martes 4/8/20

Convocadas 160 prazas para rendemento e tecnificación

Teranse en conta os resultados dos tres últimos anos (2018, 2019 e 2020)
Pódense beneficiar desta iniciativa deportistas nados entre 1995 e 2006  | aec
Pódense beneficiar desta iniciativa deportistas nados entre 1995 e 2006 | aec

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 6 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento para o CGTD para a tempada 2020/21, e se procede á súa convocatoria. 

Deste xeito, a Xunta de Galicia convoca un total de 160 prazas paras os grupos de tecnificación (103) e de rendemento deportivo (57). A duración das prazas será dende o 15 de setembro de 2020 ata ao 31 de xullo de 2021, exceptuando o grupo de tecnificación que rematará a última semana do período lectivo. 

Medida excepcional
Cómpre destacar que nesta convocatoria teranse en conta os resultados dos tres últimos anos (2018, 2019 e 2020) para valorar aos deportistas solicitantes das prazas para o CGTD como medida excepcional pola situación vivida no presente curso pola Covid-19.

As 103 prazas do grupo de tecnificación serán para os deportistas nados nos anos 2006, 2005, 2004 e 2003. Dentro deste grupo haberá ata un máximo de 86 residentes 1 (deportistas que residan fóra do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con matrícula no IES, incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, aloxamento, manutención completa e acceso a instalacións e servizos) e 17 externos 1 (deportistas que residan dentro do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con matrícula no IES, incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, xantar no comedor da residencia e acceso a instalacións e servizos). 

As 57 prazas do grupo de rendemento serán para os deportistas maiores de 18 anos que se dividirán entre un máximo de 12 residentes 2 (deportistas nados entre 1995 e 2002, que residan fóra do radio de 3 quilómetros  á redonda do centro con incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, aloxamento, manutención completa e acceso a instalacións e servizos) e 45 externos 2 (deportistas nados entre 1995 e 2002 que residan dentro do radio de 3 quilómetros á redonda do centro con incorporación ao grupo de adestramento da modalidade, xantar no comedor da residencia e acceso a instalacións e servizos).

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte reserva para si unha porcentaxe de non máis do 10% das prazas, que poderá cubrir durante todo o curso académico en función de situacións non recollidas nesta resolución, sempre cumprindo uns criterios de excelencia deportiva e nivel académico acordes coas bases desta convocatoria.

Comentarios