Volve o Trail dos Foucellas
lll
17º-23º

Volve o Trail dos Foucellas

Volve o Trail  dos Foucellas
O Trail dos Foucellas mestura deporte e historia coa recreación dos fuxidos da posguerra que e agochaban no monte Castelo de Baio

Usuario

Deporte e historia irán no Trail dos Foucellas nunha nova edición que non deixará a ninguén indiferente, nunha proba que é xa, a pesar da súa curta vida, un referente dentro das probas de trail da nosa comunidade. Todo aquel afeccionado ao trail non pode deixar de competir nesta proba.

Trail dos Foucellas (3)



O Trail dos Foucellas de Baio vai celebrar o domingo 12 de decembro a súa terceira edición. Organizado pola entidade Tabeirón Deportivo, que vén sendo a sección deportiva da Asociación de Veciños Tabeirón de Baio, que tamén organiza outras probas como o Duatlón das Letras ou a BTT Monte Castelo, e conta coa colaboración do Concello de Zas e da Deputación da Coruña.

Desde o momento que se creou este trail, tíñase claro que non debía ser só unha proba deportiva ao uso. Había que dotala de algo máis, e ese algo máis veu dado, primeiro, polo medio natural no que se desenvolve (o monte Castelo e as fermosas paraxes á beira do río do Porto, como son Pedra Vixía e a Carballeira).


ATA O 6

Ese día remata o prazo para apuntarse nesta aventura polo monte Castelo 



E segundo, había que enfocalo tamén coa historia dos fuxidos da posguerra que se agochaban no monte Castelo, e por iso recréanse tamén estes acontecementos con actores que interpretan a perseguidos e a perseguidores. Ao igual que fan co Duatlón das Letras, no que se combinan deporte e literatura, aquí a outra protagonista é a historia.

Isto é, combinar deporte, natureza e historia é o obxectivo dos organizadores do Trail dos Foucellas, pero tendo claro que é unha proba deportiva na que os participantes se teñen que sentir cómodos. As recreacións con gardas civís –algúns deles a cabalo– e Foucellas polo monte danlle un punto de espectáculo a este trail, que por outra parte é moi competitivo.

Boa mostra son os coñecidos gañadores da edición pasada: Teresa Castro en categoría feminina e Iván Sangiao na masculina. O ano 2020, por mor da pandemia de covid, tan só se puido facer un percorrido, pero neste ano volverán os participantes a poder escoller entre facer os trail curto e o longo.



Dúas distancias


Deportivamente falando, este ano vólvese ao formato prepandemia, con dous percorridos a escoller polos participantes: un trail longo, de 27 quilómetros con 900 metros de desnivel, que partirá da Carballeira de Baio ás 9.30 horas, e un trail curto, de 14 quilómetros e 300 metros de desnivel, que sairá desde o mesmo punto unha hora máis tarde.

Os participantes poderán recoller os seus dorsais unha hora antes da saída da súa respectiva proba na praza Braulio Astray, próxima á Carballeira, ou incluso na tarde do sábado na sede da Asociación de Veciños Tabeirón, nas escolas Agra Regueiro.


Trail dos Foucellas (2)



Ademais contarán con servizo de roupeiro para deixar as súas pertenzas durante a celebración da proba. A meta tamén vai estar na Carballeira de Baio, onde se entregarán os premios para os primeiros clasificados.

Para inscribirte no III Trail dos Foucellas debes dirixirte á páxina web de Champion Chip Norte (www.ccnorte.com), tendo en conta que o prazo remata o día 6 de decembro.

Durante a proba haberá postos de avituallamento e ao remate contarán os participantes cun xa tradicional aperitivo. Para ducharse estarán a disposición dos corredores os vestiarios do pavillón polideportivo e do campo de fútbol baiés.


Podes acceder a máis información nas redes sociais de Tabeirón Deportivo, tanto en Facebook (Tabeirón Dptvo Baio) como en Instagram (@tabeiron.deportivo) 

Volve o Trail dos Foucellas

Te puede interesar