000 euros ao ano. Quen sae diso? E non é el o que ten que solucionar os problemas ao final de cada tempada, son eu. E estou na ruina por culpa disto. Agora mesmo pasa calquera cousa e eu quedo colgado con 50.000 euros ao lombo do que levo ingresado no club e do actual préstamo, que está ao meu nome.

De que préstamo está a falar?

En agosto, solicitei un préstamo de 17.000 euros ao meu nome, xa que a nome do club era imposible. Unha parte deste préstamo destinarase para cancelar outro préstamo inexistente e o sobrante destinarase para gastos de facturas e primeiro equipo.

Como recuperará ese cartos?

Toda a directiva agás Tonecho firmamos para que se me aboase mensualmente mediante a presentación de recibos. Cando se falou deste tema, el estaba na directiva e dicía que había que saír adiante. Para empezar a liga houbo que pagar case 3.000 euros á Federación, á mutualidade, o imposto de sociedades… Os cartos que anticipei eran para gastos do club. Imos recibir 21.000 euros do Concello e a directiva autorízame para retirar eses cartos. Son máis de 30.000 os que xa levo ingresados no club, pero este mes hai que pagar aos xogadores e xa teño que tirar outra vez deses cartos.

Nese momento Tonecho terá acceso ás contas.

Non. Non poderá estar presente porque non ten carné de socio, algo indispensable para poder asistir á asemblea. 

Pero ata a semana pasada Tonecho era o vicepresidente do Laracha.

Para ser socio hai que ter o carné pagado e el non o pagou. Agora vai vir por el e non llo vou dar.

Falou con el despois das súas declaracións?

Como vou falar con esa persoa? Hai xente que está contenta de que marchara. Temos moitos carnés de socio de xente maior que, mentres el estivera no club, díxonos que non o querían retirar. 

Está a dicir que moitos laracheses renegaban do club porque Tonecho era o vicepresidente?

Custoume moito facer un equipo prebenxamín esta tempada. Para captar rapaces, os pais dos equipos biberón, prebenxamín e benxamín non pagan. Só o carné de socio se queren facelo, que non é o obrigatorio. Os chandals levan desde fai anos a publicidad de Reprecor, a empresa de Tonecho, e nunca aportou un euro. Ten un valo de publicidade no campo e tampouco aportou un euro por ela. Tonecho mandaba facer valos de contactos seus. Custaba 120 euros facer cada un e despois non nos pagaban nin a man de obra nin a propia publicidade.

Por que volveu Tonecho ao Laracha fai tres tempadas?

Considero que sobraba no Silva e que é unha persoa que necesita estar metido no fútbol, pero maldito sexa o día no que se me ocorreu. Recordo que me chamara un directivo do Silva, ao que eu consideraba un amigo de Tonecho, para tomar un café comigo e dicirme se estaba tonto por volver a admitilo no club. Ademais diso, os cartos que lle fixo perder ao club.

Tonecho non foi responsable de que o club perdese cartos.

Houbo xente traballando para nós coa non daban as contas da cantina. Dixémoslles que os números non podían estar ben, entregáronnos as chaves e marcharon. Non se lle ocorre outra cousa a Tonecho que ir pedirlles perdón só por quedar ben. Esa tempada levaron 15.000 euros da cantina. Por que tivo que pedirlles que volveran? Nunca o entenderei.

Que pasaba coa cantina?

Cando levaba outra xente a cantina, teño chegado á oficina para facer o balance -rifas, entradas e a propia cantina- e preguntar: cantos cartos fixo a cantina hoxe no partido do primeiro equipo? A resposta: 90 euros. Era imposible porque eu tiña todo moi ben calculado. Se vendo 200 rifas na entrada, a cantina vai facer entre 280 e 300 euros. Como pode ser que venda 200 rifas e só facer 90 euros de cantina? Houbo un desfalco tras outro.

Como foi o inicio desta tempada para o club?

