É un dos pesos pesados do Paiosaco nas últimas tempadas, é un dos que sente as cores de corazón, é un dos que sempre da a cara. Josiño Vázquez inicia unha nova tempada no clube da Porta Santa e xa pode facer valoración dos primeiros adestramentos e do encontro de Copa Deputación ante o San Tirso con vitoria axustada incluida que o leva a xogar este mércores fronte ó Betanzos na eliminatoria de dezaseisavos de final.
Que sensacións che está a deixar a pretempada?
Poucos adestramentos levamos, pero os dous partidos que xogamos contra equipos fortes foron bos. O equipo fixo bastante bo xogo e deixa boas sensacións, que por agora é o importante.
Cambia algo esta pretempada das anteriores?
Practicamente é o mesmo traballo. Este ano somos menos xogadores en plantilla que os dous anteriores pero, en principio, continuamos coa mesma idea.
En que estado físico se atopa Josiño?
Para chegar a un nivel físico bo aínda falta bastante, pero eu atópome ben, collendo ritmo pouco a pouco ata que empece a competición, que é do que se trata, chegar nas mellores condicións ó inicio da liga.
En que está a incidir o míster nos primeiros adestramentos?
En adquirir conceptos os xogadores que chegaron novos e os que xa estabamos en seguir máis ou menos co mesmo, con algo que nos foi ben a pasada tempada.
Que valoración lle fai Josiño ó primeiro partido de Copa ante o San Tirso?
Sacamos o partido adiante, que é do que se trata e fixémolo nun campo de dimensións moi diferentes ás do noso. Así que ben porque xogar ben polo de agora non é fácil.
Que tal se están adaptando as novas fichaxes do Paiosaco?
As fichaxes son de moi bo nivel. Están adaptándose rápido e sen ningún problema.
Cal é o obxectivo do Paiosaco durante as semanas de pretempada?
Chegar o máis lonxe que se poida na Copa Deputación e despois chegar ó inicio de liga o mellor posible.
E na tempada?
Na tempada queremos volver a ir a pola Copa da Coruña que a pasada tempada nos deixou tan boas sensacións e na liga facer, polo menos, o mesmo que na última campaña, queremos manter o nivel.
Que lle pide o míster a Josiño?
Juan pídeme o mesmo que nas outras tempadas: ser un xogador intermedio entre os dianteiros e os medios que de pases finais e continuidade ó xogo.