lunes 30/11/20

O Concello suspende as carreiras do Coruña Corre pola pandemia

A concellaría está a traballar na creación dun programa virtual para o 2021 e que devolverá parte das cotas das inscricións
Todos botamos moito de menos estas imaxes, en concreto, unha das carreiras de Coruña Corre do ano pasado | alborés
Todos botamos moito de menos estas imaxes, en concreto, unha das carreiras de Coruña Corre do ano pasado | alborés

A Concellaría de Deportes anunciou que, debido á crise sanitaria, suspéndese o actual circuíto Coruña Corre 2020 e vaise devolver a parte proporcional das cotas das inscricións das carreiras populares non realizadas (6), así como as cotas íntegras de inscrición e a achega solidaria na X Carreira Popular Torre de Hércules #Nosqueremosvivas, e na II Andaina Solidaria. A devolución realizarase a través da plataforma de inscrición en liña en que se formalizaran a inscrición e a achega solidaria. O Concello da Coruña traballa xa na elaboración do calendario das carreiras de 2021 coa idea de comunicalo o máis axiña posible. As probas do calendario atlético coruñés poderían sufrir alteracións, tanto na súa data habitual de realización como na súa organización e mais nos percorridos. O calendario 2021 quedará condicionado pola evolución da crise sanitaria.

“O primeiro obxectivo é protexer a saúde pública. O seguinte é que a cidadanía da Coruña poida desenvolver actividade física coas máximas garantías”, explicou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez.

Recomendacións
A edila subliñou que a situación sanitaria que estamos padecendo impón o cumprimento estrito das normas que periodicamente aproban as autoridades sanitarias estatal e autonómica. No exercicio das competencias propias, dixo, o Concello da Coruña acolle todas as recomendacións e, a maiores, pode adoptar medidas adicionais de protección da saúde pública naquelas actividades en que a lexislación vixente recoñece a intervención municipal para a súa regulamentación, autorización, inspección e control.

Esforzo de todos
Martínez explicou que Coruña Corre non se detén e que na actualidade están traballando na creación dun circuíto virtual para o ano 2021, sen descartar aínda que se desenvolva o circuíto habitual.

A concelleira coruñesa confía en que, co esforzo de todas e todos os cidadáns “superemos esta difícil situación o antes posible e regresemos á normalidade para podermos levar a cabo en 2021 unha nova edición do Coruña Corre e das carreiras máis emblemáticas da cidade”.

Comentarios