O Pavillón Municipal de Lugo acolleu onte a presentación da XLVII Copa da Raíña de voleibol, que enfrontará do 11 ao 13 de febreiro na cidade amurallada aos seis mellores equipos do panorama nacional: Gran Canaria Urbaser, CV Kiele Socuéllamos, Sanaya Libbys La Laguna, DSV Sant Cugat, Osacc Haro Rioja Vóley e o Arenal Emevé de Lugo como anfitrión.
José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, destacou o gran traballo en prol do deporte que fai o Emevé, nado en 1983 e que na actualidade conta cos seus dous equipos absolutos –masculino e feminino– nas súas respectivas máximas categorías nacionais.
Lete Lasa lembrou que as siglas do club significan ‘El Mejor Equipo de Voleibol de España’ e asegurou que a familia Bouza non estaba moi equivocada xa que o ano pasado o Emevé disputou o I Torneo Internacional de Voleibol Feminino Xacobeo 21-22 como o único club do Noroeste peninsular na máxima categoría. O mandatario galego asegurou que este torneo, que conta co patrocinio da Xunta, “terá novas edicións nas que o Emevé será sempre un candidato”.
O secretario xeral para o Deporte aseverou que, eventos desta índole, contribúen ao incremento das licenzas deportivas e informou de que, dende 2009, as licenzas galegas de voleibol medraron un 51% ata acadar preto de 3.500 e as femininas, o 71% do total, subiron aínda máis, un 59% ata preto de 2.500.
De seguro que, tras esta Copa da Raíña que será a “gran festa nacional do deporte feminino”, moitos nenos e nenas quererán imitar a Yael Castiglione ou Ainara Burgo. Pero tamén, dixo, é importante que moitas mulleres e homes queiran imitar a dirixentes como Bibi Bouza, “que se dedica en corpo e alma a este equipo e que cada día recolle froitos do seu traballo”.
A Copa da Raíña xa coñece as datas e os horarios dos partidos e o Emevé debutará o venres 11 de febreiro ás 20 horas na primeira eliminatoria contra o Haro La Rioja.