“Penso que investir en formación é un acto de responsabilidade”
lll
17º-23º

“Penso que investir en formación é un acto de responsabilidade”

“Penso que investir en formación é un acto de responsabilidade”
Óscar Vigo_18183156

Usuario

Óscar Manuel Vigo López, adestrador do Esteo FS, desvela a súa filosofía e fai balance da súa carreira nesta entrevista no portal web da Real Federación Galega de Fútbol.

Para os que non che coñecen, quen é Óscar Vigo? Como te defines como adestrador?

Son técnico deportivo superior, adestrador de futbol sala Nivel III e na actualidade son o adestrador do Esteo das Pontes na Segunda División B. Non me corresponde a min definirme como adestrador, pero si podo dicir que o técnico ideal debería dominar moitos aspectos: táctica, metodoloxía, psicoloxía, dirección de partido, capacidade de liderado, de comunicación, empatía, dinámica de grupo, etc… Vemos que é complexo, por iso considero que rodearse dun bo corpo técnico é esencial para realizar con éxito o traballo.

Segunda tempada ao fronte do primeiro equipo do Esteo. Partes con moitos cambios no equipo? Cales son os obxectivos?

Si, coma dis esta é a miña segunda tempada dirixindo ao primeiro equipo. A nosa xunta directiva está a traballar para que o club creza en estrutura a todos os niveis. A tempada pasada a nivel deportivo logramos a quinta posición e  o récord de puntos do club na categoría, que nos dá praza para competir esta tempada no torneo da Copa do Rei. Esta quinta posición é a mellor clasificación do club na Segunda División B e considero que temos que ser ambiciosos e marcarnos como obxectivo mellorar ese posto e conseguir unha das catro primeiras posicións que nos outorgaría competir por ascender á Segunda División.

A formación continua é tanto ou mais importante que a inicial 

No teu currículo tamén figura o posto de seleccionador na Real Federación Galega de Fútbol. Como afrontaches esa etapa? Que che achegou como adestrador?

A experiencia como seleccionador galego infantil foi excepcional. A nivel modelo de adestramento tiven que adaptarme ao condicionante do factor tempo e tentar que a selección dominase todos os aspectos do xogo para competir no Campionato de España. Tiven claro desde o principio da preparación que me dirixía a xogadores en etapa de formación, onde iamos conseguir ser competitivos, pero sen perder a perspectiva e dándolle prioridade á educación en valores tan importantes como o compromiso, humildade, respecto, gratitude, etc.

Que diferenzas atopas entre o fútbol sala actual e o de hai dúas décadas?

Considero que a nivel táctico o noso deporte avanzou moito e que as defensas superan aos ataques. Outra diferenza é a cantidade de información que se ten do rival na actualidade. Iso fai que os partidos por parte do corpo técnico estean moi ben preparados. Considero que o xogador actual entende diferente o xogo a como o concibían os xogadores de hai dúas décadas.
Desde o Comité Galego de Adestradores estanse a facer xornadas de formación con técnicos de prestixio. Consideras moi importante a formación nos técnicos dos clubes da nosa comunidade?
O Comité Galego de Adestradores está a facer un traballo fenomenal con estas iniciativas. Considero que investir en formación é un acto de responsabilidade e que a formación continua do adestrador é tanto ou mais importante que a formación inicial. É evidente que os adestradores necesitamos reciclar os nosos coñecementos de forma continua.

É evidente que os adestradores necesitamos reciclar os coñecementos

Unha pregunta técnica. O ataque posicional identifícase máis co xogo con pivote ou con ataque posicional 4-0?

Sempre traballo os dous sistemas. Gústame que os meus equipos domínenos e convivan cos dous. A decisión na dirección de partido de elixir un sistema ou outro sempre está concionado ao sistema defensivo e altura defensiva do adversario.

Que lle inculcas aos teus equipos a nivel defensivo?

O traballo defensivo sempre o comezo cunha fase de asimilación. Esta fase require un nivel de concentración alto e máxima responsabilidade por parte do xogador. Gústame que a defensa sexa proactiva e tentar roubar lonxe da nosa portería. Isto tamén esixe un alto nivel condicional físico dos xogadores.

Para rematar, crees que as novas regras de xogo do fútbol sala afectan a situacións tácticas do xogo?

Todas as modificacións nas regras do xogo teñen un impacto importante nas situacións tácticas. Por iso, os adestradores temos a obrigación de adaptarnos a ese cambio na regulamentación e en consecuencia buscar solucións tácticas.

“Penso que investir en formación é un acto de responsabilidade”

Te puede interesar