A práctica totalidade dos clubes galegos de terceira División estiveron presentes nunha reunión mantida esta semana co presidente da Federación galega de Fútbol, Rafael Louzán.
Ademais de acordar a celebración dos partidos determinantes das dúas últimas xornadas da categoría con horario unificado, os equipos foron informados de que van recibir un total de 100.000 euros en concepto de subvencións por desprazamentos.
Esta axuda será repartida de xeito que os clubs con maior índice de desprazamento pola súa ubicación xeográfica recibirán unha maior contía.
Grazas as xestións da Federación Galega de Fútbol coa Federación Española, estas axudas serán cobradas de xeito inminente, de maneira que os clubs poidan facer fronte xa aos gastos ocasionados polas súas viaxes. A Federación galega de Fútbol decidiu onte, de acordo cos clubs de terceira, que os encontros correspondentes ás dúas últimas xornadas de liga nos que estean en xogo posicións de ascenso ou descenso de categoría se disputen con horario unificado.
Así, as xornadas 37 e 38 xogaranse os domingos 7 e 14 de maio ás 18.00 horas.
Con respecto á Segunda B, a RFEF acordou que se disputen con horario unificado os partidos da última xornada, que se xogará o domingo 14 de maio ás 18.00 horas.