Menú
El Ideal Gallego Diario de Ferrol Diario de Arousa
YouTube Twitter Newsletter Instagram Facebook

Tres millóns de euros para equiparen aos clubs galegos

Lete Lasa estivo onte cunha representación das entidades de Vigo | xg
|

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, supervisou o material recibido polos equipos de Vigo e a súa área con cargo a orde de adquisición de equipamentos deportivos de 2020. En total, os equipos olívicos recibiron material por importe total de preto de 200.000 euros entre o que destacan tres furgonetas e un minibus. Desde 2019, esta liña de subvencións axudou aos equipos galegos cun total de 3 millóns de euros e máis dun centear de furgonetas.


A orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos de 2020 contou cun orzamento total de 700.000 euros para un total de 29 clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas, ademais de 10 federacións.


Cómpre salientar que, para o exercicio 2021, esta partida mantivo o seu importe a pesar do actual escenario de pandemia que provoca que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar.


Os importes das subvencións son o 80% do investimento subvencionable mentres que a porcentaxe restante é achegada pola entidade beneficiaria. Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 euros, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 euros. Cómpre salientar tamén que se reserva un 30% do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas.


Ademais dos equipamentos específicos por modalidades deportivas (32 categorías) e dos equipamentos non específicos, no caso do material sanitario recóllese en 2021 por vez primeira equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).


Cómpre salientar que onte o Diario Oficial de Galicia vén de publicar as listaxes de solicitudes suxeitas a emenda, as solicitudes en motivo de inadmisión e as solicitudes admitidas, presentadas ao abeiro da resolución de equipamentos deportivos para o ano 2021.


En total, 452 entidades (427 clubs e 25 federacións) foron admitidas, 90 (86 clubs e 4 federacións) inadmitidas e 219 (208 clubs e 11 federacións) requiridas para presentar documentación pendente ou a emendar. Un total de 761 entidades deportivas galegas (721 clubs e 40 federacións) presentaron solicitude.


Os interesados poderán formular reclamacións, emendar erros e achegar os documentos que entendan oportunos nun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Tres millóns de euros para equiparen aos clubs galegos