David Añón: “Xogar co Depor foi o máis importante da miña carreira”
lll
17º-23º

David Añón: “Xogar co Depor foi o máis importante da miña carreira”

David Añón: “Xogar co Depor foi o máis importante da miña carreira”
O atacante coruñés, durante o partido que o Talavera e o Racing de Ferrol desputaron o pasado catorce de novembro | alfaquí

Usuario

En apenas doce días, David Añón, coruñés, formado nas categorías inferiores do Depor e que chegou a xogar co primeiro equipo branquiazul en catro ocasións na tempada 2009-10 (tres partidos de Liga e un de Copa do Rei), enfrontarase por primeira vez ao club do seu corazón. O dianteiro herculino afronta a súa segunda campaña no Talavera CF, conxunto no que é un futbolista importante.




Achégase o momento do teu primeiro enfrontamento co Depor. Como o imaxinas?
Creo que vai ser unha mestura de sentimentos. Por un lado, moi contento por poder xogar en Riazor, pero por outro, vai ser moi raro enfrontarme ao equipo de toda a miña vida e que sempre quero que gañe. Quero afrontalo con moitísima ilusión porque vai ser unha experiencia, e esperemos que o ano que vén non se repita.

Que supón regresar a Riazor?
Crieime no Depor e son da Coruña. Cumprín o meu soño, o soño de todos os nenos. Ademais, na época na que o Depor estaba en Primeira. É un partido aínda máis especial porque volvo a casa, teño a toda a familia, aos meus amigos, aínda que eles mesmos non saben que dicirme porque todos son do Depor e queren que gañe, pero á vez eu estou no equipo contrario. É un partido no que todos, dalgunha maneira, imos gañar, aínda que soe raro. O empate deixaríanos contentos a todos.

Pasaches o Nadal aquí?
Si, e ao estar tan próxima a data do partido, todo o mundo fálame del e están súper ilusionados. Tentarei afrontalo como un encontro máis, porque é o que me queda, pero facíame moitísima ilusión xa desde que se sorteou o calendario e tiña a data marcada. De feito, hai dúas semanas xogamos en Copa contra o Betis, que é de Primeira, e leveino como un partido máis, pero este si que é especial e faime moitísima ilusión reencontrarme coa xente e vivir a experiencia.

Transcorreron once anos desde aqueles catro partidos que xogaches co Depor. Que recordos gardas?
Imaxína, empecei desde alevín. Para min xa era un soño estar nas categorías inferiores do Depor, ir escalando e ver que o meu traballo tiña esa recompensa. Agora, co paso dos anos, doume conta de que cumprín o soño máis grande que podía ter. Outros gañan títulos, pero para min xogar co Depor foi o máis importante da miña carreira. Ademais, estou moi orgulloso e satisfeito de poder cumprilo nesa época na que o Depor estaba en Primeira. Por un lado, sinto un pouco de rabia porque non me chegase esa oportunidade nesta época na que se aposta máis polos nenos, aínda que tamén é debido a unha situación do club que non queremos.


Os nenos do Depor están a demostrar que non teñen nada que envexar aos de fóra 




É certo que esta tempada permitiuse dar un paso adiante a xogadores como Villares, Noel, Trilli ou Yeremay.
Duns anos para atrás, creo que o Depor non estaba a facer as cousas nada ben porque aí están os resultados. O equipo non paraba de baixar categorías e non había presenza da canteira, e tiña que ver con que non se apostaba por esta xente, porque nas categorías inferiores o Depor compite cos mellores equipos de España e sempre o fai ben. Iso falaba ben do nivel que había na canteira. Para a xente de antes parece que nunca era o momento de apostar polos nenos, nin cando as cousas ían ben, nin cando ían mal, pero agora que se aposta pola canteira, ademais de dar resultados, está a lograrse que a afección se sinta identificada con eles. Os nenos están a demostrar que non teñen nada que envexar aos que veñen de fóra. Paréceme interesante que a xente lles apoie, pero que non lles poñan ningunha laxa encima porque os nenos non son os responsables de que o Depor logre o ascenso ou non. Son novos e van fallar, é lóxico porque o único que non fallaba nunca era Messi, pero Messi só había un.

Retomades o traballo, igual que o Depor, tras unha semana de vacacións. Custa volver á rutina?
O que máis custa é despedirse da familia, pero sabemos que somos uns privilexiados polo traballo que facemos. Empezamos cunha pequena activación, pero a semana que vén prepararemos o partido co Depor, que é moi complicado.

Xogar en casa do líder non sei se é a mellor maneira de retomar a competición.
Xa, pois empezamos forte (ri). Cando me entrevistastes no verán, dixen que o Depor era o mellor equipo, polo menos sobre o papel, porque estaban a facer as cousas ben, e os resultados confirmárono. É un equipo contra o que é moi complicado xogar, cun nivel alto de futbolistas, moitas variantes e un adestrador que é un acerto porque coñece a categoría. Vai ser moi difícil para nós, pero coas nosas armas imos tentar sacar algo bo de Riazor, aínda que nos está custando esta tempada.

Que che gusta máis deste Deportivo?
Encántame que por primeira vez en moitos anos é un equipo no sentido literal. Son un bloque en defensa e, ademais, xeran ocasións e materialízanas. É un conxunto recoñecible en todos os seus partidos. Son un equipo moi compacto, independentemente das individualidades que teñen, que son do mellor da categoría.


Vai ser moi raro enfrontarme ao equipo  de toda a miña vida 



Levades catro xornadas sen gañar e estades só tres puntos sobre o descenso. Supón unha presión engadida?
Sabemos que, sobre todo na casa, non estamos ben. Hai días que facemos mellores partidos, como contra o Betis, que forzamos a prórroga e fomos superiores, pero logo alternamos outros, como ante o Celta B, que xogamos moi mal. Fáltanos consistencia, que é o que nos está limitando.

Sodes un dos equipos máis goleados e enfrontádesvos a un dos conxuntos que ven portería con máis facilidade.
Si, sabemos que o Depor en case todos os partidos marca gol. Estamos a traballar moito nesa mellora.

Cumpres a túa segunda campaña no Talavera e mantés o papel protagonista do pasado curso, xa que xogaches 14 dos 17 partidos e marcaches dous goles. Como te sintes?
Ben, moi contento. Eses tres partidos que me perdín foron por problemas físicos, pero sempre que estiven dispoñible, xoguei. Moi contento pola importancia que teño no equipo e por como me tratan. Aínda así, tento mellorar a nivel individual para axudar ao equipo a conseguir o obxectivo. 

David Añón: “Xogar co Depor foi o máis importante da miña carreira”

Te puede interesar