Fabio González Antón: “Podo dar máis do que estou dando; fáltame crer en min mesmo”
lll
17º-23º

Fabio González Antón: “Podo dar máis do que estou dando; fáltame crer en min mesmo”

Fabio González Antón: “Podo dar máis do que estou dando; fáltame crer  en min mesmo”
Fabio (i), mediocentro do Fabril, marcou o seu primeiro gol defendendo o escudo do Deportivo o pasado domingo contra o Barco (2-1) | patricia g. fraga

Usuario

Chegou ao Fabril o pasado verán procedente do Silva. Non é o típico xogador de filial ostentoso, que aparenta ser máis do que en realidade é. Fabio González (Cee, 2000) fala no campo. Ten os pés no chan (e no verde). É unha persoa autocrítica.

 


Contra o Barco marcou o seu primeiro gol en partido oficial co escudo do Deportivo.
Fíxome moita ilusión. Sempre é bonito marcar o primeiro gol cun club e, sendo o Deportivo, máis aínda.

A quen llo dedicou?
Ós meus pais.

Pensaba nese momento desde antes de empezar a liga?
Sempre é algo que imaxinas cando chegas a un novo club, pero non o tiña todos os días na cabeza.

En que aspectos foi mellor o Fabril que o Barco?
Na primeira parte tivemos o control do partido. É certo que na segunda apretáronnos máis arriba e comezaron a xerarnos máis perigo, pero fomos capaces de aproveitar as ocasións que tivemos para quedar cos tres puntos.

Viu algún equipo superior ao Fabril no que vai de liga?
A liga está formada por equipos de moi bo nivel con moi bos xogadores, pero considero que non temos que vernos por debaixo de ningún deles. Simplemente temos que centrarnos no partido que toque cada fin de semana e intentar sacar os tres puntos. 


Polo de agora, só unha derrota, contra o Polvorín. Desde entón, tres vitorias e dous empates. De que lle serviu aquel picazo ao Fabril?
Xogar contra o Polvorín e no seu campo vai ser complicado para calquera equipo da liga. Ese partido serviunos para mellorar certos aspectos tácticos, tanto defensivos como ofensivos que, posiblemente, necesitábamos traballar máis. 


O xogo ‘bonito’ é un gusto particular; é imposible compracer a todo o mundo 



Nota que a liga desta tempada é máis esixente que a pasada co formato exprés?
Sinceramente, non o noto. A última liga en formato exprés facía que a presión por conseguir puntos por parte de todos os equipos estivera presente desde o primer día e iso influía moito na esixencia de cada partido. Esta tempada somos máis equipos, hai máís partidos e é máis difícil gañar..

Sempre foi indiscutible, pero este ano non: catro veces titular en dez xornadas. Como asimila o seu novo rol?
Non é fácil asimilar o feito de pasar de ser indiscutible nas últimas tempadas a non selo nesta, pero son situacións que se dan no fútbol e hai que asumilas. Só me queda seguir adestrando para conseguir xogar máis minutos.

Que lle está a faltar para poder contar con máis minutos?
Creo que é un tema de confianza, xa que considero que podo dar máis do que realmente estou dando nos partidos. Fáltame crer máis en min mesmo.

En que evolucionou o xogo de Fabio desde que chegou ao filial do Deportivo?
O Fabril é un equipo que esixe máis posesión de balón do que esixía o Silva polo que trato de buscar espacios detrás dos mediocentros do equipo contrario e, a partir de aí, intentar superar liñas a través do pase.

Está máis reprimido en canto a arrincar coa pelota en conducción e romper liñas como facía no Silva?
Por un lado si, posto que tendo a posesión de balón e cun rival ben plantado en defensa é máis complicado romper esas liñas en conducción. Tal e como nos plantexan os partidos os rivais, necesitamos romper liñas con pase e tratar de chegar por fóra. 


A defensa é un aspecto que vimos traballando desde o primeiro adestramento 



Que lle pide Óscar Gilsanz e en que lle limita?
O que me pide é intentar levar o balón fóra e, desde aí, xerar superioridades que poidamos aproveitar para chegar logo a área. Un aspecto no que me pode limitar é o da conducción para superar liñas que xa comentei anteriormente, pero é un limitación xerada polo propio xogo.

Polo seu carácter, parece máis un futbolista de equipo sénior que de filial.
Podo parecelo pola miña forma de ser, pero a realidade é que no Fabril tamén me encontro moi cómodo, aínda que sexa un equipo bastante diferente a un sénior.

Con que compañeiro do centro do campo se complementa mellor Fabio polo visto nas primeiras xornada?
Creo que me complemento ben con Brais Val. Síntome cómodo xogando ó seu lado xa que é un mediocentro con características máis defensivas que as miñas e iso permíteme tirar un pouco máis cara arriba e ocupar posicións máis adiantadas.

Como explica o dos dous goles en contra en dez xornadas?
Estamos facendo un moi bo traballo a nivel defensivo e os números están aí para demostrar que está sendo así. A defensa é un aspecto que vimos traballando desde o primeiro adestramento e de aí o noso rendemento nesa faceta.


O primeiro equipo cerca? Antes teño que centrarme en xogar máis minutos co Fabril


Está o Fabril por riba das súas posibilidades sendo segundo?
Non considero que esteamos ocupando un posto por enriba das nosas posibilidades. Se estamos aí é porque algo estamos facendo ben e porque realmente o merecemos. Só queda seguir traballando e intentar manternos nos postos altos da clasificación toda a tempada.

Poden conformarse cun obxectivo menor que o ascenso?
Nós non nos marcamos o obxectivo de ascender. Será o día a día o que nos vaia marcando os obxectivos. O ascenso sería unha consecuencia do traballo ao longo da liga.

Hai quen bota de menos un xogo máis alegre no Fabril.
O xogo ‘bonito’ é un gusto particular de cada un. É imposible compracer a todo o mundo.Sempre existirán críticas. A Terceira é unha liga na que debemos tratar de ser eficientes e conseguir puntos. Se o xogo que utilizamos nos da resultados, non considero que haxa que cambialo.

Que compañeiro lle está a sorprender máis?
Un deles é Dani Barcia pola veteranía que demostra sendo aínda xuvenil.



O Depor sempre seguirá sendo o Depor aínda que estea nun momento complicado



É consciente de que o primeiro equipo está cerca ou abstráeste pensando no Fabril?

Para ser consciente diso primeiro teño que centrarme en xogar máis minutos co Fabril. Estou totalmente mentalizado en mellorar no Fabril.

Un xogador do Fabril debe traballar para tratar de chegar ao primeiro equipo ou só debe pensar no filial?
Un xogador do Fabril ten que adestrar para tratar de ser mellor cada día e iso pode facer que, nun futuro, lle permita chegar ó primeiro equipo.

Hai algún xogador do Depor no que poña máis atención?
Ningún en concreto.

Fixo dúas grandes tempadas no Silva pero, como reacciona cando lle chama o Deportivo?
Sempre fai ilusión que te chame o Deportivo. Aínda que agora estea nun momento complicado, o Depor sempre seguirá sendo o Depor.

Tivo que pensar a resposta ou tiña claro que quería xogar no Fabril?
Tíveno bastante claro desde o principio e a negociación foi bastante rápida.

Fabio González Antón: “Podo dar máis do que estou dando; fáltame crer en min mesmo”

Te puede interesar