'Poroto' Lux compareceu este mércores despois do adestramento perante os medios de comunicación para falar da feble tempada feita polo clube herculino e tamén do seu futuro, nada seguro, baixo os paos da portería blanquiazul.
Germán di que "fixemos unha tempada irregular, acabamos por agotar á nosa xente". Ben é certo que os siareiros están nestes intres bastante molestos e inquedos co xogo e as actitudes dalgúns xogadores, máis aínda fora da casa, tal como apuntaban as peñas estes días.
Á marxe do ámbito deportivo e albiscando xa o futuro, Lux quere seguir no equipo pero aínda "non sei nada sobre o meu futuro, queda agardar; quero seguir pero as dúas partes teñen que chegar a un acordo", sostén. Nas vindeiras semanas, haberá cambios cara a vindeira tempada; aspecto e tarea principal da dirección deportiva.
O porteiro argumenta que é "un referente deste clube e dende que cheguei, brindei o máximo por este escudo".
Mantén, asimesmo, que lle gustaría seguir, "ter o meu futuro resolto, un dos meus fillos naceu aquí...", remata.