Tonecho ten poder de convicción, pero nesta tempada moito menos. Non foi capaz de conseguir xogadores porque os futbolistas que el coñece xa lle din que non. Nós tiñamos dous fichados, un comezou no Caión e outro está no Arteixo, e dixeron que non por posibles enfrontamentos con el.

Por que non hai máis xogadores do Concello no club?

A Porty chameino moitas veces. Preguntáballe como lle ían os estudios e o traballo. E a Mario, a pesar de como é. Pero ten a toda a xente do pobo en contra, pintadas na parede…

Coñecendo todo o que coñece, arrepíntese dalgunha decisión que tomou?

Arrepíntome do diñeiro que levo posto no club porque non se agradece e porque todo rompería antes e non estaríamos a falar agora destes problemas. Eu deixaría de poñer cartos, o Laracha non pagaría aos xogadores e todo estouparía dalgunha maneira. Se o club non pode estar en Terceira, terá que estar en Preferente. Pero como Canito non sabe facer iso, a xente que traballa no Laracha vai cobrar. Fun eu o que me metín neste problema. Se tivera a capacidade de dicir que non, aforraría moitos disgustos.

Hai xente que pensa que Tonecho conseguiu máis cartos que Canito.

Non o creo porque el nunca puxo cartos no Laracha. Tonecho ben sabe que a tempada na que Lemos foi o adestrador do Laracha, eu tiven que botar man de 12.000 euros dunha conta persoal. 

Desa tempada aínda se deben cartos.

Non, iso é mentira. Se eu lle debo a alguén 20 euros e mos perdoa, xa non llos debo. Díxenlle a Tonecho que era unha barbaridade o que se ía gastar e en decembro daquela tempada entrei no vestiario para explicar que os cartón non ían chegar. Había xogadores que tiñan ofertas de Terceira. Dixémoslles a eses futbolistas que as aceptasen e así o club alixeiraría nóminas. A outra solución era que non se cobrase o último mes e medio. Os futbolistas reuníronse e chegaron ao acordo de non cobrar ese último mes e medio de tempada e, por tanto, o club non debe nada a ningún dos futbolistas dese ano. Tampouco se lle debe nada a, Lemos, ao que xa enganchei por banda un día, porque el tamén perdoou e, ademais, é o que menos pode falar porque marchara para o As Pontes e non perdoara mes e medio, perdoara medio mes.

Pode estar en perigo a viabilidade do club?

A viabilidade do club pasa por axustar economicamente o que resta de tempada e as dúas próximas para intentar solucionar os problemas que temos.

Pode que non se cobre o último mes desta tempada?

De momento non se sabe. O xoves ou o venres desta semana, os xogadores cobrarán novembro. Faltan uns ingresos por entrar coma os da Copa Deputación, a subvención da Xunta e, a primeiros de ano, recibiremos unha cantidade da Terceira División.

Os soldos do Laracha non son precisamente baixos para a Preferente. Fixo ofertas moi altas o Laracha aos seus futbolistas?

Considero que en Preferente non se debe chegar a algunhas cantidades que estamos pagando. Sei doutros equipos de Preferente que teñen  un presuposto similar ao do Laracha e non pagan soldos tan altos. Ademais deixeille claro a Tonecho que non quería máis de 18 xogadores, pero despois atopámonos con 22. Son catro soldos que poden significar 15.000 euros ao ano. El nunca se axustaba ao que eu lle decía e considero que eses gastos son evitables. Se temos 18 xogadores en vez de 22, xa se pode aforrar unha cantidade razoable ao ano. Se ademais se axusta o soldo de cada futbolista, estamos falando de 20.000 euros de aforro ao final da tempada. É moito osíxeno para un club coma o Laracha.

Plantéxase abandoar se non recibe máis axuda?

Unicamente que veña unha directiva a e me bote unha man, pero se non terei que seguir ata acabar o mandato. Quédanme dúas tempadas e a ver se dou recuperado algo do que é meu.

Paguei 5.000 euros do meu peto imposto de sociedades
Nas dúas últimas tempadas, o Laracha tivo un convenio con Deportivo e na derradeira foi filial do Fabril.

