“Víctor Manuel Castaño Terrazas ‘Runy’, a petición propia, non seguirá no Fabril e marcha ao CF Villanovense de Segunda RFEF despois do acordo alcanzado entre os dous clubes”. Así anunciaba o Fabril no día de onte a non continuidade do extremo natural de Hornachos, Badaxoz.
Runy chegou ao Deportivo o pasado verán no tramo final do mercado de fichaxes e foi unha das pezas importantes nos esquemas do adestrador betanceiro Óscar Gilsanz. De feito, o atacante extremeño foi o segundo máximo goleador do filial deportivista anotando un total de dez goles só superado por Davo (15).
O futbolista que cumprirá 22 anos o vindeiro mes de novembro desvincúlase así do Deportivo só un ano despois de adquirir o compromiso co club coruñés e ficha polo Villanovense, un equipo da súa comunidade, Extremadura, que milita en Segunda RFEF.
‘A rei morto, rei posto’. No mesmo comunicado da saída de Runy cun acordo entre futbolista e club o Deportivo anunciou unha nova fichaxe para o equipo de Óscar Gilsanz. “A Dirección de Fútbol Formativo acaba de pechar a incorporación de Tim Caroutas, un extremo dereito que chega da UE Cornellá. Tim únese así ao resto de fichaxes desta temporada: Ángel Puerto, Marcel Céspedes, Alejandro Pereira, Iván García e Jesús Ares. Os dous primeiros estreáronse co primeiro equipo en Arteixo no primeiro partido de pretemporada do Deportivo, na Dépor Xira Integral Motion 2022”.
Polo tanto, o Fabril suple a baixa de Runy coa adquisición de Thymos Nikitas Caroutas.
En canto á programación da pretemporada, o Fabril estreará o seu calendario de verán o vindeiro mércores 3 de agosto ás 19:30 horas cun primeiro amigable en Abegondo ante o Silva Sociedad Deportiva, tamén equipo de Terceira RFEF. O filial deportivista gozou dunha fin de semana de descanso e regresa aos adestramentos hoxe mesmo, luns 25 de xullo, ás 10:00 horas na Cidade Deportiva de Abegondo xa con Ti Caroutas no grupo.