Segunda vida para as redes
lll
17º-23º

Segunda vida para as redes

Segunda vida para as redes
Redeiras artesás de Corme e Malpica foron as encargadas de facer este traballo | aec

Usuario

O proxecto Redes Vivas posto en marcha por Abanca no marco da súa estratexia de sostibilidade permitiu recuperar este ano 1.400 quilos de redes de pesca abandonadas en espazos costeiros e darlles unha nova vida dentro dos campos deportivos.

Redeiras artesás de Corme e Malpica foron as encargadas de reciclar as redes en desuso e transformalas en 1.500 metros cadrados de novas redes que permitirán renovar 78 porterías de 39 clubs patrocinados polo banco no marco do seu proxecto Abanca Deporte Base.

Ata o momento entregáronse 40 redes a 20 clubs e o resto das entregas realizaranse en 2022. Máis de 5.000 deportistas das catro provincias galegas beneficiaranse das novas redes instaladas nas súas canchas e campos deportivos.

Redes Vivas é un proxecto que forma parte da liña de acción ambiental do plan de sostibilidade posto en marcha polo banco este ano. Abarca todo o proceso de recuperación das artes de pesca, comezando pola retirada das redes dos espazos portuarios nas que se atopan abandonadas. A continuación, trasládanse aos talleres das redeiras, que recibiron formación específica para tratalas e darlles unha nova vida como redes de uso deportivo. Unha vez recicladas, o banco tamén se encarga do transporte ata as instalacións deportivas dos clubs.

As redes recuperadas poden utilizarse en seis disciplinas deportivas das 34 que apoia o banco a través do programa Abanca Deporte Base: fútbol, balonmán, fútbol sala, hockei patíns, kaiak polo e hockei herba.

A iniciativa ten un impacto positivo en tres das liñas estratéxicas do banco: sostibilidade, xa que contribúe ao coidado do medio ambiente e fomenta a economía circular; promoción da economía local e os sectores produtivos, achegando innovación e visibilidade a un oficio tradicional e artesán realizado maioritariamente por mulleres, e apoio ao deporte, dotando de material aos clubs galegos.

O banco prevé dar un impulso ao proxecto en 2022 para conseguir incrementar tanto o volume de redes recuperadas como o número de deportistas beneficiados..



Compromiso


O coidado do medio ambiente e apoiar a transición cara a un modelo económico máis sostible son dúas das liñas de acción que recolle o Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 21-24 de Abanca, resultado dun proceso de análise global da súa estratexia co fin de aliñala cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e os Acordos de París.

O compromiso da entidade para contribuír á loita contra o cambio climático e apoiar unha economía máis respectuosa co medio ambiente e os dereitos das persoas queda patente tamén coa súa adhesión ás principais iniciativas sectoriais a nivel internacional. Abanca forma parte desde as súas orixes da Rede Global de Pacto Mundial, é signataria fundadora dos Principios de Banca Responsable e sumouse aos Principios de Investimento Responsable, aos Principios para un Océano Sostible, ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática de Nacións Unidas e ao Acordo Sectorial polo Clima do sector bancario español.

Ademais, forma parte desde o seu lanzamento de Net Zero Banking Alliance de UNEP- FI e marcouse como obxectivo alcanzar a neutralidade en carbono na súa actividade propia en 2024 e as cero emisións atribuíbles á súa carteira en 2050.

Entre as accións de protección e concienciación do medio ambiente que promove a entidade destacan, ademais do proxecto Redes Vivas, as actividades de voluntariado e de sensibilización ambiental que realiza a Obra Social Abanca. As accións de limpeza do litoral e os fondos mariños impulsadas por Afundación este ano no marco do seu Plan de Conservación Territorial- ON (Plancton), en colaboración coa Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, conseguiron retirar das costas galegas 18,6 toneladas de residuos. 


Segunda vida para as redes

Te puede interesar