Por que hai tantos problemas económicos se, a tempada pasada, o Laracha foi filial dun Deportivo que se fixo cargo da maioría dos salarios?

Por ser filial do Deportivo, o Laracha deixou de cobrar 20.000 euros de publicidade de Terceira División.

Foi un erro para o Laracha ser filial do Fabril?

O primeiro ano non foi un erro porque os xogadores eran do Laracha. Houbo unha serie de ingresos dos que se facía o Depor pero non se tiña en conta o que había que pagar de imposto de sociedades. Foron outros 15.000 euros que lle caeron enriba ao club e que o Deportivo non quixo asumir.

Nunha entrevista neste diario na pasada tempada, Canito dixo que o convenio co Deportivo era moi positivo para a saúde económica do Laracha.

O Deportivo pagaba aos seus xogadores, nós aos nosos e parecía que a tempada estaría cuberta economicamente, pero non contabamos con estes 15.000 euros de imposto de sociedades que tiña que pagar o Laracha e, se non se pagase, as contas do club quedarían canceladas. Manolo, o tesoureiro da pasada tempada, deixounos explicado o que había que pagar este ano. Eu fixen un ingreso persoal nas arcas do club para pagar cos meus cartos algo máis de 5.000 euros de imposto de sociedades no pasado exercicio.

Teño envexa do Paiosaco; o que está a pasar non é normal

O Laracha queda sen director deportivo, ten novo adestrador –Héctor Pena substitúe a Nando Martínez– e vive unha das peores épocas das últimas décadas, tanto co primeiro equipo como no fútbol base. O Paiosaco supera en todo ao que, fai uns anos, era o mellor club do Concello da Laracha.

Coa saída de Tonecho, o Laracha queda sen director deportivo.

Non ocuparemos ese cargo. O club ten que intentar ter un adestrador que coñeza ben a categoría do primeiro equipo e que coñeza moitos xogadores. E para as escolas hai que ter bos adestradores e un coordinador que saiba o que hai que facer. Penso que non fai falta director deportivo porque non somos o Real Madrid.

Que lle convenceu de Héctor Pena?

O traballo que fixo nos clubs nos que estivo. Faláronme marabillas del. Estaba sen adestrar poque decidiu tomar unha tempada de descanso para atender á familia, pero agora xa tiña mono. Falei con el e chegamos a un acordo.

Que lle pareceu Nando Martínez como adestrador do Laracha?

Estas categorías son moi duras. Creo que lle faltou dar coa tecla, aínda que recoñezo que non era nada doado porque se atopou con 20 xogadores novos que practicamente non se coñecían. 

Fai uns anos o Paiosaco estaba en Segunda ou en Primeira Rexional e o Laracha en Terceira. Agora o Paiosaco está en Terceira División e o Laracha en postos de descenso a Primeiro. Sente envexa?

Si, sento envexa. Os pais de nenos que teñen entre 30 e 40 anos non queren saber nada do Laracha. Non é normal que a xente da Laracha que ten o campo á beira vaia para Paiosaco. Queremos recuperar a esa xente e por iso temos cotas gratis para as tres primeiras categorías.

Que fixo mal o Laracha para que o Paiosaco lle adiantase de tal maneira?

A min sempre me dixeron que non me metera nos temas deportivos, pero eu vía que o sistema de traballo non ía ben. Cando un dos nosos xogadores quería a baixa, case nunca se lle daba. A dirección deportiva chegou a botarme a bronca por dar a liberdade a algún rapaz, pero a miña forma de pensar é a de deixar marchar ao que non queira estar aquí. As direccións deportivas non funcionaron como tiñan que funcionar. E a xente nova non estaba dacordo con xente que tiñamos na directiva. Isto é coma o que ten unha tenda: botar aos clientes é fácil pero recuperalos é moi difícil, case imposible. Chegou a dicirse á xente da Laracha non merecía o que se lle daba e por iso tantos marcharon para o Paiosaco ou para Carballo.

Canito: “Quedan dúas tempadas e a ver se dou recuperado algo do que é meu”

Te puede interesar