Menú
El Ideal Gallego Diario de Ferrol Diario de Arousa
YouTube Twitter Newsletter Instagram Facebook

Lete Lasa asegura que a velocista Adiaratou Iglesias “non ten teito”

O secretario xeral para o Deporte cre que a moza é unha das maiores esperanzas galegas en Tokio 2020 | XG
|

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, recibiu a atleta lucense Adiaratou Iglesias Forneiro que vén de acadar dúas medallas de ouro nos 100 e 400 metros T13 do Campionato de Europa de atletismo adaptado celebrado en Bydgoszcz (Polonia), a segunda delas con récord de Europa incluido.

Nas súas verbas, Lete Lasa destacou que a deportista lucense é unha das maiores esperanzas galegas para Tokio e lembrou o excelente nivel do deporte adaptado galego que na delegación española que viaxará aos Xogos Paralímpicos representa o 15%.

José Ramón Lete asegurou que Adi Iglesias “leva tempo acostumándonos aos grandes fitos” como fixo no ano 2019 cos dous subcampionatos mundiais (100 e 200 metros lisos) no Campionato do Mundo de Paraatletismo celebrado en Dubai (Emiratos Árabes Unidos) acadando a terceira mellor marca do atletismo galego nos 100 metros e a mellor nos 200, ostentando o récord absoluto do atletismo galego nesta distancia.

O mandatario galego destacou a capacidade de superación e o traballo constante dunha atleta que se esforza día a día para acadar as súas metas, uns valores que toman maior dimensión xa que Adi conta cun 20% de visión. Lete Lasa augurou un futuro cheo de éxitos á atleta lucense ao recoñecer que “non ten teito” e que descoñecemos “ata onde pode chegar”.



Galego de Kung Fu


Aproveitando a súa visita a Lugo, Lete tamén participou na presentación do XXXVII Campionato de Galicia Escolar de Kung Fu que terá lugar nesta cidade o sábado.

O mandatario autonómico destacou que o significado do kung fu é “habilidade ou mestría adquirida con tempo, constancia, disciplina e esforzo”, sendo estes os principais valores que o deporte galego quere transmitir aos máis pequenos da comunidade.



Novos alpinistas


Finalmente, Lete presentou o Equipo Galego de Novos Alpinistas (ENAG) da Federación Autonómica de Montañismo composto por tres homes e unha muller.

O cuarteto ten como obxectivos mellorar as técnicas individuais e de equipo de progresión de escalada en rocha, neve e xeo, sempre en ambiente alpino; aprender a adaptar as estratexias e as tácticas de escalada as condicións da montaña; traballar aspectos psicolóxicos da renuncia as ascensións; difundir os valores do alpinismo, esforzo, templanza, constancia, sensatez, seguridade e espíritu de aventura; participar nas concentracións a celebraren en España ou outros países.

Lete Lasa asegura que a velocista Adiaratou Iglesias “non ten teito”