Domingo 21.01.2018

BASE - SELECCIÓNS

Derrota pola mínima da sub-18

Un gol dos canarios xusto antes do descanso marcou a estrea do combinado galego, que debe gañar ante Cantabria para manter as súas opcións de clasificación para a fase final

Imaxe do partido no estadio Anexo de Gran Canaria	| federación interinsular de fútbol de las palmas
Imaxe do partido no estadio Anexo de Gran Canaria | federación interinsular de fútbol de las palmas
Derrota pola mínima da sub-18
GALICIA 0 - 1 CANARIAS

 

Non puido completar a selección sub-18 o pleno triunfal na primeira xornada da primeira fase do Campionato de España que se celebra en Las Palmas de Gran Canaria. O equipo dirixido por Secho non tivo un bo día en ataque ante un rival que tampouco fixo moito pero que sí aproveitou unha das súas escasas ocasións para marcar o gol que decidiu o encontro.

Foi un partido equilibrado e case sen oportunidades de gol. Galicia tiña máis a pelota, pero os canarios xogaron con moita intensidade e buscaban a contra con moito perigo. Así crearon a súa primeira oportunidade que rematou Flores cun disparo cruzado. Unha acción individual de Álex Pérez con boa resposta do porteiro canario e un remate de cabeza desviado de Álex Ramos foron as únicas opcións de gol galegas na primeira metade. Pero é que os anfitrións tampouco se achegaron moito máis á portería de Pablo Brea. A diferenza foi que no minuto 41 Marcos Lozano recibiu un pase longo cruzado, aproveitou o erro defensivo e marcou un gran gol cun remate cruzado, imparable para Brea.

Un gol que fixo dano ó equipo galego e que obrigaba a unha complicada remontada que non chegou. A Galicia costoulle moito crear perigo aínda que conforme foi avanzando o partido os intentos eran máis acentuados, pero ningunha chegada se concretaba en ocasión clara de gol.

Por contra, os canarios aproveitaban os espazos lóxicos deixados polo combinado galego para achegarse á portería de Brea, que estivo moi atinado nun par de paradas coas que mantivo vivo o partido ata o final.

Pero o empate non chegou e a Galicia quédalle agora sumar os tres puntos contra Cantabria para dese xeito chegar á segunda fase con algunha opción de clasificarse para a fase final.

“A nivel de resultado a valoración non pode ser positiva”,  declarou José Manuel Martínez ‘Secho’, seleccionador galego, que agregou as claves para acadar un resultado positivo contra Cantabria: “Temos que aprender e crecer mentalmente para ter a paciencia suficiente ante equipos que se pechan para non equivocarnos    na toma de decisións".

Derrota pola mínima da sub-18