O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou onte a XXX edición do Día do Deporte na Rúa e na Praia, que terá lugar o vindeiro domingo na contorna da Cidade Deportiva de Riazor.
A iniciativa, que se desenvolverá entre as 11.00 e a 14.00 horas, será de novo "unha boa oportunidade para gozar dunha xornada lúdica e de tributo ao deporte", salientou o edil, quen lembrou que haberá actividades para todos os públicos, "de xeito que a veciñanza poida achegarse á práctica deportiva".
HÁBITOS
"Este evento enlaza perfectamente cos distintos programas municipais deste servizo, na liña que propón este Goberno de promover a adquisición de hábitos deportivos para fortalecer a saúde e valores positivos", defendeu Sande, "así como a de contar co propio tecido asociativo da cidade á hora de realizar a programación".
Neste sentido, o concelleiro destacou que nesta proposta participarán 59 federacións, clubs e outras entidades vinculadas ao mundo do deporte, da educación e a saúde.
A cita desenvolverase na contorna do Pazo dos Deportes, incluíndo a rúa Manuel Murguía, o aparcadoiro do centro deportivo, e o andén e praia de Riazor. Como novidades principais, esta trixésima edición incorpora seis novas actividades, como son o fútbol gaélico, roller derby, frisbee, cross training, skate e parkour, "co obxectivo de incluír novas disciplinas que se están a practicar na nosa cidade, e facer así partícipes a outras entidades e clubs locais neste día de celebración", explicou Sande, "como son Fillos de Breogán, Brigantias Roller Derby, Skate Maroña Indoor, Parkour Coruña ou Polbo ultimate Frisbee Coruña".
O CARNÉ
O XXX Día do Deporte na Rúa e na Praia comezará ás 11.00 horas da mañá e todas as persoas que participen poderán recoller en cada unha das 45 estacións o seu carné de deportista.
No reverso do mesmo aparece a palabra 'DEPORTE' e cada unha das letras está acompañada de tres cadros que se irán selando a medida que a persoa xogue en cada unha das estacións, agás no caso dos deportes considerados minoritarios, nos que se selarán varios espazos, co obxectivo de seren visibilizados durante a celebración do evento. Cada vez que se complete unha letra, poderá presentarse o carné no posto de control de Riazor, onde as e os deportistas recibirán unha camiseta (tras o selado da letra D) ou un número específico para participar nun sorteo. Cada letra ten asignado un premio polo que, cantas máis letras se completen, máis posibilidades de acceder a premios terá a persoa.