O Concello de Abegondo acolleu antonte, sábado 29 de decembro, a VI Gala do Fútbol Feminino Galego, que cada ano organiza o medio especializado, Revista do Fútbol Feminino Galego. O evento, ao que acudiron unhas 200 persoas, serviu para recoñecer o traballo das xogadoras máis destacadas de todas as categorías. Así, enxalzouse a traxectoria de xogadoras desde a Primeira División española ata a Segunda División Galega e a todos os estamentos, nomeadamente, xogadoras, técnicos e árbitras.
Na Gala déronse a coñecer os premios de mellor xogadora promesa (ata a categoría sub’19), mellor xogadora galega de Segunda División, mellor xogadora da Primeira División Galega, mellor técnico e mellor gol galego da temporada, polo que competiron Lore (Atlántida Matamá), Mari Paz (Valencia) e Marta Regades (Valladares).
Entre os 28 galardóns, entregouse o trofeo de mellor equipo galego ao R.C. Deportivo, que o logrou por segundo ano consecutivo, o de mellor colexiada, a Zulema González González –cuxa nai recolleu o galardón no seu nome-, da delegación de Ourense, que acaba de converterse na primeira muller, colexiada na nosa comunidade, que logra a escarapela FIFA, ademais de ser a primeira que recibe o premio galego por segunda vez, ou o trofeo estrela da noite, o de mellor xogadora galega da temporada 2017/18, que foi parar ás mans da valencianista Mari Paz, única galega que xogou a pasada Eurocopa defendendo as cores de España, e que igualou a Vero Boquete recibindo por segunda vez este galardón.
Aproveitando o contexto especial no que Abegondo foi, durante un día, a capital do futfem galego, o Concello fixo unha homenaxe a varias veciñas que xa forman parte dos comezos da historia do fútbol feminino da nosa comunidade. Nos 60, en Crendes, iniciáronse nesta modalidade.
Recoñecemento
Ao acto acudiu o alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, que se dirixiu ás deportistas alí presentes para agradecerlles o seu labor: “Este evento recoñece a traxectoria, o traballo e o esforzo durante o ano de xogadoras, árbitros, clubs e patrocinadores, pero sobre todo, recoñece o papel da muller no mundo do deporte”, explicou o rexedor de Abegondo.