O 19 de maio do 2000 quedou gravado na memoria de todos os siareiros do Deportivo. E seguramente os días posteriores tamén. Na cabeza de Antón Lezcano, o recordo do venres, día do partido, mantense intacto, pero o do sábado e o domingo xa non se está tan lúcido.
Qué veu antes para Antón Lezcano, o fútbol ou o Deportivo?
Para min foi primeiro o Dépor. Eu non nacín na Coruña. É certo que o meu primer partido na vida foi un Racing de Ferrol Ourense, pero bah, despois fun a un do Dépor e dende esa xa foi todo Dépor, Dépor, Dépor.
Enganchouse dende moi pequeno?
Si, si, dende moi pequeno, porque eu vivía cerca de Riazor. Antes sempre estabamos fóra da casa, sempre estabamos na rúa, xogando ao fútbol ou eu que sei… Os domingos sempre íamos a Riazor porque era gratis. Bueno, mais ben poñiamonos na porta e viña un señor e decíanos: “ale cativos, pasade”.
E agora vai facer 25 anos da consecución da Liga. Lembra aquel día?
Daquel día lémbrome á perfección. O que xa non teño tan claro son os días seguintes, porque esto foi un venres e eu cheguei á casa un domingo. Verídico. O domingo pola mañá eu xa non sabía nin onde estaba. Foi todo moi intenso para min. Foi unha das poucas ligas que se gañaron un venres. E claro, o venres é día laboral, así que eu ese día madruguei moito porque tiña moitas cousas que facer. Ese día tamén tiven que ir á casa a por unhas camisetas que fixera que poñían “Campión de Liga”. Buf, viñamos de perder unha liga, a do penalti de Djukic, e eu daquela non fixera nada. Pero desta vez tiñao moi claro e dixen, pois veña, voume tirar e facer unha tiradiña pequena de camisetas. Foi un día de tolos. De feito cando chegou a hora de xantar, eu xa nin me lembrei de xantar. Puxenme xa todo co uniforme do Dépor, co gorro, bufanda e de todo. Despois fun facer a previa e dende aí, ata a morte xa (risas).
Foi un día de tolos. De feito cando chegou a hora de xantar, nin me lembrei de xantar.
Dixo as camisetas sen saber se o Dépor ía ser campión.
Si, e mira que eu son moi conservador nese xeito, pero nesta ocasión tiña un pálpito. Pensaba que o fútbol non podía ser tan cabrón co Dépor. É certo que o fútbol non che debe nada, pero non podía ser tan cabrón dúas veces. Fixen non sei se 50 ou 60 camisetas. Vendinas todas e se chego a facer mil, vendo as mil. Porque claro, daquela non había nada, non había Deportienda, non había internet… O peor é que eu sei que teño unha, pero non sei onde. Foi moi guai.
Cómo foi despois de gañar?
Despois de gañar o partido e da invasión saímos ao campo e dixemos “imos para Catro Camiños”, pero bah, ía ser un coñazo porque ía haber moita xente. Quedamos nun bar que había en frente ao Playa Club e pensamos que, cando pasase o bus cara Catro Camiños, subiamonos e listo. Estivemos alí unha ou dúas horas, e claro, dúas, tres, catro, cinco cervexas… De repende vimos chegar ao bus e cando vai chegando a nós, tira cara arriba. As nosas caras… Foi incríble (risas).
Chegaron a Catro Camiños?
Chegamos ás 8 da mañá do sábado. Quedamos alí sentados, na fonte, estirando as pernas. Un de nós dixo “e haberá que comer”. Eu tiña á miña moza vivindo en Monte Alto, entón tiramos cara Monte Alto andando, parando nos bares… Ao final recolleunos Laura e marchamos comer, pero íamos completamente igual que estabamos o venres, co gorro, coas bufandas… Terrorífico. Acabamos de comer e tirámonos alí nunha rampa que hai no porto. E claro, quedamos sobados e obviamente chegou a auga. Acabamos calados. Fomos á casa cambiarnos e xa volvimos para María Pita. Seguimos toda a noite do sábado e a mañá do domingo eu xa tiña alucinacións (risas).
O sábado marchamos comer e íamos completamente igual que estabamos o venres, co gorro, ca bufanda... Terrorífico.
A qué xogador rescataría daquel Dépor para o de agora?
A Fran. A ver, Djalminha é Dios, e Mauro Silva é Dios… Son todos dioses, pero Fran é noso, joder. É da casa e é igual de Dios ca eles. Eu na miña vida só tiven nas camisetas o número 10 co nome de Fran. Cando se retirou, retirei tamén o número 10 das camisetas. Non puxen ningún outro.
Canto de lonxe está o Dépor de volver a Primeira División?
Lonxe non o vexo, pero o problema non é chegar. O problema vén despois. ¿Para qué queres chegar se despois vas baixar en nada? Igual que este ano, que pediamos meternos en playoff para subir. A realidade é que temos un equipo xusto e daquí a un ano non iamos ter moito mellor equipo como para aguantar en Primeira División. Claro que sempre se quere máis, pero está ben asentarse. Agora espero que aproveiten este tempo para preparar o novo ano.
Claro que sempre se quere máis, pero está ben asentarse.
¿Fíxoselle raro ter un final de tempada tranquilo?
Se digo a verdade, non o levei nin ben nin mal. A min os resultados damme igual. Dame igual que o Dépor esté arriba ou abaixo, que gane ou que non porque eu vou ir igual. Dame igual que non se xogue nada. A min non me cambia nada eso. Para min somos millonarios polo que temos. Estivemos no pozo de merda máis grande e aínda así seguimos. E iso non se paga. Espero que se den conta, porque algo así hai que cuidalo.